Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lumes e fumes en Galicia

martes, 17 de abril de 2012
Os galegos da diáspora tamén conversamos sobre o incendio das Fragas do Eume. Vimos por televisión as impresionantes imaxes que a moviola repetiu ata o infinito: unha morea de lume e fume polo día, e unha muralla de lapas subindo polas árbores nas tebras da noite.

Despois de ler os xornais e as achegas de Internet, estivemos cada vez máis enfadados, sen saber con quen. ¿Cos pirómanos, co vento, cos gobernantes, coa oposición, cos xornalistas, cos supostos expertos en Parques Naturais, Redes Naturais e Lugares de Interese Comunitario sen as debidas prevencións, cos madeiristas especuladores, cos labregos e gandeiros imprudentes, con nós mesmos?

Todo foi sorprendente e á vez xa repetido: frases prefabricadas, endurecemento de sancións, manifestos e manifestacións, mais a penas nada de diagnóstico e menos de prognóstico. Acudimos o diván da memoria individual e colectiva para reconstruír esa praga endémica dos incendios en Galicia. Estamos ante un problema crónico que require un cambio de actitudes e comportamentos de todos, especialmente de tódolos responsables das administracións públicas.

Reavivando a memoria colectiva acumulada, lembrámonos dos anos do réxime franquista cando os montes veciñais ardían debido a unha apropiación indebida a favor do Estado e dos concellos.

Aquela historia medio se arranxou coa devolución deses montes os veciños, seus lexítimos donos. Logo na década dos 60 encomezou o abandono do medio rural, non só dos montes senón tamén dos pasteiros, das veigas, dos prados e mesmo das terras labradas.

Rompeuse o equilibrio, (unha mestura de labradíos, prados e montes cavados), e a natureza impuxo as súas forzas cegas, desenvolvendo unha biomasa incontrolada e selvática. Aquel mosaico tradicional composto de espazos humanizados, foise diluíndo e uniformando a flora, a fauna e as paisaxes. E os incendios, con altos e baixos, foron xurdindo a gran escala nas novas paisaxes invadidas pola exuberante vexetación.

Que facer?. Seguimos preguntándonos: que se fixo para cortar esta ameaza permanente da Galicia verde? Cada quen acudiu a súa experiencia.“Eu, dinos un tertuliano entrado en anos, herdei oito pequenas fincas de monte, prado e labradío; e hoxe están cubertas de toxos e caxigos, de feos e xuntos, de codesos, xestas e matogueiras. Hai algo máis dun ano apunteime no concello para unha limpeza desas tenzas e leiros, mais non tiven resposta oficial, pois, ao parecer, aquela oferta municipal foi só unha campaña de concienciación. É unha magoa que só se organice de forma permanente o apagado dos lumes, esquecéndose da prevención. Os cartos do paro deberían ocuparse na prevención”.

“Iso é só unha parte do problema, responde outro paroleiro con guisa de ilustrado: no actual asalto ó medio rural galego hai moitos políticos e supostos expertos que están empuxando a creación de grandes espazos naturais teoricamente protexidos, mais na práctica abandonados e expostos ó devir salvaxe da natureza. E para máis paradoxo, as labores labregas e gandeiras, que no pasado configuraron e preservaron as diversas paisaxes galegas, son agora cada vez máis condicionadas e restrinxidas. Está sendo peor o remedio que a enfermidade”.

Despois de moito matinar, decatámonos de que tamén nós caeramos na mesma trampa letal: unha restra de lamentacións estériles sen ningún tipo de propostas claras, incluso aceptando a nosa parte alícuota de responsabilidade como propietarios absentistas.

De calquera xeito, acadamos algunhas conclusións: no transfundo da vexetación incontrolada e dos incendios salvaxes está a cuestión estrutural do minifundio de parcelas e o abandono do medio rural en tódolos frontes. O problema do descontrol da biomasa e dos incendios ten que converterse nunha cuestión do estado autonómico, prioritario para políticos de calquera signo e xestores das administracións públicas. Certamente, houbo avances na loita contra incendios organizando a vixilancia, o apagado dos lumes e as sancións; ora ben, vistos os resultados, foron e seguen sendo insuficientes as prevencións e a falta de consorcios coas iniciativas privadas de usuarios e propietarios residentes ou ausentes. Algúns movementos sociais, defensores da natureza, terán que revisar algunhas das súas propostas. Non basta con acadar un papel oficial declarando un determinado espazo Ben de Interese Público (BIP), senón que cada proxecto debe contar cunhas medidas e orzamentos de conservación e mellora, sen excluír a poboación asentada nese medio rural.

Tanto no sentido real como metafórico, os lumes e fumes en Galicia teñen que acabarse; os lamentos estériles deben superarse, o reencontro entre dirixentes e dirixidos debe restablecerse. Ora ben, se o cambio climático non acaba con ela, que facer coa exuberante biomasa de Galicia? Seguiremos matinando outro día.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES