Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Avelino

viernes, 24 de agosto de 2012
Del sabía, como non, había tempo, pero o certo é que o primeiro encontro persoal con don Avelino Pousa Antelo foi nunha entrega de premios do Modesto Rodríguez Figueiredo na vila de Negreira por datas nadaleiras do ano 88 na que eu tiven o honor de ser un dos galardoados. Don Avelino actuara naquel xurado como secretario, mentres que o seu homónimo Abuín de Tembra, falecido hai tres anos, actuara como presidente. Lembro que daquel xurado tamén formaba parte o grandísimo poeta Antón Avilés de Taramancos e que quen animara o acto coa súa delicadísima música fora Xosé Manuel Eirís. Precoces viaxeiros ao Alén, tamén eles dous nos faltan dende hai anos, desgraciadamente.

Daquela vez e as sucesivas, case todas relacionadas con ese prestixioso certame de relatos que dende hai tantísimos anos promociona a Fundación do Pedrón de Ouro, quedoume a imaxe dun home vital, afábel, culto e de tanta xenerosidade que sería inimaxinábel para min suporlle vellos rancores, por máis que tivese abondas razóns para albergalos.

O noso maior achegamento produciuse nunha expedición que un grupo de escritores e xente da nosa cultura realizamos unha fin de semana de primeiros do mes de agosto do ano 2003 ao val do Xálima estremeño con obxecto de saborear in situ a nosa fala, emigrada a aquel verxel case que incríbel alá polo século XIII. Porque a pesar da tunda de quilómetros en tan estreito espazo de tempo, alí estaba don Avelino cos seus oitenta e nove anos capitaneando a viaxe e participando nas múltiples conversas que en tan longa singradura en autobús se foron dando. El sempre a carón do seu grande amigo o poeta Xoán Xosé Fernández Abella e do tamén poeta David Otero, este cunha permanente dedicación cara a el de fillo entrañábel. Nos Tres Lugaris, despois dos actos, fomos acollidos alí como familia, dito sexa literalmente, pois ao non haber suficiente infraestrutura hostaleira, a maioría fixemos noite e mañá en casas de particulares. A don Avelino tocoulle facer noite n’As Ellas, onde ao día seguinte se presentaba un ensaio sobre a Fala. De camiño cara ao local onde se celebraba o acto, todo o mundo estabamos pendentes da consistencia física do noso viaxeiro maior, pero el despreocupounos a todos dicindo que se sentía mellor ca nunca e que mesmo as pernas lle andaban máis lixeiras que acotío. E non eran meras palabras tranquilizantes, como demostrou nas actividades que logo se celebraron, pois ademais de falar e cantar, foi quen de tocar o tamboril e de bailar unha muiñeira.

Don Avelino, aínda que emocionado como todos os demais polo trato recibido, volveu do Xálima a Galiza coa mesma vitalidade, exercendo de patrón e patriarca, unha distinción que os que o coñecemos lle outorgamos para sempre. Mesmo despois da vida, dende a memoria.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES