Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A supervivencia de Alcoa

viernes, 28 de septiembre de 2012
Dende hai algún tempo, a Mariña de Lugo está axitada, de novo, pola supervivencia da empresa ALCOA, instalada na Costa Lucense. E digo “de novo”, porque outros eventos anteriores pulsaron as cordas da sensibilidade económica desta comarca e limítrofes.

Non se nos presenta isto coma un fenómeno socio-económico-laboral estraño, dende que o proxecto de instalación dunha central nuclear en Regodela, Xove, aflorou no ambiente coma un primeiro paso para crear nestes paraxes unha especie de “polo de desenvolvemento”. Penso que todo caeu sobre as poboacións destas terras coa mesma sorpresa que o fai unha torboada de sarabia, e ata cos mesmos impactos anímicos: prometedora por fascinante e altamente preocupante polos efectos futuros irreparables.

Descartada a central nuclear, xurde o proxecto que acaba, anos despois de haberse levado a realidade, capitaneando o INI (Instituto Nacional de Industria) para a producción de aluminio, xerando moitos postos de traballo directos e indirectos, con evidentes repercusións na comarca e fora dela.

Todo isto, na miña modesta e non suficientemente documentada opinión, produciu un eufórico e anárquico desenrolo económico na comarca, co conseguinte aumento do nivel de vida. Pero esta empresa de producción de aluminio, e descoñezo por que, pasou a mans dunha multinacional, ALCOA.

E digo “anárquico” porque os que lles correspondía catalizar a creación dunha estrutura económica constituída por entidades empresariais independentes da producción de aluminio - para a blindaxe económica da zona en previsión de eventualidades - e auxiliares localizables, para cubrir as necesidades da mesma, en canto fora posible, déronse por satisfeitos e abandonaron esas esixencias da lóxica económica, que serían ben consecuentes coa propia dinámica social, cultural e económica, xa xerada. Pois aínda que facer piscinas, auditorios, adecuar os portos e crear unha importante infraestrutura sanitaria e para o ensino foi algo absolutamente necesario, sen embargo deveu insuficiente, como se evidenciou máis tarde.

“Insuficiente”, porque nunca debeu deixarse a actividade económica ao arbitrio, case no monopolio, dun só “polo” catalizador, xa que, precisamente, por ter esa condición, interésalle moito máis promover as actividades complementarias, enervando as independentes, a fin de vigorizar as estratexias empresariais, mediante a difusión dun certo ar de inseguridade, para acadar vantaxes.

Chamoume a atención, nunha entrevista que fixo un medio, que soamente un dos entrevistados, con motivo deste “affaire”, opina, moi acertadamente, na miña modesta opinión, que “o problema da comarca é que non se diversificou a economía”. Porque...as consecuencias dun posible peche suxeridas pola maioría dos enquisados son ben previsibles e non sorprenden a ninguén: Descenso do nivel de vida, establecementos comerciais fechados, morosidade crediticia, pobreza, índice elevado de paro, desconcerto económico, etc., sen que ninguén, sexan políticos, asociacións empresariais, etc., poida facer o que non se fixo en moitos anos, xa que o problema non quedará solucionado, máis que provisionalmente, cun acordo sobre a tarifa eléctrica: É posible que a empresa teña nas súas mans outras propostas de matiz estratéxico que fagan trepidar ás estruturas económicas da comarca.

Pero tampouco temos que excluírnos desta responsabilidade os mesmos cidadáns, sempre moito máis preocupados polo noso benestar consumidor e afán vaidoso que por crear fontes de riqueza alternativas a Alcoa. Por suposto, que algunha si hai, pero cun alcance pouco máis que familiar, salvo os esforzos empresariais derivados do mar, que posiblemente podían ser incrementados.

No nos enganemos: O problema das tarifas eléctricas, sen deixar de ser fundamental, non vai sosegar os ánimos das xentes dos pobos afectados.

As empresas teñen bos asesores que lles irán marcando o camiño, en función da globalidade económica e das esixencias tecnolóxicas.

Solución: Pregúntenlle ao golpe, que el sabe como se fai, e non se lle ocorre meterse sen precaución na súa gorida antes de facerlle varios furacos de saída. E desta maneira non ten que improvisar e laiar cos eventos que lle vai ofrecendo a vida.

En todo caso, e dito todo isto, eu quero sumarme modestamente ao clamor dos meus veciños, reclamando razoables solucións para este problema que temos con Alcoa, en evitación da catástrofe económica, porque os tempos non están para abrir outros camiños que garantan viabilidades económicas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES