Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A hostelería e o turismo de calidade

viernes, 13 de abril de 2012

A hostalería precisa adecuarse ás demandas dun turismo de calidade

Lugo é a única cidade galega que non ten un centro de formación continuada para traballadores do sector

A hostalería é un dos sectores máis beneficiados polo turismo, e a pesar de que nos últimos anos se melloraron e modernizaron algunhas instalacións, aínda queda bastante traballo por facer. A maior parte dos seus traballadores, non teñen a preparación necesaria para dar un servizo que hoxe demanda unha clientela autóctona con nivel adquisitivo medio, afeita viaxar e ver, que son os clientes fixos de todos o ano, e o que agarda un cliente dun turismo de calidade, cada vez con ofertas máis suxestivas no mercado no que os de Lugo queremos competir.

A imaxe dos establecementos

Nos últimos anos, os bares, as cafeterías e os restaurantes do casco histórico, melloraron bastante, modernizando as instalacións, e xa que logo a imaxe. Pero ese esforzo ás veces non vai acompañado doutros detalles que o cliente valora cada vez máis. Neste campo é fundamental, non só dispor de bos produtos, senón que estean ben preparados, presentados, servidos, e a un prezo razoable. Hoxe, debido á crise, fixámonos máis na relación calidade prezo. Estas cuestións adecuadamente combinadas, son a mellor propaganda para establecemento e para a cidade fóra de Lugo.

Os camareiros na maior parte dos establecementos adoitan ser os propietarios axudados por persoal na maior parte foráneo. Un sector hostaleiro de calidade ten que ofrecer tamén un servizo de calidade. O cliente non só valora e agradece unhas tapas xenerosas e a abundancia da comida, senón tamén a súa calidade, a preparación, a presentación da comida, a presentación da mesa, o aseo e trato dos camareiros, a forma de servir, a limpeza do local e a presentación e limpeza dos servizos.

Curiosamente hoxe o prezo dalgúns restaurantes, querendo imitar aos cociñeiros mediáticos, está máis en función da presentación e a innovación, que da cantidade, esquecéndose de que o cliente quere comer. A menos cantidade de comida, máis prezo, o que ás veces é tamén un abuso, e aínda que o cliente non proteste porque lle da vergoña, márchase coa sensación de que o estafaron e non volve. Esa é a peor propaganda.

Dentro do coidado da imaxe, o Concello concede subvencións para unificar e adecuar á contorna o mobiliario das terrazas, política que considero adecuada, aínda que parece que algúns hostaleiros non están moi de acordo co modelo que se suxire por razóns de conservación.

Tamén son acertadas as axudas para dotalas de calefacción, pois como dicía o arquitecto Nemesio Cobreros a finais do século XIX, “en una ciudad en dode el invierno dura nueve meses”, agradécese o poder utilizalas non só cando hai sol, senón tamén cando carecemos del. É habitual ver calefactores de gas nas terrazas das cidades turísticas de Europa con clima frío. O outro complemento é ofrecer ao cliente unha mantiña para pór sobre as pernas.

A formación

Investir en formación é un bo investimento. Aínda que contamos con tres escolas de hostalería na provincia, con todo os hostaleiros quéixanse de que non hai oferta de traballadores cualificados tendo que recorrer a afeccionados. ¿Onde van os que saen destas escolas? Se se marchan fóra ¿por que o fan? Supoño que por razóns económicas, condicións laborais e por entender que fóra teñen máis expectativas profesionais que aquí.

Esta formación non só ten que ser en aspectos do seu labor específico, senón que tampouco está demais, por se preguntan, ter algún coñecemento do que se pode ver na cidade, na provincia e ata no resto de Galicia. Se aspiramos a recibir turismo estranxeiro, tamén é indispensable ter nocións básicas dalgún idioma, especialmente o inglés.

Por outra banda, se os clientes e os camareiros son de fóra, non sobra que coñezan que ingredientes entran nun prato, por exemplo, un caldo galego ou un cocido, que saiban diferenciar un cimo, dunha nabiza ou dun grelo, e agora que o noso sector vitivinícola está en auxe, e é cada vez máis apreciado, convén coñecer as características fundamentais das denominacións de orixe para poder orientar e recomendar ao cliente. Son detalles que se agradecen e que causan moi boa impresión. Porque a gastronomía tamén é cultura e a xente que é curiosa adoita preguntar, e o que fai turismo cultural pregunta máis porque o seu obxectivo é saber máis.

“E para comer, Lugo”

Foi un slogan que tivo éxito nunha época desenvolvemento na que aínda se daba moita importancia á comida, como reminiscencia do fame que se pasou en décadas anteriores. “E para comer, Lugo”, trataba de conquistar á xente polo estómago, pero hoxe non se trata de comer calquera cousa e de calquera xeito. Hoxe o cliente pide máis cousas, fíxase no xeito de atender e de servir: Aínda vemos a camareiros e propietarios sen uniforme, que traballan coa mesma roupa coa que saen á rúa, que serven comida nunha mesa sen un mantel aínda que sexa de papel, que portan vasos e pratos sen bandexa, etc.

José Francisco Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalería, é consciente destas deficiencias e da necesidade cada vez máis urxente de formar aos traballadores do sector. Tampouco viría mal algún curso específico para empresarios. Requíreo a incorporación de man de obra estranxeira e a non profesional, e a necesidade de coñecer que é o que demanda o turista para ofertarllo.

A formación continuada do persoal, mediante cursos, é fundamental para ofrecer un servizo de calidade, que tamén se pode cobrar. O malo é que ás veces cobrase e nos de dá. E iso é o que queima ao cliente sexa autóctono ou foráneo. Os hostaleiros tamén debían de pensar en adecuar os prezos á crise, que se prognostica moi longa.

Necesidade dunha escola para formación

Hai meses que a Asociación Provincial de Hostalería propuxo á Deputación utilizar o antigo Hotel Miño para establecer un centro de formación para o sector da Hostalería. Esta proposta foi apoiada pola Cámara de Comercio e a Confederación de Empresarios. Sexa nese lugar ou noutro, é unha iniciativa imprescindible que debe de figurar nos plans de desenvolvemento do sector turístico na cidade e na provincia, e nas prioridades dos políticos que gobernan.

Parece ser que Lugo é a única provincia galega que non ten un centro para esta finalidade, a pesar de que é unha das que conta con máis establecementos de hostalería nos que traballan unhas 5.000 persoas. As autoridades farían ben en atender esta demanda do sector cuxo financiamento seguramente é moi inferior á subvención anual que lle dan a algún club, e máis rendible electoralmente.
De Abel Vilela, Adolfo
De Abel Vilela, Adolfo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES