Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Terrorismo Social

viernes, 27 de abril de 2012
Non sei o que pasará na Francia o próximo día 6, pero as sondaxes neste momento dan como probábel ganador das eleccións ao socialista François Hollande, malia os discursos que o carismático Nicolas Sarkozy pronuncia inzados de abismos no caso de que tal resultado chegase a darse. Pero o certo é que non hai máis que coller como fío o apelido do candidato galo, para enliñar que na case veciña Holanda o presidente dereitista Mark Rutte probabelmente convocará eleccións para o 12 de setembro tras a caída do goberno polas tensións sobre o plan para reducir o déficit. Esta situación lévame a referendar que calquera goberno pillado no medio deste andazo económico que estamos a sufrir, sexa do signo que sexa, está abocado a non renovar mandato.

A dereita española, hoxe no goberno, tivo hai pouco a “sorte” desta infausta conxuntura para instalarse no poder acusando de todos os males ao goberno anterior, argumento que seguen utilizando e utilizarán ata a saciedade cando algo non lles funcione, baixo a fórmula da “herdanza recibida”. Un argumento que lles serve como desculpa ata o punto de poder facer cando lles convén todo o contrario do que figuraba no seu programa electoral. Só os máis cándidos e os máis afectos creran deles que fan o que fan porque non teñen máis remedio, metendo incluso a Merkel polo medio, como se tivésemos que ser servos desa señora.

En realidade Merkel non é máis que outra desculpa para facer o que está no ADN da dereita ultramontana deste país de países que é desmantelar todo o que supoña un beneficio de tipo social. Coa desculpa deste andazo están a desmantelar todo o que pillan a unha velocidade de vertixe. “Recortes”, lles chaman. A Seguridade Social con tanto bisturí dentro de pouco soamente conservará o nome. A privatización é descarada, incesante e dentro de pouco, se alguén quere ser atendido a tempo por algo serio, terá que pasar por caixa. E se non ten, xa sabe o que lle queda.

Outro tanto está a pasar co ensino. A desculpa dos “recortes” serve para que con présa e sen pausa o deterioro da calidade da ensinanza pública sexa cada vez maior e así se volvan facer notorias as diferenzas de clase xa dende a máis tenra infancia.

Por outra banda está o ataque denodado ás autonomías. Susceptíbeis de intervención se non dan as contas. A dereita española sempre as anoxou e cando non tivo máis remedio aceptounas a contra gusto, pero agora este andazo económico provocado por especuladores de hedge funds, sen nomes nin apelidos, é dicir, impunes e inmunes, vénlles que nin pintado para desfacerse delas. Pero, iso si, seguen considerando que se deben conservar as deputacións.

E o peor de todo é que a xente traga. A verdade única expandida dende medios cada vez máis poderosos e numerosos, vén sendo para ela como un pastor eléctrico para as ovellas.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES