Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fágase o viño en min

miércoles, 19 de septiembre de 2012
Por nai Sacra ribeira
por pai forte vide,
fillo da Ribeira Sacra
fágase o viño en min

Antón Valcarce

Unha das cousas que máis me ten impresionado, chegando ata o arrepío, é ver como unha voz emocionada lle canta a súa Terra (así, en maiúsculas por ser única e singular). E non ten porque ser a Terra propia á que se escoita cantar! Xa que as emocións derivan da empatía coa voz que se ergue: como non emocionarse con Aragón ao escoitar ao inesquecible Labordeta cantar aquilo de “polvo, niebla, viento y sol”?, ou escoitando ao noso Miro Casabella cantar “O meu país”? Ou a Gardel cantando “Mi Buenos Aires querido”? Ou a “Lisboa menina e moça” de Carlos do Carmo? Son cancións eternas, que reflicten sentimentos interxeracionais, interculturais e en definitiva humanos, cara esa Terra – Matria na que se amantaron os primeiros soños.

Por iso (insisto), cunha pequena dose de empatía, os seres humanos podemos compartir nostalxias, morriñas e saudades.

Nesta ocasión a Terra (así, en maiúscula) é a Ribeira Sacra, e o seu cantor Antón Valcarce. Nun vídeo de 4:06 minutos de duración, a música e a poesía de Antón describe e acompaña ás imaxes de Némesis Creaciones S.L. Sen dúbida trátase dun traballo sociocultural que percorre todos os patrimonios presentes na comarca citada, reflectindo o carácter poliédrico da mesma. Deste xeito, podemos contemplar unha procesión, o románico, o entroido ribeirao de Santiago do Monte, o entroido do oso de Salcedo, a olería de Gundivós e por suposto! As fermosas vides que levan nas súas raigañas o ADN da comarca en “sangue e suor secular”, como canta o autor.

A música e a letra, é a dun home que ama a súa Terra, que se sabe parte dela e que sente no sangue o latexo fondo da paisaxe. Non por casualidade escolle como retrouso “fágase o viño en min”, ou un ácimo de uvas como primeira imaxe. Ao igual que tampouco é casualidade que fale dos seus antergos, “fidalgos pero humildes”, quizais divisados nos infindos horizontes da torre monfortina de San Vicente. Nada é casualidade, porque Antón pon corazón e alma para retratar unha Terra máxica e a maxia dunha Terra cun fondo potencial endóxeno do que, sen dúbida, el mesmo forma parte.

Somos os nosos mellores cantores, somos os nosos mellores promotores. Só nos falta a vontade para valorar o noso e consideralo como o que é: único no mundo. E así, nun acto de amor colectivo, quizais poidamos poñer en plural o retrouso de Antón e dicir: “fágase o viño en nós” .

Parabéns ao amigo e cantor Antón Valcarce.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES