Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Antes muller que discapacitada

martes, 08 de marzo de 2005
Debido ás culturas patriarcais e ás estructuras sociais, aínda imperantes no século XXI, os dereitos humanos das mulleres con discapacidade seguen oprimidos. Na última década empezouse a falar da necesidade de valorar a súa condición de mulleres independentemente da súa discapacidade. Non podemos esquecer que, ao longo da historia, tanto os modelos médicos como os sociais, centraron os seus esforzos no concepto de discapacidade e as súas consecuencias quedando os temas de sexo e xénero relegados. De aí que na sociedade actual, o papel da muller con discapacidade sexa pouco visible.

 Dos tres millóns e medio de persoas con discapacidade que hai en España, o 58% son mulleres. Un colectivo importante que ten que enfrontarse a unha discriminación dobre desde a dimensión de muller e da propia limitación. Con menos oportunidades, unha baixa autoestima e un maior illamento social sofren risco, tanto no seo do fogar como fóra del, de ser víctimas de violencia e de padecer todo tipo de abusos. Abondan datos que demostran discriminacións no ámbito familiar, educativo, sanitario, laboral e social. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, só un 13% traballa e o resto está nunha situación de dependencia económica e, polo tanto, de vulnerabilidade.

Considerar as persoas con discapacidade como un grupo homoxéneo contribuíu a ignorar a individualidade e, como consecuencia, o seu xénero. Así as mulleres con discapacidade son máis marxinadas e descoñecidas que os homes; tamén polas propias mulleres sen discapacidade. A perspectiva de xénero está ausente en case todos os documentos favorecendo a súa permanencia no anonimato. Pode que os corpos non sexan atléticos nin perfectos, pero liberados os sentidos de prexuízos, de medos e de intolerancias, a percepción da beleza será libre e non dictada por marcas comerciais. Existe unha visión distorsionada da realidade que, dalgunha maneira, inflúe no pensamento e nas formas de actuar. Cada vez se fala máis da riqueza da diversidade porque politicamente é correcto, pero aínda non se entende a discapacidade como un constituínte máis da persoa no sentido amplo da variedade humana.

Ter unha discapacidade ou non tela, marca a vida; pero non quita a categoría de persoa nin tampouco a responsabilidade de selo. Non incapacita o déficit da persoa, senón a ausencia de respostas ante as súas necesidades. A sociedade e o propio colectivo necesitan outra imaxe da muller con discapacidade. Hai que promover a concienciación sobre a súa existencia e a potencial influencia sen esquecer que todas e todos podemos chegar a unha situación de deterioro físico. Neste 8 de marzo do 2005, reivindicamos a necesidade de incluír a perspectiva de xénero nas distintas políticas comunitarias. Substituír persoas por “homes e mulleres” para así facelas visibles. Temos capacidades diferentes; integrémonos para sumar e construír un mundo no que sexamos iguais de feito e de dereito.

Colectivo AdianteXá
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES