Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fala alén do verbal

lunes, 14 de mayo de 2012
A xente de aquí que aínda coñece a súa esencia, sabe que temos un idioma e unha maneira de empregalo que ás veces non é doado traducir a outros cun significado exacto ou completo. O esencial da nosa lingua non está ás veces no que se di, senón en como se di, a quen se lle di e en que contexto. A retranca e outros subterfuxios que os galegos adoitamos empregar, son xogos que fóra da nosa fala non adoitan ter vixencia, porque os interlocutores carecen do espírito contido nela.

Hai pouco, alguén relembroume o significado case perdido a día de hoxe de relaxarse, porque se ben é certo que, como no idioma de Castela, quere dicir poñerse en situación de descanso - ou viciarse, nunha segunda acepción -, o caso é que acó, ademais, cando o contexto o require, pode empregarse para que o seu significado sexa o contrario, ou sexa, irritarse, desesperarse. Mesmo cando se está a encirrar un can, é puro noso dicir que se está a relaxalo.

Os galegos ademais temos ese tesouro que é dicir sen dicir, ese aquelar e aqueloutrar, ese falar daquela maneira e non de calquera, que só entende quen está no allo e aínda estándoo pode resultar sorprendido. Outro dos nosos fíxoo un día destes cando estabamos botándolle un algo nun bar, cando me dixo: “Perdóame un momento, que teño que ir facer unha fighura”. E coa mesma dirixiuse ao servizo de cabaleiros. De volta pregunteille por aquela expresión para min novidosa e explicoume que o de “facer unha fighura” é unha locución moi habitual pola zona de Mesía e Boimorto, que el tan ben coñece, onde o seu emprego é ilimitado, pois con ela pódese evocar calquera acción sen nomeala.

Contoume que había pouco escoitara unha muller falando así: “Levaba máis de seis meses sen velo, así que cando estivo aquí fixemos unha fighura e aos nove meses veu o neno”. Esta foi a última, pero antes houbo moitas máis. Lembro agora, por poñer unha, os diferentes rexistros da palabra boria - tan usual na bisbarra de Bergantiños - segundo a compaña que leve ao lado, porque se un di que está “á boria”, é que está á intemperie e se a outro lle din “vaite á boria” estano mandando á merda, cousa que non ten nada que ver con “ir de boria”, que é marchar de festa, mentres que “librar a boria” vén sendo acadar o obxectivo pretendido. A todo isto, boria, stricto sensu, defínese coma bolsa instrumental de zarralleiro.

Cun léxico tan abondoso, non sería necesaria ningunha reiteración se non fose que somos dun espírito complexo, amigos dun xogo de intelixencia sinuosa quen de deixar no ar se isto é o que semella ou outra cousa. Tan farto e tan amplo é o noso idioma, que ata chegamos antes ao máis alá se nos dá polo atallo do alén e os que non coñecen a nosa xeografía mental, mesmo non serían quen de atoparnos se nos dese por quedarnos en xalundes. Pero tamén é verdade que, ademais de farto, o noso idioma é tan xeneroso coma a xente que o fala, polo que ata os seres irracionais cando poñen intención son quen de entendelo.

Velaí as vacas de Taboada, que se animan a beber se as estimulan coa palabra aguch ou as ovellas do Courel, que se senten reclamadas polo pegureiro cun urria repetido. E mesmo o porco desas terras altas atende por llin, coma un xaimolo inglés, animal este ao que na Terra Cha prefiren chamarlle curí, como os de Colombia ao coello de Indias... En fin, o caso é que acó ata hai irracionais que comprenden o galego, aínda que non todos.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES