Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A chuvia volta á casa

miércoles, 18 de abril de 2012
Semella que volta a chuvia e recibímola cos brazos abertos, xa que sabemos que cada pinga é un fío de vida que anova a terra, dándolle azos de existencia ata o máis inerte. A chuvia é a música da natureza, a fecundación dos soños e a sorpresa que nos deparan os vendavais. Fai xurdir as mans da terra e pon nelas o verde que se espalla polas veas da natureza, como unha forza rompente que nos ergue máis alá da vida.

Cando escoitamos a chuvia sentimos como a terra se namora de si mesma; e sentimos, tamén, como nese amor se rexenera unha parte de nós. A música da chuvia soa a liberdade extrema no teito da alma. Volven nela as ás dos soños, as utopías (outrora imposibles) forxan creatividade no maxín do porvir e os ollos ábrense ao amor como quen procura, na auga, a quentura íntima que humedece o corazón.

Todo é auga en nós. Somos auga e pola auga damos vida. Na auga están as nosas mellores metáforas; así, Facundo Cabral aprendeu da auga a flexibilidade. Aprendeu a adaptarse de xeito natural para sufrir menos os desasosegos da vida; pero tamén a correr ceibe cando toda a terra se volve horizonte.

Na auga reside o espírito indomable da natureza que rebenta cada primavera en vida para ensinarnos, outra volta, que temos que ser flexibles nos camiños da vida pero indomables no corazón.

Sexa a chuvia benvida aos eidos, ás fragas, aos montes, ás estradas, aos vales, ás chairas e aos camiños polos que transita a nosa liberdade. Sexa benvida, e como se do regreso do amor se tratara, dicímoslle: “non te vaias máis; nin tan lonxe, nin por tanto tempo”.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES