Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Calixtino, a cultura galega e a modernidade

miércoles, 18 de julio de 2012
Compás social:
O CALIXTINO, A CULTURA GALEGA E A MODERNIDADE

Non pensaba escribir sobre a peripecia do Códice Calixtino, mais tiña que manifestar a miña ledicia persoal e de moitos galegos coñecidos polo desenlace final desta estraña historia en Compostela. Grazas o prudente e bo facer da policía, a cuestión central está felizmente resolta: O Códice está de novo no seu sitio, san é salvo. Mais agora quedan os flocos que irán esfiañando paso a paso os catro poderes visibles: os medios de comunicación, os grupos políticos, o sistema xudicial e a igrexa compostelán. E aquí é onde debemos poñer a atalaia de observación.

Nese ano transcorrido dende a desaparición do Códice ata a súa recuperación, os potentes e envolventes medios de comunicación fixeron toda crase de hipóteses, desde as máis artesáns de un “asunto interno entre o persoal catedralicio” ata a máis ultramoderna: un teimado golpe dalgunha rede de mafiosos ou de caprichosos súper ricos. E, aproveitando a ocasión, algúns comunicadores e plumíferos mesturaron a cultura popular galega cos detalles deste especial caso particular. Pasaron da anécdota illada a insinuar unha categoría universal de galego tradicional que non entrou na modernidade. Un tópico ás veces teimado.
Mais se este caso se interpreta dende a cultura tradicional galega (un conxunto de valores humanos e hábitos colectivos herdados de xeracións), o resultado convertese nunha gran louvanza desa cultura: a pesar do acoso ó ladrón, tanto no período de desenvolvemento como no instante final, o Códice non foi nin danado nin destruído. Estamos ante nunha cultura que, mesmo en situacións extremas, ten sentido interno de mesura e proporción.

Se o Códice houbera caído nas mans de modernos mafiosos ou ricos caprichosos, posiblemente este tesouro houbera desaparecido para sempre. Noutras verbas, a chamada cultura moderna ten valores formidables, mais tamén uns xermes de violencia exterminadora inoculada no seo da sociedade actual. Por iso os sociólogos e outros estudosos levan tempo falando da sociedade do risco. Risco para a natureza, risco para os animais, risco para as persoas, risco para moitos grupos humanos, risco para toda crase de bens valiosos cobizados por poderosas minorías acaparadoras. Tódolos días sobran exemplos desa violencia gratuíta a pequena e gran escala.

Os grupos políticos, especialmente os galegos, posiblemente seguirán sorprendéndonos con novas e fermosas utopías; mais estas deberán transformarse en proxectos e propostas viables, se non queren converterse nun convoi que segue rodando baleiro. Esperemos que, á súa vez, o sistema xudicial faga xustiza sen asañamentos nin arbitrariedades, e cunha equidade exemplar que axude a recompoñer a imaxe pública desa institución.

En canto a igrexa compostelán, tamén é de esperar que saque algunhas conclusións para o bo goberno da propia casa que, a vista dos feitos ocorridos e ollados en detalle, parece que precisa un aggiornamento ou modernización. A súa primeira obriga, ademais da eficaz custodia do tesouro, é dar a coñecer o contido do Códice. Como? Hai múltiples formas, máis neste intre mediático é a hora oportuna de facer unha selección e tradución ás diversas linguas (entre elas a galega) dos mellores textos dese valioso relato, e cunha axeitada edición e introdución para que sexa accesible ós miles de peregrinos e cidadáns de Galicia e do mundo enteiro. A cultura de masas e a cultura das minorías especializadas deben reencontrarse e fundirse nunha nova síntese de cultura humanista, universal e ilustrada, e á súa vez arraigada nas culturas locais. A divulgación do mellor espírito do Códice Calixtino pode contribuír a que o chamado Xacobeo redescubra o sentido relixioso, orixinario e xenuíno, do Ano Santo Xubilar Compostelán que, como sabemos, é un sentido de xustiza, de xusto reparto dos bens terrestres que pertencen a tódolos seres humanos de cada sociedade.
De calquera xeito, en hora boa, Galicia.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES