Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Son necesarias as crises económicas?

martes, 10 de abril de 2012
Cando menos serven para que os gobernos, escudándose nelas, tomen algunhas medidas que non se atreveron a facelo antes, ou non foron capaces de enterarse de que eran convenientes. Pero isto non xustificaría unha crise: O pobo non debe esquecer que cada tempada ten nas súas mans, novamente, a soberanía, e, informado polos medios – que tamén hai que aprender a interpretar -, ha de dispoñer electoralmente o que considere máis axeitado para o seu país, sen esperar a crise.

Falamos e falamos das crises, mais sempre repetimos os mesmos tópicos: a rixidez do sistema laboral, o desbaldir público, a falta de competividade, o descontrol nos gastos privados, a bolsa de desaguisados dos créditos á construción, etc. Pero tamén hai que pensar que as disfuncións conxunturais e a caducidade dos modelos de produción e dos distintos sistemas sociais están polo medio, e a crise é un aviso disto, de que algo marcha mal e, por conseguinte, é mester correxilo. No noso caso, o problema está servido, hai que solucionalo a fondo, porque pode estar xestándose un cambio de sistema que se manifesta así, sobre todo cando a máis implicada é a Economía sen a Ética (con maiúsculas).

Entón estamos en presenza de algo grave e non pasaxeiro: Afrontar un cambio NUN (ou DUN) sistema, que, sen dúbida, arrastrará outros adxacentes, pero non por iso menos importantes.

Hai, sen embargo, un gran problema de diagnóstico, porque os especialistas teñen mellores instrumentos de análises a posteriori que de previsión.

Ninguén cuestiona hoxe en día que a globalización comporta unha complexidade, nas nosas sociedades, de tal envergadura que pon en perigo a independencia e autonomía das mesmas, elevando os riscos a un nivel planetario. E como os economistas máis prestixiosos son incapaces, según parece, de dar unha solución eficaz ós problemas surxidos nesta situación, non son poucos os que volven a vista a esa ética, ata agora soberbiamente acantoada; como din os nosos paisanos, “acórdanse de Santa Bárbara cando trona”.

Pero aquí tamén hai que estar sobreaviso, porque os moi espelidos, se están ó servizo dalgún poder económico, traen unha certa ética, que antes separaron da economía, porque descubren na aplicación dela algo favorable os seus intereses; mais unha ética para uns poucos, que non pode universalizarse, non é tal: sería a “carabina de Ambrosio mangada nun pau!”, na expresión do noso pobo.

É que a Ética non pode entenderse coma un pasaporte de libre circulación e interesada regulación, que só sirva para sacralizar unha acomodada realidade económica, precisamente a que hai que cambiar. Á economía que se deshumanizou, non parece intelixente confiarlle os rearmes éticos que tanto nos predican, porque, polo que vamos vendo, deixanos á garete, desresponsabilizándose, nas mans dos escuros poderes internacionais, e ós nosos gobernos sen espazos para controlalos, por moito que ela retorne nostálxica, nas crises, ao moralismo do pasado, non precisamente a unha ética universal (para todos), dialóxica, e con vontade de coadxuvar no establecemento dunha orde política nova, que é o que quizabes esixa, e así debería de ser enfocada a súa análise. Acaso non dubidan… de que esta sexa a mensaxe da crise que estamos padecendo?. Pois se fose así, está invitando ás xentes e ás institucións nacionais e internacionais a unha verdadeira catarse social, económica e cultural: Eludila pode ser traumático.

Pero é que, por se isto fora pouco, parece que os españois estamos xunguidos ao revés: Mentres os problemas que verdadeiramente nos afectan teñen cada vez máis contido internacional, como ocorre coa internalización dos mercados, políticamente aumentan os empeños soberanistas desnortados das nacionalidades, que, se acadaran o seu propósito, cada vez estaríamos en peores condicións de defender os intereses nacionais, polos que eles só poderían piar seguramente tarde
dende a debilitada “balcanización”.

Por outra parte, a progresiva monopolización do capitalismo industrial afecta negativamente os engranaxes económicos, pola mesma exclusión de masas enteiras deles, de tal maneira que intensifícase a busca de poder, para acadar eficiencia nos controles necesarios, sobre todo no marco do sector financeiro, que prevalece sobre o produtivo, e por iso afánase en manter situacións de estabilidade económica, que lle favorezan os intercambios e aumenten a confianza dos inversores. E estes mercados especulativos tampouco se recatan á hora de reclamar actitudes éticas, de novo, pero sempre tendo moi presente que a suposta busca do ben dos outros é só aceptable se lles serve para acadalo cada vez máis cuantioso nos intereses propios.

Xustamente por iso, a ética que aquí devén operativa é unha especie de “ética xendarme”, vixiante de que o sistema non perda o equilibrio, é dicir, esa homeostasis necesaria para a defensa daqueles intereses.

Cabe preguntarse ata onde pode aguantar os excesos un sistema tal, pois, se non entenden nin atenden á tempo os poderes financieros que defender unha economía humana non é atacar a racionalidade económica, nin volver a un moralismo atávico (a súa peculiar ética, que eles utilizan coma coiraza dos seus intereses) a crise estará servida ata que se entenda e se interprete en clave dun realismo ético verdadeiramente eficaz para o máis xusto no económico. E mentres tanto, as consecuencias gravitarán sempre sobre os máis débiles, por disposición dos contrastes ideolóxicos (ou indisposición?!) dos gobernos da quenda, e, sen embargo, ela tal vez sexa a única saída, que debía ser aproveitada, para purificar o sistema e poñer de xeollos “de facto” ós que os gobernos son incapaces de poñelos “de iure”, posto que as solucións, polo que se ve, non poden vir dunha orde política internacional con baseamentos soberanos, na que non sexan os referentes decisivos as barreiras do tempo contextualizante e do espazo histórico: É precisa unha nova orde política internacional, onde o FMI, BM e o BCE, por exemplo, desempeñen funcións propias e non meramente execucións políticas, sobre todo coma consecuencia da introdución dun apropiado modelo produtivo e do sector financeiro.

Tal vez sexa unha utopía, pero estas sempre abriron novos horizontes cando se turbaron os que había á man.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES