Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pardiñas: Mostra de instrumentos de música tradicional

lunes, 30 de julio de 2012
XIX MOSTRA DE INSTRUMENTOS DE MÚSICA TRADICIONAL

Un ano máis, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) estará no Festival de Pardiñas organizando a que será a "XIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional". Este evento, constitúe unha das mostras de luthería máis antigas da península ibérica, e congrega cada ano a numerosos artesáns do
país para mostrar o seu traballo ao público.

Nesta ocasión, dende a Asociación de Gaiteiros Galegos, queremos adicar a mostra a un membro destacado e ben querido do colectivo da música tradicional, D. Xosé Manuel Seivane Rivas, que nos deixou fai escasamente seis meses. Socio fundador da AGG, adicou toda a súa vida á música tradicional galega, converténdose nun referente na construción, transmisión
e difusión da nosa cultura.

D. Xosé Manuel, xunto con outros gaiteiros e artesáns da súa xeración, participou alá polos anos 70 e 80, nas primeiras xuntanzas de gaiteiros e artesáns que se levaron a cabo en Ortigueira e Melide, cunha común preocupación que era a de unificar criterios e defender e dignificar a figura do noso instrumento nacional, a gaita, e por suposto a figura do
gaiteiro. Nestas xuntanzas viron a necesidade de crear unha asociación de ámbito galego que defendese as nosas tradicións, e así estas reunións convertéronse no xermolo do que é hoxe en día a nosa asociación, que naceu e mantense viva grazas á labor desenvolvida por moitos socios como el, que sempre apoiou os posicionamentos públicos da AGG, en favor da defensa,
divulgación e dignificación da nosa música tradicional.

Este ano a mostra conta coa presenza de 24 artesáns que durante a fin de semana amosarán os seus traballos e o seu bo facer. Tamén estará presente a música e o baile tradicional a través de actuacións en directo, obradoiros e a sempre estimada participación do público presente.

Durante as xornadas do 4 e 5 de Agosto, e no marco incomparable do Festival de Pardiñas, a XIX mostra de Instrumentos de Música Tradicional contará con
numerosas actividades.

O pregón será lido o sábado por Xosé Quintas Canella, nado en Decembro de 1.947 en Allariz. Un neno que, coma moitos máis da súa xeración, naceu sen o xe, daquela desaparecido e inexistente.

Comezou a cantar nos últimos anos da década dos sesenta, inspirándose no que coñecía, as cantigas populares e os temas cultos e non menos populares de autores galegos coma Montes e Chané. Foi membro do Movemento Popular da Canción Galega e o motivo fundamental dos seus temas foi sempre a nosa fala
e a nosa identidade.

Posteriormente achegouse ós cancioneiros medievais que foron unha revelación e fonte de inspiración de novas cantigas e no ano 1.978 publicou o seu disco "Porque no mundo mengou a verdade".

Logo do pregón, terá lugar unha demostración práctica de construción de palletas a cargo do artesán Jaime Pena, e de seguido contaremos coa actuación de “Brisas de Tomiño”, grupo composto por míticos músicos da zona de Tomiño que se xuntaron para formar esta murga con sabor e estilo musical
dos anos 40, e coa que están voltando a recorrer de novo todas as romarías do pais.

Para rematar as actividades do sábado disfrutaremos co obradoiro de Treboada a cargo de Oli Xiráldez.

Durante a xornada do Domingo haberá actividades dende a mañá coa presentación da nova publicación da Asociación de Gaiteiros Galegos, o libro “Son do Fol”, primeiro método infantil de iniciación á gaita galega que será presentado polo seu autor, Xaime Estévez.

Xa pola tarde contaremos novamente coa demostración práctica de construción de palletas a cargo de Jaime Pena e co obradoiro de Baile Tradicional, que nesta ocasión correrá a cargo de Miguel Souto, bailador dende o 1993 da A.C.F. O Fiadeiro de Vigo, agrupación que se adica á recuperación de cantares e bailes tradicionais do noso pais. Miguel conta cunha prolífica
recollida de traballos de campo por toda a xeografía galega tanto coa asociación como individualmente.

Mais tarde, e xa para rematar, actuará o Grupo Leirabuxo, un proxecto musical que xorde no berce da bisbarra de Melide e arredores xa fai ano e medio e froito dunha xuntanza de catro amigos amantes da música tradicional e procedentes xa dun proxecto musical anterior. As inquedanzas destes catro
amigos gaiteiros, e como eles din "a verdade é que leiramos ben", fixeron que se xuntaran de novo para facer o que realmente lles gusta, que non é outra cousa que tratar de divertir ao público facendo música tradicional da nosa Galiza con ese instrumento que nace dun pau de buxo, e de aí o seu nome
de Leirabuxo.

Nos seus comezos o proxecto musical Leirabuxo estaba composto por Manuel Varela de Toques ao acordeón, Román Varela da Golada ao tamboril, Carlos Varela "Pulgui" de Melide ao bombo e Carlos Fandiño de Teixeiro á gaita, pero xa hai medio ano que o gaiteiro e bon amigo Xose Luis Barreiro de Abellá forma parte deste proxecto musical.

Os cinco compoñentes do proxecto Leirabuxo forman parte doutros proxectos musicais da bisbarra de Melide e arredores, pero todos eles senten un especial agarimo cara ao proxecto Leirabuxo, sinxelamente pola amizade existente entre eles e pola súa atracción cara a música tradicional do noso pais.

As actividades previstas para enriquecer a exposición, están enfocadas para que sexan totalmente participativas, disporemos dun escenario libre durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus
instrumentos.

Os artesáns participantes son os seguintes
Rebollo instruments / Beluso - Bueu
Master Gaita / José J. Presedo / Sada
O Chilro / Percusión e gaitas / Cambados
Lois Mouriño / Obradoiro de instrumentos tradicionais / Compostela
Xosé Tuñas / Percusión / Ames
Che Vázquez / Trompas e instrumentos tradicionais / Brión- A Luaña
Xaneco / Obradoiro de instrumentos musicais galegos / Outeiro de Rei
Oli Xiráldez / Gaitas e requintas / Balcaide –Teo
Pablo Carpintero / Gaitas Requintas e percusións / Santiago
Foliqueiras / Percusión Tradicional / Vigo
Diego Langarika / Percusión / Pontecaldelas
Afonso Castro / Gaitas / O Rosal
Roi Quián / Gaitas e Requintas / Vigo
Carlos Fandiño / Gaitas / Teixeiro
Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria
Luis Martínez / Instrumentos de corda / Soutomaior
Cristobal Prieto / Gaitas e frautas / O Hío – Cangas
Xaime Rivas / Zanfonas / Vigo
Nebra / Gaitas e zanfonas / Porto do Son
Jaime Pena / Palletas / As Pontes
Earanwe / Arpas / Pontevedra
Roberto Sotelo / Palletas / Cangas
Anxel Vega / percusións / Asturias
Roberto Carlos Pérez Álvarez/ Vento e percusión galega / Amoeiro - Ourense
Organiza:
Asociación de Gaiteiros Galegos
Programa:
XIX Mostra de Instrumentos de Música Tradicional

Organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos Sabado día 4 Agosto

17.00h. Apertura da Mostra
17.30h Pregón a cargo de Xosé Quintas Canella
18.00h Demostración práctica de construcción de palletas - Jaime Pena
19.00h Actuación de ?Brisas de Tomiño?
20.15h Obradoiro de Treboada - Oli Xiraldez.
20.45h a 21.30 h Escenario libre para músicos espontáneos

Domingo día 5 Agosto

11.30h Apertura da Mostra.
12.30h Presentación do libro Son do Fol e sinatura de exemplares - Xaime Estévez
Mostra do tocador de follas, Mario Mato
17.00h Demostración práctica de construcción de palletas Jaime Pena
18.00h Obradoiro de baile tradicional Miguel Souto
19.00h Actuación do Grupo "Leirabuxo"
20.00 a 21.30h - Escenario libre para músicos espontáneos.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES