Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Algúns poetas ás veces

jueves, 09 de agosto de 2012
Algúns poetas ás veces
contan como foi o proceso de creación dos
seus poemas
e expóñeno ao público nunha páxina Web
coma se fose un plano xeral de urbanismo,
e despois preséntano a un concurso literario
deses que as bases din:
-Inédito, non premiado noutros concursos,
non presentado a outros concursos,
non divulgado en ningures, non lido por ninguén,
non coñecido por ninguén-

Piden poemas invisíbeis pero hai quen ten sorte
e se manda o poema, ou poemas,
expostos ao público,
lidos, divulgados e presentados
a outros concursos como se fose un plano
de urbanismo,
gaña o premio.

Algúns poetas detallan o proceso de escritura
dos seus poemas.

Antes, para escribir poemas chegaba unha pluma,
un lapis, un bolígrafo, un metro e até un taquímetro
e non era un proxecto de arquitectura, pero case.

Un poema non se proxecta, un poema brota
coma o lume na leña seca,
só hai que poñerse diante da néboa e agardar
que as sombras se acheguen ao poeta
ou á poeta até verlles a cara.
Os poemas non teñen proceso de escritura,
só se escriben,
e se o teñen, é na cabeza do poeta,
na soidade do poeta, na intimidade do poeta,
nos recordos, nas imaxes, na vida e nas lecturas
do poeta,
nas vinte e catro horas do día, no traballo diario
do poeta...

A creación dun poema non se pode compartir,
é persoal e intransferíbel.

O primeiro verso dun poema
ás veces escríbeo o primeiro beixo,
a primeira hostia, unha inquietude,
un amor, unha guerra, unha invasión.

A algúns nolo puxo o franquismo, a maldade,
a dor, as inxustizas, as ditaduras.

O proceso de creación deses poemas, comeza,
Pero non se sabe se rematará, ou cando rematará.

Eses poemas non se escriben nun ano,
nin nun día, eses poemas escríbense
con sangue, con fame ás veces,
con horror, con experiencia.

Eses poemas non gañan concursos literarios
porque non son inéditos,
-mais non estiveron expostos
ao público nunha Web,
coma un plano de urbanismo-

Eses poemas foron escritos nunha relación cálida
entre o escritor e o papel.
Eses poemas non son inéditos porque están aí,
Expostos nas miserias da vida,
están na picana que dicía Juan Gelman,
Na fuga da noite de Paúl Celan.
Están nas balas e nas bombas,
na intolerancia, na xenofobia, na violencia
de xénero,
na desigualdade, na pobreza, nos campos de
concentración...

Todo o mundo os coñece, por iso non son inéditos,
por iso non se poden presentar a concursos literarios.

Pero se un poeta escribe que as bragas de...
os labios de...
os ollos de...
o whisky de...
a festa de...,
a habitación daquel hotel, o coche que ía a...
a película porno que,
se caga na nai que pariu a alguén
e seguen un proceso de creación arquitectónica
de se a palabra esta a deixo soa porque non
me gusta,
e estoutra colócoa un pouco á dereita,
e estoutra rómpoa á metade,
e a esta “a” córtolle o rabo,
e aquí vou colgar as vocais
como se caesen dun precipicio...

Todo iso está moi ben
se os cadros que pintan as palabras
non teñen as cores moi rechamantes.

Claro que esa poesía escríbese para adolescentes,
para pícaros que babean,
non a leran os mendigos,
nin os catedráticos,
nin as putas,
e se a len, un pouco ás veces,
é grazas a que ten algún premio literario,
e se anuncia nalgún xornal –o Premio de...,
ou se exhibe antes na rúa,
ou a través da ventá dun ordenador,
daquela lese como se fose un anuncio
publicitario
aínda que estea colocado nun muro
de cen metros de altura
que o lemos porque non estamos cegos.

A eses poetas case sempre lles comeza a caer
o pelo cedo, son futuros calvos,
sempre andan a medio pelo,
teñen cara de amargados e mala hostia.

Cando se fan maiores son aburridos e non lle dan
a man a ninguén.

Cando lles preguntan se eles eran aquel poeta que...,
din que teñen Alzheimer e non se lembran de nada
porque non teñen un só verso polo que ser
recordados,
porque a súa poesía xamais será bandeira
da resistencia para loitar contra tiranía dalgún ditador
coma aquela sentencia de Rilke: “El resistir lo es todo”
que animou á resistencia
alamana a loitar contra Hitler,
ou coma aqueles versos que Pablo Neruda lles recitaba
ás masas oprimidas.

A poesía destes nunca loitará contra
os males do mundo, nunca denunciará,
nin será arma cargada de futuro.

Estes poemas
por moitos premios literarios que gañen
co paso dos anos serán coma os poemas non
escritos.
Piñeiro González, Vicente
Piñeiro González, Vicente


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES