Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

V Congreso Manuel Luís Acuña

martes, 30 de octubre de 2012
V Congreso Manuel Lus Acua V Congreso Manuel Luís Acuña:
construíndo democracia dende a escola


O 1 e 2 de marzo de 2013 terá lugar, na Pobra de Trives, o V Congreso Manuel Luís Acuña. Trátase dun evento de carácter trianual que ten por cometido actualizar o maxisterio do mestre e poeta nado en Sobrado de Trives en 1899. O ano próximo coincide asemade coa feliz conmemoración da publicación de Fírgoas, obra senlleira dada ao prelo, en 1933, no selo da editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal.

Dende aquela data ata agora mesmo este libro, que participa da vocación vangardista da produción literaria galega do seu tempo, coñeceu sucesivas edicións, de tal xeito que, arestora, é un poemario varias veces reeditado, cinco en total, as dúas últimas neste século. Isto sitúanos nun escenario significativo de seu, por canto nos atopamos que, con ser autor de obra editada escasa, é unha figura que suscita un grande interese por moitos axentes da cultura galega contemporánea.

Sirvan como mostra, amais do referido, estoutros dous exemplos. Dunha banda, o pronto esgotado volume Manuel Luís Acuña, que viu luz, da man de Edicións Xerais, en 2000, no que se recollen as contribucións literarias e plásticas de máis de medio cento de importantes creadores galegos.

Doutra, a serie das publicacións que conteñen os traballos realizados en cada un dos congresos —no intre en que están a punto de se editar as Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña—, obra dalgunhas das principais figuras da nosa cultura actual.

Mais no perfil intelectual de quen foi tamén colaborador de diversos rotativos ourensáns salienta aínda outra característica que o fai merecente, máis se callar, de ocupar un lugar destacado no panorama do século XX. Trátase do seu exercicio profesional, na súa condición docente, onde se combinan e complementan oficio e vocación.

Manuel Luís Acuña Sarmiento foi un notábel mestre da escola pública, represaliado profesionalmente, e un dos membros destacados daquel ronsel de ensinantes da ATEO (Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense). Ao compromiso e ao exemplo inquebrantábel cos valores dunha escola pública de calidade entregaron entusiasmo e intelixencia os mestres da Segunda República, logo vítimas dunha cruenta represión a partir de mediados de 1936.

A honrar a súa memoria, a actualizar o seu exemplo, a incidir na importancia dunha instrución universal óptima —do cal estamos tan imperiosamente necesitados nestes tempos— contribúen os congresos que, ata o intre actual, cada tres anos, se veñen celebrando na comarca de Terra de Trives.

O título englobante desta nova edición é “Nos tempos en que Acuña era bacharel”, xa que, hai agora un século, o escritor de Sobrado, era un adolescente que estudaba nas aulas daquela vila do oriente ourensán.
Coma en todas as edicións anteriores, a calidade das propostas, a significación dos participantes —tanto conferenciantes coma relatores—, a diversidade de realizacións seguen a ser denominador común. Nova Escola Galega, a Universidade de Vigo —a través da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense— e o Concello da Pobra de Trives convértense, arestora, en claros expoñentes da defensa do patrimonio público máis valioso, que é aquel que ten como cometido tratar de construír unha sociedade democrática en igualdade, a través de lle transmitir a mellor formación posíbel a todos os cidadáns.
Domínguez Alberte, Xoan Carlos
Domínguez Alberte, Xoan Carlos


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES