Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Presenza dos finados no memorial dos vivos

viernes, 02 de noviembre de 2012
Estamos en tempos de concorrer aos cemiterios, aos camposantos como lle chaman os nosos labregos. Unha cita que a memoria e o sentimento determinan para lembrar aos que pasaron o trance da vida. A familia e os amigos benqueridos, os nosos defuntos, posúen permanencia no noso ser. Por iso peregrinamos no día de defuntos, a ese centro vital a ofrendar un oloroso ramallo de flores ou unha folla seca, como acostuman os franceses, ou unha pedra que é habitual no costumario xudeu.

Os galegos aferrados a esa tradición humilde e fraternal, de ir ás campas funerarias dos nosos defuntos e permanecer sobre elas, mantendo esa simbiose existencial entre os que permanecen na vida e na morte. Un encontro silencioso, emotivo e premeditado onde as almas dos vivos e dos mortos fluctúan.

A teimosía de rescatar a memoria dos nosos defuntos non deixa de ter entrañábeis matices de reencontro cos ausentes. E un os lembra en variados acentos de permanencia. A doce e pertinaz teimosía de recoñecelos para celebralos cunha simple flor e con unha delicada pisada sobre a terra na que xacen.

No día de hoxe de 1999 falecía en Compostela Uxío Novoneyra. Despois de acadar a gloria nas súas páxinas literarias, con recendo a terra telúrica e ancestral el permanece. Protagonizando en seus versos o rescate do pasado; a conciencia do ir indo cara outras dimensións onde a lingua e as tradicións teñen ese primordio de tantas alertas que defenden pasados e constrúen presentes, coas delicadas harmonías que el nos deixou. Uxío é un deses ausentes que permanece e vive nun amplo memorando de lembranzas, das que podemos repetir algo tan íntimo que el nos desvelou do seu pensamento: “A morte non é certo”.

Nestes días a presenza dos finados está no inventario mais emocional dos que aínda permanecemos na memoria para volver a ollada ás cousas que eles edificaron e con elas fican en pé; nos escritos que inzaron sabedoría e defensa da terra. Poñemos como exemplo a Uxío Novoneyra, que aínda sen as barreiras da morte continúa sendo un portento de vida na palabra excelsa para liberar un territorio azul e branco.
García, Xosé Lois
García, Xosé Lois


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES