Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Ofrenda do Reino de Galicia

jueves, 28 de junio de 2012
A OFRENDA DO REINO DE GALICIA

Nunca se interrompeu desde 1672 en que se fixo a primeira

Na preocupación do Cabido pola escasa iluminación que tiña o Santísimo na catedral, está a orixe da Ofrenda do Reino de Galicia, que vén celebrando sen interrupción desde 1672. A pobreza de luz era notoria xa que dúas fachas pequenas de cera sen labrar, dun pabío, estiveron ardendo ata o ano 1650, acordando o Cabido que en diante fosen de cera labrada e que se engadisen outras dúas. O 8 de abril de 1656 tamén decidiu que ardesen dous cirios de día e de noite diante do Señor Sacramentado.

O 14 de maio de 1669 o Cabido solicitou un donativo da Xunta do Reino para atender o culto, de maneira que cada ano, no día de Corpus, un rexedor en representación das sete cidades do Reino, fixese a oferta durante a misa celebrada no altar maior. Despois decidiuse que fose o domingo da Infraoitava,
dedicándose a misa dese día á exaltación da fe, saúde dos reis e prosperidade do Reino..

A cantidade ou capital fundacional tiña que ser suficiente para que coas súas rendas se puidese atender o gasto de catro velas. Na escritura outorgada o 1 de marzo de 1669 recóllese o compromiso de entregar o principal de 30.000 ducados para comprar cera branca, labrada ou sen labrar, encargando ao rexedor da cidade de Lugo que se fixesen cumprir as súas cláusulas.

A primeira ofrenda

Como naquela época os desprazamentos non só eran incómodos senón tamén custosos, estableceuse que en ausencia dos representantes das outras cidades, a Ofrenda sería presentada por un rexedor de Lugo. En caso contrario sería preferido o da cidade máis antiga.

A primeira ofrenda fíxose o 19 de xuño de 1672 por don Juan Pardo de Monzón, presidente da Real Audiencia do Reino de Galicia, recibíndoa o bispo frei Juan Asensio. Estaba composta por 1.500 escudos da 8 reás cada un, en doblóns de ouro. O diñeiro depositábase sobre un bufetiño colocado no coro para ser entregado ao oficiante da misa, dun xeito parecido a como se facía a ofrenda a Santiago Apóstolo.

A entrega do diñeiro en metálico veuse facendo ata o ano 1700, pois a partir dese momento adquiriu carácter simbólico ao entregar o capital para atender as urxentes obras que eran necesarias facer na catedral. O 17 de maio de 1697 o Cabido comunicou ao Concello que o edificio non só ameazaba ruína nas dúas naves do coro e as seguintes ata o Bo Xesús, senón tamén o antecoro e a capela maior, indicando que por esa causa fora preciso trasladar o culto á sancristía.

Un libro de cerimonias recuperado

Ata que non apareceu o ferrocarril e o automóbil, exercía como representante do Reino un dos rexedores ou concelleiros de Lugo, elixido en sesión pública, o cal o domingo da Infraoitava do Corpus entregaba unha onza de ouro gardada nun pequeno cofre de prata, pronunciando unha alocución dirixida ao Santísimo, moitas delas recollidas no libro manuscrito chamado “Cerimonial de las Funciones Religiosas que tiene el Ayuntamiento” que se gardaba no Concello e que fora subtraído.

O 24 de xuño de 1984 fixen un chamamento nun artigo apelando á boa conciencia cidadá para que a persoa que tivese coñecemento do seu paradoiro o comunicase e poder así recuperar unha parte da nosa historia. O aviso foi efectivo e pouco despois foi entregado a un sacerdote baixo segredo de confesión, que á súa vez llo entregou a don Amador López Valcárcel, secretario do bispado, de maneira que hoxe debe de estar no arquivo da Catedral ou no do bispado, polo que agora facemos unha petición ás autoridades eclesiásticas para que fose entregado ao Concello para a súa custodia no Arquivo Municipal.

A cerimonia

No libro descríbese o desenvolvemento da cerimonia. Ás tres da tarde do sábado, a Corporación municipal reuníase cos invitados na sala do Consistorio, saíndo en comitiva cara á catedral para asistir ás vésperas, abrindo o cortexo os alguacís e os maceiros, presidíndoo o concelleiro oferente.

Ao chegar á porta da catedral, detíñanse os maceiros e os alguacís, o presidente pasaba entre as filas e ao baixar os tres primeiros pasos da igrexa púñase de medio lado, sen dar as costas á comisión do Cabido que saía a recibilo, saudaba ao Concello e marchábase cos dous capitulares máis modernos a ocupar o seu sitio no coro, convenientemente adornado, nunha cadeira da dereita, á entrada, mentres que o Concello ía ao seu lugar permanecendo de pé, como o estaba o Cabido, durante os oficios da Oitava do Corpus. Terminada a cerimonia, a comisión do Cabido acompañaba ao oferente ata a porta, e no primeiro descanso dáballe o saúdo de despedida, regresando ás casas consistoriais.

O domingo pola mañá facíase o mesmo. No ofertorio da misa, o Cabido, co bispo se asistía, subían ao presbiterio, sentándose o prelado nunha cadeira colocada á beira do Evanxeo. O oferente ou delegado rexio, acompañado por un neno que levaba sobre unha bandexa o cofre coa onza de ouro, posto de xeonllos na primeira bancada, dirixía a palabra ao Santísimo.

Sen políticos na II República

Con pequenas variantes é así como veu facendo polos representantes das sete cidades do antigo Reino de Galicia, excepto na II República, que foi feita por fieis, e en 1969 con motivo do III Centenario, que a fixo Manuel Fraga Iribarne, ministro de Información e Turismo en nome do xefe do Estado.

En 1931, o pobo católico de Lugo abriu unha subscrición popular para que a ofrenda se fixese co mesmo cerimonial de costume. A daquel ano e a do seguinte foi presentada por Luís López Martí, presidente da sección da Adoración Nocturna. En 1933 correspondíalle a quenda a Betanzos, facendo a ofrenda o avogado daquela cidade Agustín Corral Castro. En 1934 fíxoa Francisco Peñarredondo en nome da de Tui. A de 1935 fíxoa o ex alcalde Ángel López Pérez. En 1936 representou a Coruña o ex gobernador civil de Lugo, Ramón Bermúdez de Castro. A ofrenda renovouse cos alcaldes en 1937, con Manuel García Rodríguez, alcalde de Santiago.

A quenda que se segue é Lugo, Coruña, Santiago, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES