Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

"Un viaje por Europa", de Domingo Goás

viernes, 17 de agosto de 2012
"Una aventura europea", é o primeiro libro de Domingo Goás Chao, avogado vilalbés en Madrid, que foi o primeiro avogado español que actuou diante das Comunidades Europeas en 1980, o que constituíu unha auténtica aventura europea, e a este feito se refire de xeito especial o libro que ven de ser publicado.

Domingo Goás é de Vilalba e sempre formou parte da vida vilalbesa, aínda que case sempre na distancia, que os seus labores profesionais téñeno levado polo mundo adiante, sendo este seu libro unha proba dese ferver profesional.

Recorrendo todo o mundo sen sair – sentimentalmente- de Vilalba, Domingo Goás ten un mundo de cousas que contar, milleiros de anécdotas, historias que merecen ser escoitadas e que inevitablemente están destinadas a ser escritas para que non se perdan no esquecemento. Por eso, este libro de Domingo víase vir. E por fin chegou.

Domingo é, quizais tamén por ser profesional do dereito aínda que con estas cousas nácese, home de palabra fácil. Gosta de falar e de que lle falen; ten tanto que dicir que un libro coma este, con ser competente e denso, non é abondo para a súa capacidade expresiva, e outros virán despois desta primeira incursión no mundo do libro físico. Que outras incursións fai publicando a cotío opinións en Galicia Digital, no mundo intanxible de Internet, pero estas refírense máis á opresiva actualidade cotiá, e o libro vai pola repousada visión dun feito –aventura ao fin- acontecido hai xa máis de trinta anos.

Independentemente de temas legais, a especialidade de Domingo Goás é Vilalba. E por iso, fundou a “Cofradía do capón de Villalba”, para difundir “urbe et orbe” as excelencias do noso especialísimo manxar. E por iso a Cofradía que preside organiza e financia –sempre a cargo das súas finanzas persoais- degustacións do capón en diversos puntos de Galicia, na Costa do Sol ou en Madrid, hai pouco en Santiago, e unha fixo no Vaticano onde a curia romana puido comprobar que hai moitos ceos (terrestres), e algún deles ten que estar en Vilalba, cando da nosa vila saen uns capóns tan sabedores, relixiosamente deliciosos.

E nos xantares que temos con amigos, nas longas sobremesas Vilalba sempre está presente, demostrando ter a nosa vila unha proxección alongada na memoria de Domingo, e saen a relucir infinidade de temas que acreditan a Domingo como experto coñecedor da nosa historia e das nosas xentes.

Eu teño unha longa relación con Domingo, que comezou sendo indirecta a través da súa familia vilalbesa, e logo xa directamente cando veu actuaba profesionalmente en Lugo diante do concello, tendo xa avanzado no mutuo coñecemento cando foi pregoeiro das festas do San Ramón en 1989.

E logo seguimos mantendo relación ata que convivimos en numerosas xuntanzas arredor dun capón, e mesmo no eido empresarial entrando el a formar parte da plataforma en Internet Galicia Digital, na que procuramos dar de cara ao mundo unha imaxe global de Galicia nos seus máis diversos aspectos.

Domingo foi noticia ao comezo dos oitenta cando defendeu naquela nacente Europa, diante da Comisión europea de Dereitos Humáns, un tema legal, sendo o primeiro avogado español que tratou de “ti a ti” ás xentes de Leis de máis aló dos Pirineos.

Pero eu coido que aquelo, con ser destacado e singular, non foi máis ca unha das súas peripecias vitais, que comezaron cos seus estudios nos Xesuítas en Vigo, os estudios de Dereito na Complutense, nos seus traballos de asesor nos Ministerios de Información e Turismo e da Gobernación, asesorías para o planeamento do solo en Brasil ou do Ministerio de Información en Venezuela, ou como director do departamento inmobiliario da Unión Resinera Española. Sen esquecer douscentos planeamentos urbanísticos ou turísticos, e un permanente traballar –batallar- sen atender ás fronteiras do espazo ou do tempo.

De todo esto queda un pouso na lembranza. E agora tamén en libro, compartindo connosco uns anacos da súa longa e intensa experiencia vital.

Eu coñecín este libro cando non tiña aínda esta forma. E Domingo fíxome a honra de pedir a miña opinión sobre os contidos, sabendo que eu coñecía –basicamente- o que ahí se contaba. E teño que confesar que o primeiro sentimento foi de sorpresa, porque aínda sabendo, sorprendeume o tratamento, o fío narrativo, a soltura, a captura que o narrador fai do interese do lector, de xeito que cando empecei a leelo tiven que facelo prácticamente dun tirón porque – repito que aínda sabendo o núcleo da trama, ou quizais precisamente por sabelo- non puiden deixalo ata o remate.

E fixen xuizo persoal e honrado do que leín, sorprendido pola asequibilidade, mesmo dun tema legal, dun texto correspondente a un tempo no que España abríu fronteiras ao mundo circundante, e Domingo circulou por vieiros que ninguén antes pisara.

Cando un narrador conta unha historia, resulta que esa historia váiselle das mans, e acaba por ter vida propia tendo que resignarse o escritor a darlle canle a esa vida, deixar que os personaxes camiñen o seu camiño, aínda que el saiba e todos saibamos que o camiño recorrido foi un itinerario determinado. Porque cada escritor vai deixando no que escribe pegadas de si mesmo, da súa alma, da súa vida... E a historia que Domingo nos conta é a historia dunha aventura europea, pero tamén dunhas xentes cunha vida intensa que aparece en toda a súa plenitude. Aparecen personaxes complexos, como corresponde, que se comportan de xeito complexo, coma calquera de nós; que nos deixan entrar a cachón nas súas vidas, ás veces con misterios, ás veces diáfanas... para que todos nos fagamos unha propia composición de lugar, que pode diferenciarse nos detalles da de calquera outro, pero cun mínimo común múltiplo –ou máximo común divisor- que evidencia que os personaxes teñen alma, e o autor sabe aprehendela e – o que é aínda máis importante e difícil- abrila diante de todos nós.

Estimo que estamos diante dun libro tremendamente importante. En primeiro lugar, porque conta unha historia distante no tempo, con perigo de ser esquecida neste tempo en que todos parecemos ser xa pais da patria europea.

Importante porque as historias, grandes ou pequenas, están protagonizadas por persoas que teñen moito que dicir pero que para dicilo precisan de alguén que as escoite e “poña en valor” o que son e o que fan.

Importante, en fin, porque está cheo de humanidade, e co pretexto dunha incursión aventureira en Europa cóntanos historias de xente especialmente corrente ou correntemente especial, coma calquera de nós... xente real que sofre, ama, disfruta, vive. Coma calquera de nós.

Agora que nos gusta clasificar todo o que se pode medir, pesar, ver, eu non ousaría dicir que estamos diante dunha “novela de aventuras”, aínda que nela se conta unha aventura; non diría que é unha “novela de amor”, aínda que nela se fala de amores; tampouco a clasificaría como “novela de misterio”, aínda que algún personaxe teña –todos os personaxes teñen- algo de misterioso. Si diría que é unha novela humana, realista, honrada, na que os personaxes ao final están espidos diante da vida, case sempre lixeiros de equipaxe – como dicía Machado- “como los hijos de la mar”.

E chámolle novela, cando calquera técnico na materia podería matizar que hai moito de real no tema polo que se trata de crónica, crónica histórica, case unhas memorias dun tempo determinado, entre épicas e dramáticas, que teñen por marco físico Europa e por espacio vital un cento de mundos.

En fin: que se eu fose un técnico na materia posiblemente estarçoa claro o que quixen dicir. Como non son máis ca un afeccionado, devoto da expresión oral ou escrita, só intento provocar a curiosidade do posible lector, e que este entre co interese preciso na alma deste libro, coa seguridade de que non será tempo perdido.

Para min foi moi gratificante a lectura desta “Aventura europea”. E recomendo a súa lectura con atención. Coñeceredes moito mellor a un autor vilalbés que agora se estrea nesta nova faceta, e saberedes como unha aventura pola Europa que nacía naqueles anos oitenta pode ser agora mesmo tan actual, tan atractiva, tan diferente.

A Domingo, noraboa!. A todos, ¡que vos aproveite, como a min me aproveitou e deixou satisfeito!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES