Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aforrar en luz

martes, 03 de julio de 2012
Quere a tradición que cando Goethe agonizaba a súa última frase foi “Luz, máis luz”, ignorándose de certo se se trataba dunha meditación transcendente da luz que nos fai falla para entender e ver o mundo que nos rodea, ou simplemente que pedía claridade no momento en que a súa alma iniciaba o tránsito ao descoñecido.

Sexa como fose, frases coma esta imos poder pronuncialas moi axiña se se xeneraliza a decisión dalgúns concellos de suprimir o alumeado público durante algunhas horas da noite para aforrar de xeito sustancial nas depauperadas contas das respectivas institucións.

Aboado á enerxía eléctrica de por vida, en principio non se me ocorría pensar que as institucións públicas, neste caso os concellos, tiñan que aboar as correspondentes facturas de enerxía eléctrica como uns clientes máis, véndose obrigados a cuantiosos desembolsos pola magnitude do seu consumo. Sóubeno ben na miña etapa na Casa do Concello de Lugo, nos anos oitenta, nos que o concello – como debedor- estaba sometido a unha dependencia absoluta de Barras, que podía esixir determinados pagos previos á prestación dalgúns servizos, como por exemplo a instalación do alumeado festeiro do San Froilán, que seguro segue a ser un dos capítulos máis elevados dos gastos das festas patronais.

O tránsito daquelas cidades e pobos escuros pola noite ás iluminacións actuais foi o tránsito do subdesenvolvemento ós tempos modernos, e nunca pensamos que un movemento social e económico coma este podería ter marcha atrás.

No Incio pagan de consumo eléctrico ao ano 90.000 €, e calculan poder deixalos en 30.000, aforrando as dúas terceiras partes, apagando o alumeado público ás dúas da madrugada. En Pastoriza dubidan en se manter unha praza de educadora familiar que custa 25.000€ ao ano, tendo que reducir determinados alumeados públicos para compensalo. E así, en cada concello, que todos teñen o seu aquel de problema económico, estudiarán medidas de aforro, entre as que as de iluminación son das máis chamativas por perceptibles á primeira.

Cústame traballo pensar nunha poboación galega que ás dúas da mañá se quede sen luz, unha hora para min laborable e cotidiana, mentras que para outros se afunde na natural oscuridade da noite.

Pero o aforro imponse. E a iluminación nocturna dos nosos pobos, cidades e aldeas, o que significou paso de xigante na nosa concepción de modernidade e progreso, pode desaparecer dun plumazo, augurando tempos escuros e difíciles. O de difíciles, á vista está. O de escuros, apreciarémolo en canto os filamentos se enfríen a carón das dúas da madrugada.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES