Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crónica de París, noite de caraveis

jueves, 10 de mayo de 2012
A esperanza escomezou!
Para Francia, para Galiza e para Europa.

Para os militantes e simpatizantes do Front de Gauche e para os emigrante atacados e tratados coma inimigos da sociedade.

Esperanza nas clases populares, en xeral, fartas dun sistema que só lles ofertou coma opción, Le Pen e o seu partido.
Todo este contexto, extremadamente negativo: a Francia de Sarkozy, a Francia da extrema-dereita, a Europa da austeridade, que está afundindo a todos os pobos. Todo iso, si, tiña un fin, ou polo menos o asemmellou o pasado domingo.

Estabamos no cuartel xeneral do Front de Gauche, unha antiga fábrica.
Ambiente moi animado, todos cantando:
On l'a viré, ¡¡resitence!!
A resistencia en contraposicion á extrema-dereita, nun espazo que foi invadido polos nazis.

Comprenderedes que ten un significado especialmente forte, e tamén, ¡resitencia!, contra o sistema, contra o goberno e contra o seu presidente, Nicolas Sarkozy.
E seguen cantando na noite dos caraveis.

Chega Marie Georges Buffet, secretaria xeral do Partido Comunista de Francia.
Os ánimos de máis en máis, axitados, todos e todas convencidos de que Sarkozy perde.
Seguen a cantar: “aujourd'hui dans les urnes, demains dans la rue” (hoxe nas urnas, mañá na rua).

Son case as oito dunha noite...chea de luces vermellas, de sangue xuvenil (ás veces -moitas veces, en moita xente- rexuvenecida, pero vermella).

Unha noite chea, de todos, do Partido Comunista e do Front de Gauche. Unha noite chea de caraveis marabillosos, na noite arrecendida e marabillosa.

Mulleres e homes, vermellos os corazóns, limpas as cabezas, brancas as almas, cantando a internacional...
E por fin os resultados: François Hollande gaña as eleccións co 51,63% dos votos, unha vitoria axustada, si, pero unha vitoria.

A alegria e as cantigas innundan a sá, Je an-Luc Melenchon sae e dá unha conferencia de prensa. Comeza dicindo:
- “Uffffff, sí acabouse Sarkozy”.
Melenchon, visiblemente ledo polos resultados, explica a súa emoción e a colaboración dos votantes do Front de Gauche para que esta vitoria fora posíbel.

Catro millóns de votantes agardan que as políticas e as medidas que tomará o presidente electo melloren, cuantitativa e cualitativamente, a situación de Francia e de Europa.

A militancia do Front de Gauche vitoréano cos gritos de:
- ¡¡Presidente!! Presidente!!
E de novo:
- ¡¡Resistence!!, ¡¡resistence!!. Resistence!!
Inmediatamente depois collen as bandeiras vermellas do Front de Gauche e marchan á Bastilla a celebrar.

Pola rúa a xente, nunha zona, risas, e nun Departamento, o 93, esencialmente popular, onde Hollande gañou por máis dun sesenta e cinco por cento, a xente sae á rúa para acompañar aos homes e ás mulleres do Front de Gauche, para felicitalos, para agradecerlles o dinamismo e o traballo.

En boca dun home que estaba nunha terraza (que parecía saído da Resistencia –daquela outra Resistencia-), brinca e vitorea á única organización que lle fixo fronte a Le Pen.

Os autos atroan cos claxóns, os condutores saúdan. A alegría é xeral.

A emoción rachada, saudosa e saudable.
O pobo, o domingo, tivo o seu momento, de ira contida, e despois de gloria.

E digo ben, o pobo, non Hollande, nin outros, senón as clases, reprimidas por un sistema que os afoga dende hai cinco anos.
E o pobo estoupa e recobra, non se sabe por canto tempo, un chisco de esperanza.

Os militante do Front de Gauche collen o metro. Repítese a mesma escea, escomenzando polos traballadores do metro que festexan a vitoria e sorrín, cousa rara no Metro de Paris, sobre todo nestos tempos, con moitos homes e mulleres sen fogar e sen traballo, que durmen en estacións do Metro coma “croix de chavauou Robespierre”. Dez ou once nunha soa estación. porque este é o legado que deixa Sarkozy: miseria e máis miseria.

Así de claro e así de simple, non hai que darlle máis voltas.
As mulleres e os homes do Front de Gauche baixan do metro en Repúblique, na Praza da Republica, nesa parada atopanse con autos e autos, e xente que os segue e que festexen con eles a noite dos caraveis, o trunfo de Hollande.

Momento especialmente emotivo na noite: un grupo de mozas arxelinas únense cantado cantigas con formas propias do país de orixe. Xusto neste intre, pasan por diante de varias tendas alimenticias que abren festivos de noite, nas que na súa maior parte traballan árabes. Pois da tenda sae o traballador árabe para festexar a vitoria. Moi amocionado, aspecto canso, de pasalo moi mal, coma case todos os emigrantes. Todos en relidade.
Pero ese día, ese home, nese intre, era feliz.

Esta imaxe con aquelas mozas arxelinas contrastaba con outra ben distinta: a policía tomando as rúas, pois achegábanse á Bastille, onde as medidas de seguridade e o control policial -xendarmeria-, eran enormes.

Os militantes e simpatizantes marcharon dende República ata a Bastilla a pé, vitoreados, ledos, felices.
Eles proclamaban: e agora, á Bastille!, a tomar a praza! (non teño que explicarvos o significado real e simbólico desta praza).

Chegan á Bastille. Calculouse que había unhas 250.000 persoas. A praza a rebentar, con bandeiras palestinas, sirias, arxelinas, de Chile, de Arxentina, e dúas bandeiras que chamaron poderosamente atención: a bandeiras basca e a bretona.
A Bastilla atourada de xente, de música, de postos de mergez, coma non podia ser menos (sempre hai postos de mergez en todas as manifestacións, primeiro de maio e outras).

Unha servidora, cando ollou as bandeiras dos outros países, entre aquela masa enorme de xente, atopou sentido e moito sufrimento (ollado e vivido en carne propia e por terceiras persoas) a ises momentos duros, tanto economicamente coma humanamente, días nos cales non lle atopas moito sentido a nada.

Reflexionando sobor disto atópome con compañeiros da Sorbona e a ledicia é total, absoluta, case inimaxinable!

Cantigas, coma dende o principio, alegría indescriptible, un ambiente espectacular. Así escomezaba unha noite de cravos na cal cantantes como Yannick Noa, politicos coma Segolene Royal ou Lionel Jospin, e Hollande, evidentemente, pasaron por esa praza.

Pero a noite non era para eles. A cantidade de xente era tal, que nun restaurante había máis de cen persoas agardando... na cola do baño.

Unha conversa curiosa, divertida e que tivo o seu aquel entre varios militantes e simpatizantes do Font de Gauche. O caso é que Jospin escomeza a falar.

Unha muller galega, avisa: calade! (a ver se adeviñades quen era!).

Un simpatizante do Front de Gache dí -en francés, por suposto-:
- “Bah, este é un xesuita moi crente, prefiro a Hollande”
Eu dinlle a miña opinión, pero ríndome moito ao mesmo tempo (o de crente xesuita, dito por un comunista francés non é, digamos, moi positivo... o que non sabe el e que eu tamén son crente...)

Definitivamente hai contradiccións sen resolver que son conflictivas e non moi ben entendidas (difíciles de comprender).

En fin, os militantes e simpatizantes de esquerdas festexaron a vitoria, pero o máis importante de todo isto é que, contrariamente ao anunciado polos medios de comunicación, non foron os socialistas os que estaban en masa na Bastilla (cansos quizais pola súa noite de gloria coa elección de Hollande).

De feito había moita xente que non era de ningún partido. O partido máis presente esa noite foi o Front de Gauche, tanto cuantitavamente coma cualitativamente, iso si, cun grande protagonista: François Hollande.

Hollande apoiou o seu programa, -dito por él mesmo-, en dous temas fundamentais, a mocidade e a xustiza, nun novo modelo europeo, nun replatexamento do plan de auteridade como medida para rematar coa crise.

El mesmo (Hollande) declara que a austeridade non pode ser unha condena.

Repasando a actualidade política de hai un ano, como dixo Laurent Fabius, -e neste punto ten razón-, ninguén daba nada pola candidatura deste home e moito menos pola sua vitoria,

É certo, comezándo polo propio Fabius, que naquel intre apoiaba a Dominique Strausse-Khan, ata que iste se viu metido no asunto do Hotel Nofitel en Nova Yorke.

Sí, ata o momento da súa detención, todos os requeridos daban a vitoria a Dominque Strauss-Khan....Pero chegou Nova Yorke!
Fóra do que lle pasou aló e do que lle está a pasar eiqui, si é culpable ou non, -e sen entrar nos motivos desa debacle política e persoal-, o que está claro é que no derradeiro ano e medio, a campaña á presidencia francesa, que realmente comezou naquel intre, converteuse, máis aínda, nun espectáculo grotesco: por unha banda, un presunto violador, Dominque Strauus-Kahn, cun contexto estrano na noite do seu crime: unha muller da limpeza que resultou non ser tal, os garda-cousas do acusado que desaparecen, o móbil que o perde e que lle fai voltar ao hotel, que non o avisan nin lle fan nigún comentario da súa detencion inmediata; unha prensa que se explaia dunha maneira grotesca, más aló das acusacións. Falo das formas, insultos, caricaturas da prensa yanki, toda unha peza de teatro -de moi mal gusto-. Cal foi a finalidade de que comezara a campaña con tal terrible feito, dentro dun contexto bochornoso?

Supoño que, coma sempre, nestes casos, buscando a maneira de intentar manipular ao pobo e as conciencias, empezando en Nova Yorke e rematando en Toulouse, en plena campaña electoral.

Sí, en Toulouse, onde un rapaz musulmán mata a dous militares franceses, musulmáns, e a alumnos, nenos e nenas e familiares dun colexio xudeo. Masacre sen nengún sentido (como todas) cometido por un suposto membro de Al Quaeda que, supostamente, estivera adestrándose en Afganistán durante un ano e medio. Faltan moitos detalles destes feitos sanguentos, tantos, que non hai por onde coller tal carniceria. Cometida por quén?

Un rapaz de vinte anos ten, el só, cun irmán, 200.000 euros en armas? Supostamente material proporcionado por Al Quaeda ...?

Non sei, -non se sabe-, en fin, situación tráxica, terríble e sen sentido que, a maiores, agochaban programas, os verdadeiros temas claves do próximo presidente da República: o futuro da Unión Europea, a xestión da crise, o paro, o empobrecemento da sociedade, o futuro do sistema educativo e da sanidade, a continuidade ou non das relacións franco-alemáns, entendidas coma unha carta branca para Merkel, para que non teña que replantexarse, nen as condicóns da moeda única europea, convertela, de feito, na moeda máis forte do planeta á costa da miseria dos pobos europeos. Unha moeda así custa moi caro, pero moito.

O papel na crise do Banco Central Europeo, que Merkel considera que ten que ceñirse á estabilidade monetaria e de prezos. Outros teñen diferente visión de como xestionar a crise.

Que tremenda situación a que están a pasar o Estado español, Grecia, Portugal, Irlanda e Italia!

Todo un grande paquete de medidas necesarias que non sabemos se se van a tomar e como.

Eu non gusto de facer futuroloxia, non sei se a mudanza prometida por Hollande será real, témome que non, alomenos unha boa parte desta mudanza prometida.

O máis seguro é que siga defendendo, co tempo, a austeridade, replantenxada, pero austeridade. Así defenderá, ainda que con matices, os mesmos plantexamentos que Sarkozy, pero...

Por unha banda, a política de odio ao musulmán e ao estranxeiro, iso sí coido que rematará, e que se lle rematou xa o argumento a Le Pen, o seu promotor principal. E a Sarkozy a súa politica de división da sociedade.

E segundo, e máis importante para Galiza, unha incógnita.
Mudaranse as relacións franco-alemáns e replantexarase todo o modelo europeo con respecto á crise? Eiquí a incóginta para Galiza.

Cuestionarase a receita europea da austeridade, que coma ben di o Premio Nobel de economía Joshep Stigliz, ese modelo é o peor, e é o responsábel da ruína de pobos e países coma Grecia e do empobrecemento e mesmo da desaparición da clase media en Europa e no mundo.

Intentará Hollande mudar o modelo neoliberal do captalismo salvaxe de globalizacion que temos?

Agás en matices, tampouco, ou non absolutamente.
Sen embargo, do que si estou segura é do seguinte: por enriba de debates ideolóxicos e intelectuais sobre a crise e os destinos dos pobos, a única solución real é unha mudanza no contexto socio-político que temos.

E é que o pobo presione dende as rúas aos políticos para que estes defendan, realmente, os intereses do propio pobo.

Que o pobo mande premendo a gobernos, patronais e institucións internacionais.

Premendo, sí. Saíndo á rúa.

Vermellos os corazóns, brancas as almas; limpas as cabezas
O pobo na rúa, como dician os amigos e amigas o pasado domingo na Bastilla:

Hoxe nas urnas, mañá na rúa..!
Coma caraveis na noite dos caraveis... na rúa!
Tuvío Villar, Ruth
Tuvío Villar, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES