Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A radio entre dous séculos

martes, 25 de septiembre de 2012
A EVOLUCIÓN NA RADIO LOCAL NOS ULTIMOS ANOS

(Equipos de baixa frecuencia, programación, traballos, departamentos, categorías profesionais, e alguna anécdota).

Cando Xulio Xiz me encargou este traballo, ou reflexión, non me decatara de que pasara tanto tempo... E cando me puxen a recopilar datos na miña cabeza, caín na conta de que levo 28 anos na profesión, e en 28 anos, ou un chega a Director Xeneral, ou non chega a nada. Ese é o meu caso.

Xulio propúxome falar da música, tendo en conta que sempre estiven en contacto con ela, só contacto, non se me pegou nada... o meu non é lembrar temas, nin artistas, nin tan siquera ubicalos nesta ou aquela época. Nas miñas diversas incursións radiofónicas fun, máis ben, un maltratador de cancións.

Quizais me centrarei, se mo permitides, nos aspectos que fixeron e fan que aquela maneira raidofónica de traballar de fai anos, fora mudando. De feito, coido que xa mudaba no momento da miña incorporación..., dous anos despois do mundial de fútbol de España.

O acceso á radio

A miña experiencia persoal, lémbroa case coma unha FP, con maestros únicos. No terreo técnico, non podería ter un mellor que Bórtolo, Xesús López Calaza, que ademáis de inventor dun sistema de Televisión, era capaz de emitir programas pregrabados e ensamblar as diferentes programacións mentras termaba entre as suas pernas un Magnetofón Revox destartalado que, ó final acababa amañando mesmo cun pauiño, ou cunha chapa de cervexa, se non podía ser doutra maneira. Ao mesmo tempo, o bon de Bórtolo, que con aquél mandilón blanco parecía o mismísimo Dr. Bacterio; tamén atendía a emisión dos programas que lle tocaban en turno. Aínda recordo unha vez, a emisión de «Tribuna Deportiva», que se emitía grabado en bobina de cinta aberta de 6 milímetros, que coa miña presencia, e sempre co incesable ánimo de aprender, me tocou supervisar. Eu non sabía qué tiña que sair ó aire, e un día, xa de noite, Bórtolo que estaba ensimismado reparando aparellos, me dicía: «vai ver a ver si soa a cinta», e a cinta soaba. O cabo duns minutos, voltaba «vai ver a ver si soa a cinta», eu voltaba do control Central ó antigo estudio 3, onde él reparaba aqueles días, e lle dicía, «sí, soar soa, hai unha xente cantando». «¡¡¡¿¿¿Cómo???!!!», dicia Bórtolo, erguéndose coma un raio, deixando caer o aparello e todo. Polo corredor escoitábaselle dicir: «pero si teñan que estar falando de deportes.». Claro, na cinta xa se despediran os de deportes facía boa, despois fixerase o silencio, e logo sonaba parte dunha misa cantada que xa se radiara outro día. A verdade é que me sentín algo mal polo da carreira de Xesús; pero aquela experiencia tivo algo positivo: ensinoume a relativizar, a desmitificar o que era todo o intríngulis radiofónico. Agradezo moito todas aquelas horas con Bórtolo, hoxe xa xubilado.

Equipos e traballos

Os magnetofóns (grabadores/reproductores) que se usaban naquel intre eran das marcas REVOX e TELEX, que eran as estrelas daqueles tempos. Tamén lembro unha mesa de mixturas chamada ESPARTA, semellaba case de xoguete; e outra, LINK, con patas de madeira. Todo iso empregabase, entre outras cousas, para radiar aqueles anuncios/cuñas que saían pola radio; ademáis, como é loxico, para realizar os diversos programas en directo ou grabados. Hoxe pode parecer incríble recordar que detrás de cada anuncio que saía ó aire, sempre había unha man dun home. Sí, na nosa Radio, sempre era un ser masculino o que lle daba ó botón.

Claro, o que estaba para botar, pulsar, non estaba para falar. Para falar
estaban outros, ou outras. As mulleres case sempre se orientaban cara a locución, pero tamén existían voces masculinas. Refírome a aqueles primeiros anos da experencia que reflicto.

Dende o primeiro momento, a miña actividade se foi enfocando polo lado da técnica, a técnica de manipular equipos de audio. O outro, a parte más visible ou audible, a parte da fama, da locución, foi algo que sempre ía o marxe de min. Bueno, nos momentos iniciais.

Tendo en conta esa diferenciación do traballo entre a locución por un lado, e a técnica polo outro, dábanse as condicións para que a emisión, os programas, a antena, a audición, saira dunha maneira máis sosegada, mellor amalgamada. E, a estas dúas vertentes profesionais, habería que engadirlles: outra parte ou responsabilidade de programación, outra de producción, outra de publiciadade, etc.

Nos inicios do meu aterraxe na radio, había, teño contado, ate 23 compañeiros, coas diferentes responsabilidades e categorías profesionais. Os deportes, cun staff externo composto por unha serie de colaboradores, cada un especialista no seu deporte. A publicidade, co seu tecido correspondente. Os técnicos de son, que era o colectivo máis numeroso (cada música que soara, cada voz que se ouvise, cada anuncio ou cuña que soara, sempre tiña a man dun técnico detrás). Conmigo, chegamos a ser 7. Un xefe de programas, un Director, varios locutores, redactores, varios de administración, e ata una encagada de arquivos sonoros. Había moito menudeo: esquelas directas, o Clube de amigos, con adicatorias pagadas, etc.

A programación

Creo recordar que ate 16 horas diarias de producción local, e polo que me contaban nalgunha época, máis.

A programación era eminentemente local, por tanto, publicando novas locais, dando entrada ás inquedanzas de grupos culturais, asociacións de veciños, tamén novas comerciais, retransmisións en dirento dende as rúas da cidade, eventos deportivos, inauguracións, programas coa unidade móbil, programas especiais, en San Froilán, Fin de ano, programas dende as praias no verán, o rallye (que aínda segurimos retrasmitindo, decenas de anos despois)... Este é o único fito que nos fai recordar a época da radio local con maiúsculas.

E aquel programa chamado «A Carón», que organizaba completamente Marcial Gonzalez Vigo. Si algo sei de radio hoxe, débollo todo a él. Unha vez que me incorporei como técnico ó seu programa, tamén fixen parte da producción; e pouco a pouco fun trocando un pouco a música de Faustino Santalices coa sua Zanfona que tanto lle gustaba e lle gusta a Marcial, por outra que me parecía a min más marchosa pero que ó mellor non viña tanto ó caso. Xa digo, con Marcial aprendín a facer casi de todo: grabar, montar, producir, e ate falar. Bueno, a iso coido que aínda non aprendín hoxe.

A verdade é que penso que non fun moi bon alumno, xa que o meu amigo Marcial non firmaría a mitade das andanzas radiofónicas nas que me metín. Como por exemplo "La estafeta de Cadena 100" . Ás veces, eu creo que por non darme a su a opinión sobre un programa tan bacilón, ate me contaba algunha anécdota sobre os comentarios do Presidente da Diputación daqueles tempos, Sr. Cacharro Pardo; quen seica, ás veces,o escoitaba; ou o Comandante Xefe da Garda Civil, que un día vindo de camiño a unas xordadas do Bacalao na Parrillada Antonio, lle comentara que se esmendrellaba de risa, creo que para non decirme o que realmente lle parecía o programa. Que barbaridades sairon ás veces pola antena daquel programa de bromas! Xente nova!

O desenrolo persoal

Cada quén podía montar o seu programa. Lembro programas musicais; incluso con concertos en directo. Programas de entretenemento, de participación cidadán, deportivos, culturais, de denuncias, narrativos, etc.
Recordo tamén , e ben moi a conto destes dias da Semana De Cine, que xunto cos meus compañeiros Maria José Fernández Azpeitia, e Adolfo Somoza, puxemos en marcha un programa chamado "De Cine", eles dous daban conta das novedades cinematográficas de cada semana nas sáas de Lugo, e eu estaba os mándos técnicos para poñer aquelas bandas sonoras que caían nas mans que, en moitos casos, non concordaban coas estreas. Recordo que coincidiu no tempo onde se decía que Lugo, era a cidade española con máis cines por habitante de España. Pode ser. O internet e o Yutube, ainda non estaban ó día.

E máis relacionado aínda con Fonmiñá e co cine, e coa cultura en xeral, teño qeu facer mención a Paco Arrizado, que ademáis de formar parte de dito colectivo, tamén foi compañiero na radio, e persoa moi válida da que aprender, coma das formigas. El sempre foi capaz de revisar tanta documentación que, ás veces, nin lle cabía na mesa do locutorio, que era ben grande. Era único descubrindo novas nos BOES, escarpullaba e escarabelleba ate que atopaba novas nas que non reparaba ninguén.

E Paco Nieto, do que aprendin a pulcritude á hora de trasladar o son á xente, sempre coa calidade axeitada, Paco sempre tivo un arte especial para escoller as sintonías e melodías perfectas.

O certo é que o linde da motivación dos traballadores da radio poñíao cada quén. Nalgúns a creación e a realización de programas supoñía un ingreso extra para os que eran capaces de adentrarse tamén na contratación publicitaria. Co paso do tempo, un chega a ter morriña deses momentos, onde o traballo casi que era un reto diario.


Dende a Unidade Móbil

Cantas e cantos programas de festas, e inauguracións, e anécdotas sucederon. Cada día que facíamos o programa dende fora, sempre había que recrear un escenario semellante ó que había nos estudos, ainda que non sempre era posible. O que sí, a parella de baile, éramos sempre Marcial González Vigo e máis eu, Marcial ó micro, e eu ós aparellos. Unha vez, na feira da maquinaria agrícola da Feira do Monte, metéronnos nunha Caravana que facía as veces, de cabina de prensa, e había tanto ruxido fora que non había que parara. Primeiro, e antes de iniciar o programa, este que lles fala xogueteaba con abrir e pechar a porta de dita caravana, e o efecto que producía a Marcial, que estaba dentro tratando de poñer en claro os últimos datos. Xa se poden imaxinar a molestia. Despois, cando faltaban poucos minutos para sair ó aire, era eu o que precisaba poñerme en contacto cos compañeiros da emisora na Rua de Valiño, e necesitaba probar a liña telefónica que era o que usábamos. Nese intre, quen xogueteaba era Marcial, abría pechaba, pechaba, abría dende fora da caravana. Agora era eu o que me tiña que amolar... E tanto me amolei que tirei con forza da porta e,... de súpeto fíxose o silencio. Puiden logo conectar con tranquilidade e ter todo disposto para entrar en directo, ata que chega un dos organizadores, e me di «¿pero que lle fixeche a Marcial?». Saín fora inmediatamente, e vin como Marcial verbalizaba tales improperios que eu nunca lle oira, ademáis de meter a manciña no medio das pernas mentas daba saltos pola feira. Unhas polbeiras decían, "ay meu Deus, seguro que lle deu un calambre", uns tratantes dicían, "pois non sei, debeulle dar un mal". Claro, eu íame decatando por momentos de que lle trincara un dedo coa porta da Rulloute. E xa non sabía si achegarme, pero claro, facendoo naquelas circunstancias, e co irremediable xesto de cachondeo na miña faciana, tampouco era moi aconsellable. En fin, todo se resolveu grazas a aquela boticaria da Farmacia da Feira do Monte despois de pincharlle aquel derrame nun dedo a carón da unlla. En fin, este é só un exemplo do moito que me aturou Marcial, e das moitas disculpas que lle terei que pedir sempre, e das moitas loubanzas que merece por non me ter en conta nunca ningunha das miñas trasnadas.

E falando de Cospeito, tamén alí, na Feira do Monte, sufrimos o mesmo par de dous, unha das maiores afrentas que pode sofrir un xornalista por cumplir coas suas funcións, informar da feira nun lugar aceso para todos. Algunhas Autoridades municipais, algúns organizadores daquela Feira e incluso algún expositor, non souberon termar das ameazas dun que se creía o novo capo da zona por que lle agasallaron cunha radio, e nos enviaron á Benemérita cando estabamos a entrevistar en directo a algúns dos nosos patrocinadores, nun lugar aberto e público. Os gardas, tiveron sentido común; e cando lles amosámos o carné, nos pediron disculpas por algo que non tiña ningún senso.

A chegada da informática

Coa aparición dos ordenadores, ferramenta casi imaxinaria e abstracta, os aparellos reais pasaron a ser virtuais, cambiaron o esceario tamén da radio, onde case sen percatarnos, escomenzaron a limar a plantilla. Primeiro cun ERE (fai 15 anos), despois chegou unha segunda escolma(fai algo menos), e xa recentemente un ERE temporal na actualidade. Os tempos non están para moitas ledicias, como ben sabedes...
A verdade é que, a informática por un lado, e a asunción de cada vez máis espacio local por parte das cabeceiras, casi sempre dende Madrid polo outro, tiveron un efecto negativo nos postos de traballo. De feito, cando existiron os expedentes de regulación de emprego, foron as provincias as que se desangraron, manténdose casi ó cen por cen os traballos das centrais.

Os ordenadores levaron por diante a maioría dos técnicos que botaban dende facía anos as cuñas manualmente, unha a unha. Por contra, nunca existiu un interés, unha extratexia para reciclar, reubicar a esas persoas noutros traballos ou postos, para intentar manter a parte correspondente de mercado.

A informática trouxo despidos, menos programación local, perda de ingresos, e claro, tamén de gastos. Entón o balance se fixo máis positivo. Perdeuse audiencia, ou máis ben repartiuse porque a informática permitiu abrir novas estacións con menos coste, pero con, cada vez, menores plantillas.

Pero non debemos demonizar a introducción da tecnoloxía, máis ben todo o contrario, a tecnoloxía debería de ter facilitado a liberación de persoas para abrir novas perspectivas, novos departamentos para a procura de máis seccións, coa posibilidade de máis ingresos. Pero non, mais ao contrario, a política foi a de gastar menos, por tanto, ingresar máis. Para iso, máis tecnoloxía e menos personal en provincias, e, a cambio, globalización informativa e colonización cultural!

A chegada da Radio fórmula

A cadena 100, ó igual que outras, convertiuse niso, nunha fórmula repetitiva con música reiterativa que dende dentro se facía subir ou baixar segundo o número de veces que tiñan que sonar os diferentes discos. Teño que recoñecer que nunca me gustou que a nosa frecuencia renunciara a ter un espazo para pinchar música da nosa, maquetas nos nosos grupos que, si acaso, as veces non soaban moi nítidas, pero que só o feito de que sairan ó aire os traballos dos grupos locais, facía que outros grupos se animasen a xuntarse; e ós que xa soaran na radio, a refinarse ainda un pouco máis, sempre co ánimo de mellorar. En fín. Non quedou más remedio, non era o noso negocio. Pero o certo é que cun só disjokey, ou locutor, ou Coordinador como foi o meu caso, bastaba, pero ahí estaban, tamén, os recortes. Estamos a falar de fai dez anos aproximadamente. Agora nin eso, a nosa, coma o resto de fórmulas de música, son postes repetidores, onde o único local son as cuñas publicitarias que lanza un ordenador.

A eclosión de radios novas

En Lugo, das dúas emisoras clásicas, pasouse a unha morea de radios. as que chegaron de novo, en xeral, non apostaron pola radio local. Unha mágoa. Este espazo sempre foi, e segue a ser, residual, igual que as que xa estaban implantadas.

Anos despois, o resultado foi que algunhas das que xurdiron ó amparo do masivo reparto político, se fusionaron, fixeron ERE´s, funcionan como repetidores, ou, finalmente, pecharon.


As novas xeracións

Moitos postos se teñen amortizado, e agora outros son ocupados por persoas máis novas, máis preparadas académicamente, pero tamén máis baratas en virtude da nova lexislación laboral, e con máis precaridade. Hoxe chégase a contratar servizos con persoas que á sua vez traballan por conta propia, eso sí, para un só pagador en moitos casos... O terreo deportivo e o da publicidade son o niño destas novas fórmulas que impiden máis implicación, e favorecen o desarraigo. Non é isto algo exclusivo do ámbito da radio. É un mal sistémico desta nova sociedade na que vivimos, ou tratamos de sobrevivir.

A crise e o afastamento do diñeiro das Administracións

A crise fai, entre outras moitas consecuencias, que os recursos públicos sexan cada vez mais escasos, e con isto, gran parte dos ingresos dos medios de comunicación. Nalgúns casos o diñeiro público era o verdadeiro sustento de algunhas empresas do chamado cuarto poder. A consecuencia é menos tratamento local e menos e máis precario emprego, como xa refeiamos fai uns minutos.

Reflexión final

Coido que, nas grandes empresas radiofónicas, os espazos locais, nun linde razoable, se poderían manter e abastecer tanto de contidos atractivos como económicamente, ademáis de cumplir cunha certa labor social. Non nos trabuquemos, hoxe esa xa non é a labor esencial da radio, que magoa, senon a económica e de poder. Hoxe son empresas, e teñen que optimizar recursos para obter beneficios.

Sei que é un soño, ou unha utopía, pero creo que hai espazo para varias emisoras, que estén ó tanto das cuestións locais dos povos e pequenas cidades coma a nosa, con xornalistas nas rúas, pulsando o día a día, sabendo do prezo dos mercados de abastos, das denuncias cidadás en directo e sen cortes, restransmitindo e desmenuzando a actualidade municipal, narrando os acontecementos deportivos, estando a carón dos festexos, inauguracións de actividades comerciais, interesándose polas novedades do redor. Convocando a opinións plurais, contando con colaboracións de persoeiros distinguidos pola sua experiencia, adicación, actividade investigadora....Todo sin descartar a perfecta ensamblaxe entre as diferentes tecnoloxías, as diversas maneiras par comunicarse e informar, e dominando e evolucionando ca propia radio que, loxicamente, vai á par que a propia sociedade. Ferramentas como Twiter, e-mail, facebook, e incluso tamén o teléfono son hoxe cruciais para facer unha radio dinámica, cercana, viva... Tan viva coma as persoas, coma a propia sociedade na que nos movemos.

Para ramatar

Darvos a todos as grazas por me ter escoitado contar parte das experiencias dunha persoa que vivíu máis de media vida na radio, un ámbito que hoxe se ve tratado e reflictido nesta semana de cine, que, coma sempre de maneira incansable, altruista, pertinaz, e comprometida, organiza o Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá.

Grazas.


(Conferencia de Chema Núñez Losada dentro do ciclo "Cine e Radio", da XXXIV Semana internacional de Cine de Lugo).
Núñez Losada, Chema
Núñez Losada, Chema


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES