Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ao Valedor do Pobo

miércoles, 16 de mayo de 2012
AO VALEDOR DO POBO

Estimado Señor Benigno López:

Hai uns días vostede desatou unha gran tormenta defendendo no Parlamento os recortes; e propoñendo, ao mesmo tempo, a fin da Lei de Dependencia (que lle lembro que xa está en suspenso). A reacción dos colectivos implicados e da sociedade en xeral foi inmediata.

Non ignoro que posteriormente aclarou as súas verbas, considerándoas en parte terxiversadas. Mais ocorre que esta rectificación segue xustificando os recortes como imprescindibles; considerando, agora si, que deberían ser mínimos en dependencia, sanidade e educación: “Porque estamos falando de determinados dereitos que teñen un aspecto esencial e fundamental para a vida cotiá da cidadanía e para a defensa que salvagarda dos seus dereitos”.

O cambio que vostede experimenta é demasiado radical para ser crible. De todas formas non podemos obviar a existencia desta rectificación.

Quixera transmitirlle varias ideas, coa fin de que poida mellorar a súa xestión e ser máis eficaz. En primeiro lugar, sobre a Lei de Dependencia convídoo a que valore nos seus informes os postos de traballo que xerou e os que potencialmente pode chegar a xerar. Teña en conta tamén a todas esas mulleres que sacrificaron a súa vida por unha persoa dependente e que por primeira vez teñen a oportunidade de cotizar pola súa gran labor, ou de ter tempo libre para elas; meréceno, non é?

Son usuario de Asistencia Persoal, grazas a min unha persoa ten un traballo remunerado, e grazas a este servizo eu podo valorar posibilidades laborais, de formación e outras actividades. A Lei de Dependencia pode ser a ferramenta que nos facilite a integración laboral, e polo tanto a posibilidade de contribuír ao estado de benestar. Podo asegurarlle que isto é o obxectivo de moitos dependentes que nos formamos con toda a nosa ilusión e que agora nos atopamos altamente cualificados e sen traballo.

Defender os nosos dereitos sería un acto de dignificación da Institución que representa.

Quero retalo, Don Benigno, a defender a Lei de Dependencia, e ligada a ela a integración sociolaboral das persoas con diversidade funcional. Cando imos a unha entrevista, xeralmente non se valoran as nosas capacidades (ou ilímites); moitas veces, o empregador nin sequera se toma a molestia de ler o noso currículo e saímos pola porta coa seguridade de que eses dous folios que con tanta ilusión preparamos, van ir directos a unha trituradora de papel.

Don Benigno, se vostede quixera defender a vida plena e a integración laboral faría historia e quizais sería capaz de axudarnos a virar a proa da sociedade cara a integración laboral.

Axúdenos, don Benigno, a cambiar a visión da sociedade para que valore todo o que somos e o esforzo infindo que as nosas familias están facendo para que academos a autodeterminación, e nela, a nosa autorrealización.

Mais se vostede quere propoñer recortes, nós tamén lle podemos axudar, xa que sabemos a ciencia certa que neste país hai unha serie de institucións que amosan unha inutilidade manifesta: o Consello de Estado, as Deputacións, o Senado, determinados órganos xurídicos creados polas Comunidades Autónomas, etc.

Ademais de toda esa serie de cargos públicos que seguen ao mesmo tempo na empresa privada cobrando por ambas funcións e retiros dourados por 4 ou 8 anos de servizo (sen ter en conta para nada a eficacia coa que o cargo foi desempeñado). Todo isto sen falar do engano masivo que supuxo a bancarización dunha caixa galega.

Como ve, hai moito onde recortar sen xogar coa vida dos máis febles. Agora ben, se vostede quere manter esa posición; tamén é lexítimo pensar se a propia institución do Valedor do Pobo, tal e como vostede a representa, merece seguir existindo; ou se non se converteu xa nun fraude ao pobo galego.

Remato cunha breve reflexión: de qué vale un Valedor do Pobo nomeado polo partido que goberna, independentemente da cor do mesmo?.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES