Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A manipulación lingüística

martes, 09 de octubre de 2012
Nestes tempos que corren, ás veces demasiado rápidos, coma lóstregos de vivencias, non se entende que as persoas manteñamos unha confrontación por cuestións lingüísticas. Mais tal cousa si acontece. Despois de coñecer as verbas do ministro de Educación, José Ignacio Wert, nas que afirmaba que hai comunidades autónomas nas que se identifican tendencias de autodeterminación no sistema educativo, un chega á conclusión que esta clase de persoas non están a gusto se non montan polémica, se non queiman o acougo da sociedade cos seus discursos incendiarios.

Alguén que faga defensa da súa lingua non pode ser considerado coma un talibán, sempre e cando dita defensa non supoña sometemento por parte dos demais ás súas autocráticas directrices. Que máis defensa precisa unha lingua coma o castelán que a propia protección xurídica que lle outorga a Constitución Española do ano 78! Unha protección que non posúen ningunha das outras tres linguas (que non dialectos, aínda que a algún espelido lles gusta denominalas como tal) que gardan grao de cooficialidade no Estado español.

O galego, o catalán e o éuscaro constitúen tres sistemas lingüísticos que definen non só unha xeografía territorial determinada senón tamén un espazo cultural, cunhas características que poden (teñen pleno dereito a) convivir e desenvolverse ao carón do eido (inmenso e asoballante, por veces) do castelán ou español. As linguas, como entidades abstractas, non se pelexan entre elas. A confrontación procede da realización concreta que fai un falante (individualmente ou como parte dunha colectividade) de cada unha delas. Mais, tal confrontación podería resultar totalmente inocua e enriquecedora se non pretendésemos impor a vixencia do sistema idiomático que empregue cadaquén en detrimento do outro ou outros cos que lle toca convivir. E como medio de conseguir tal imposición acollémonos ao recurso xurídico, tentando manipulalo arbitrariamente, para que a concepción lingüística que un defende quede por riba da outra, chegando incluso, dun xeito subrepticio, a pretender aniquilar a existencia desta última, a súa manifestación social.

Establecer unha loita entre os sistemas idiomáticos que conviven no territorio español, co gallo de saber quen ten máis poder de supervivencia, só pode ser obra de ideoloxías autoritarias (ditatoriais, diría eu). A riqueza lingüística que ofrece o galego, o catalán e o éuscaro é perfectamente compatible coa que mana do castelán. Cada lingua alberga as súas singularidades que as fan distintas das outras e que, ao mesmo, tempo serven para alimentar a riqueza idiomática e, xa que logo, do falante que fai, en liberdade, uso das mesmas.

Reitero, como tantas voces aleguei, que non hai proceso máis sublime na esencia dunha persoa que estar en posesión dunha riqueza cultural o máis diversificada posible e, daquela, poder manifestar tal riqueza nunha multiplicidade de sistemas lingüísticos, sen ningunha discriminación. Poñerlle valados á expresión do individuo ou manipular o seu pensamento con aleivosas e maquiavélicas mentiras é recuar no tempo, volver ás cavernas. Eu penso, sinto, falo… en galego, e non teño ningún obstáculo mental para utilizar outra lingua distinta da que alimenta a miña esencia, pero nunca por imposición ou por argucia legal. E o que non estea de acordo, que mire dentro de si porque de seguro que algo falla.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES