Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As crises dende a ciencia

viernes, 19 de octubre de 2012
O fenómeno complexo das crises ten moitas variables. Hoxe intentaremos xulgalas dende a ciencia e a tecnoloxía, con unha breve incursión na historia. A ciencia, os coñecementos e progresos científicos, veñen a cachóns, non son un todo continuo, e, conseguintemente, ocorre igual coa técnica: máquinas de vapor, buxías eléctricas, ordenadores..., son verdadeiras sorpresas, que teñen un considerable impacto no económico, no político e no social en xeral, especialmente no cultural, porque cada golpe da ciencia desencadea unha cantidade de inventos que, sen dúbida, introducen innovacións, que, a súa vez, levan aparelladas, coma opacas coirazas, fortes sensacións de progreso.

Claro, nestas etapas de euforia progresista, científica e tecnolóxica, xérase moita riqueza, é dicir, emerxen vagas que alegran a inversión con efectos catalizadores nas operacións bolsistas. Se consultamos un libro de historia, veremos o que ocorreu coa enerxía xerada polo vapor, que, no tecnolóxico, deu lugar á locomotora. Isto trouxo consigo moita riqueza, e quen a posúe arrisca a empregala, aínda que sexa en proxectos pura e simplemente especulativos que leven a catástrofe.

Segundo os estudosos, a riqueza xerada pola revolución industrial inducida pola enerxía do vapor foi parar á Bolsa de Londres, e como houbo moita afluencia de compañías ferroviarias, debido a competencia, iso acabou cunha burbulla, que estoupou causando o crac do 1.850. Todo terminou coma o rosario da aurora, colapsando o capitalismo aparatosamente, arrastrando tras de si unha serie de crebas seguidas e encadeadas unhas á outras, porque as inversións que se viñan facendo tardaron anos en dar resultados positivos.

Pero o máis serio e grave de todo isto, en actitudes e condutas (de matiz ético), é que o capitalismo non aprendeu, non sacou ningunha lección deste suceso, e como máis adiante veu a revolución da electricidade e a conseguinte automoción, repetiu a escena: CREACIÓN DE RIQUEZA, BURBULLA e CREBA. E xa estamos en presenza da “Gran Depresión” de 1.929, e pola mesma razón: Os proxectos nos que se gastou o diñeiro non foron efectivos ata os inicios da segunda metade do século XX.

Volta e dálle ao mesmo: Creación de riqueza pola nova tecnoloxía dixital, que agora, coma non había outras perspectivas mellores, foi a parar ás inmobiliarias. Os inversores, con non pouca teima, sorrisos de sabichóns e ademáns ben expresivos da soberbia de autosuficientes, tampouco nesta ocasión foron capaces de aprender a lección: especularon, crearon a burbulla e crebaron, caendo na mesma indixencia da conduta ética, e deron lugar á crise do 2.008. E aquí estamos, pagando as consecuencias dese soberbio proceder xustamente os que pouco temos que ver con el, nas mans da incompetencia gobernativa e da imprudencia, antes, e agora, do anquilosamento dos que teñen competencias atribuídas para introducir as necesarias reformas estruturais, salvo, claro está, excepcións articuladas en toda esta barafunda.

A gran pregunta que todo o mundo fai non se deixa esperar: Ata cando temos que soportar esta situación?. Cunha perspectiva científica, poderíamos contestar que ata que os especuladores teñan outra ocasión de crear moita riqueza, aló cando xurda o APOXEO DA ALTA TECNOLOXÍA.

Agora imaxinemos que, por exemplo, a nanotecnoloxía experimente un auxe importante e que os capitalistas e banqueiros, que volverán a esquecer o pasado, entren de novo en xogo, previa a adquisición de inxentes riquezas.

Volverán as novas xeracións ás andadas, porque o egoísmo non aprende e usurpa. Será cando tamén os robots fagan o traballo en cadea, que xa o están facendo nalgunha medida, e volverá o paro: É a revolución informática, que irá eliminando os mediadores que executan ordes. Sen embargo, o que non poderán facer nunca os robots será emitir xuízos de valor e xulgar con sentido común, algo que xa non se fai moito na sociedade actual, o que nos da a medida do robotizados que estamos.

Tampouco poden os ordenadores e robots gobernar, porque, aínda que cheguen a ter unha información suficiente e opcións dispoñibles, non poderán elixir o que convén a cada situación, e entón hai que supoñer que as xentes se volvan cordas e asuman as responsabilidades persoais pertinentes.

Se nos fixamos, veremos que cada século introduciu novas tecnoloxías, que causaron unha serie de desaxustes económicos e, conseguintemente, nas maneiras de vivir das persoas. Frecuentemente, a moitas empresas que ían mal houbo que subvencionalas, sen deterse a pensar que con esas subvencións non se consegue máis que atrasar o dano da súa creba, aínda no suposto de que ás subvencións se lles dea o destino para o que foron creadas.

Penso que non é difícil decatarse de que aquí entra en xogo a cuestión da preparación, que necesariamente ten que ser fundamental, porque xa temos presente o cambio a unha economía máis ben de servizos, coas esixencias dun certo capital intelectual, no que prime a creatividade, a capacidade de análises e de innovación e a recuperación dun sentido común hoxe en día moi aldraxado, e do que vamos a necesitar moito, para racionalizar o uso da enerxía, e procesar a inmensa cantidade de información que se nos vai ofrecer, posto que canta máis enerxía consumamos e máis información emita unha determinada civilización, máis contaminación teremos: A información e a enerxía non van abondar para garantir a nosa supervivencia, porque nos poden levar a un caos letal (a un aumento da entropía); se impón, pois, acadar un certo equilibrio.

Se nos serve de algo, non é un segredo, tampouco, que os países que prosperaron despois da Segunda Guerra Mundial foron os máis arruinados, Alemaña e Xapón. Cómo o conseguiron?. Con moito traballo e disciplina, mantendo unha gran cohesión nacional e cunha preparación dos cidadáns axeitada as necesidades empresarias e tecnolóxicas. Todos os que lembramos eses tempos podemos dar testemuño de cómo en Alemaña os cidadáns, sen excepción, sacaban os aneis para axudar á recuperación dos bens públicos e ningún “Land” ameazou coa secesión. Acouguemos un pouco os españois e deixémonos de andar ás rifas, con evidente insensatez e torpeza, e “paremos mientes” en todo isto: Só o traballo, a COHERENCIA NACIONAL, o espírito de servizo público, a posta das aloucadas reivindicacións no seu propio lugar constitucional, a honradez e o cambio das etnocracias e cleptocracias polas meritocracias, xustificadas racional e razoablemente, no actual contexto, poden dar solución aos problemas que nós asestan, e só desta maneira poderemos afrontar o novos retos que nós esperan, xa que se non estamos situados nas correspondentes pistas de despegue, non os acadaremos.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES