Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mariña Pérez Rei

jueves, 29 de marzo de 2012
Maria Prez Rei Parlamento das Letras: Mariña Pérez Rei

Teño escrito nalgunha ocasión de Mariña Pérez Rei que é autora de cerna toxiza en carapela aveludada, pois non lle interesan nin os pínfanos culturalistas nin os gaios patrioteiros. A súa é unha bandeira de subversión subterránea, que sobe dende os abismos para incendialo todo e espirnos fronte á palabra, a dúbida, o ser.

Logo, xaora, esa revolución calada pode modularse versal ou narrativamente e, aínda que unha deliberada procura de novas fórmulas e territorios diversos preside toda a súa produción, non cabe dúbida de que o conxunto da mesma fica envolveito dun mesmo hálito inconformista, profundador e reflexivo.

Tanto ten, pois, que nos adentremos nesa taquigrafía fiel da pel, da mirada e o corazón que son os poemas de Fanerógama coma nese submundo de caos e miseria que debuxa a novela curta Costa Necrópole; o mesmo dá que permanezamos nese ónfalos de unción vexetal e cósmica dos versos de Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante que exploremos a distopía narrativa de Canícula, berro en tremor contra de calquera superestrutura gobernativa que controle, omnipresente, cada un dos nosos pasos. E outro tanto podería dicirse, por descontado, das composicións de Paquidermo, nas que a reflexión da continxencia ollada dende a interioridade feminina alcanza luzadas metafísicas ben reveladoras. En todos os títulos atoparemos unha fluencia dende o eu senlleiro e meditativo ata o nós colectivo ao que se apela ou sobre o que se repensa para mudar os tempos e as derivas, para redefinirnos ao tempo que a propia voz autorial tamén se reconfigura.

Desa mestizaxe celmosa de interioridades e pertenzas comunais abrollan as verbas de Mariña Pérez Rei, fanerógama, resistente á canícula e aos cuartos confusos e cambiantes, avanzando coma un paquidermo por estas nosas praias literarias, tantas veces sementadas de necrópoles. Velaí.

—¿Cando, onde e da man de quen publicaches os teus primeiros textos?

Supoño que coma case todo o mundo fun sacando cousas nas revistas literarias da escola, do instituto, da facultade de Filoloxía etc. Pequenos artigos e contos, sobre todo. O primeiro libro publicado como tal foi Fanerógama, e veu da man do premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón no ano 2005. Foi publicado por Edicións do Castro. Case a seguir veu Canícula, novela publicada por Sotelo Blanco a raíz do premio Lueiro Rei. Así que teño que dicir que os premios, a min, si que me axudaron a sacar á luz o meu primeiro material e encarreirar unha liña de traballo literario, polo tanto teño que ser agradecida.

—¿Cal das túas obras cres que foi mellor tratada e cal pasou máis desapercibida para o público e/ou a crítica? ¿Por que cres que recibiron ese trato desigual?

Falo por impresións persoais que nada teñen que ver co feito de recibir recensións máis ou menos favorables dos libros. Teño a percepción de que un dos libros mellor acollido foi Apuntamentos para un cuarto confuso e cambiante, libro artesanal na editorial Bourel, que se esgotou no mesmo día da presentación por mor do escaso número de exemplares, pero que deixou un ronsel de comentos. Creo que tivo unha boa recepción polo feito de ser un libro de marcado carácter positivo e dinámico, e porque abría diferentes posibilidades na súa lectura e na miña maneira de facer poesía, ademais evidentemente, de ser un obxecto precioso para acariñar, algo así como un agasallo ou un xoguete poético, singular desde a primeira páxina.

Máis difícil de integrar foi Paquidermo, editado en Bubela, seguramente por ser unha poética máis filosófica ou máis densa, á parte do feito de estar escrito cun punto de vista máis testemuñal, máis plural, non tan intimista, talvez cun ton máis grave, nin redondiño nin feituco.

Paréceme lóxico, e así o hai que entender, que o público escolla ou que a crítica opine, pero unha ten que escribir máis alá da acollida dun hipotético lector ou dos críticos. Eu polo menos non me guío por modismos ou por posibilidades de vendas. En xeral, todos os libros que publiquei tiveron suficiente atención e moi bo trato, non me podo queixar en absoluto, e o máis importante, eu aprendín coa publicación de cada un deles.

—¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?

Escribo a man e a ordenador, segundo o momento e a disposición. Ás veces gravo algunha idea nunha gravadora. Creo que teño as manías comúns a todos os que escribimos e, se cadra, algunha outra máis.

Ás veces sorpréndeme que canto máis tempo teño para escribir, menos escribo, e cando estou moi atarefada ou sinto que vivo algo intensamente, escribo como sexa, en calquera circunstancia: en papeis dos bares, sobre a publicidade do híper, en sobres, en folletos dos museos… Non sei a razón, pero inspírame moito a estética e o ambiente dos museos, hai algo de feito poético na súa estrutura e na súa linguaxe. Cando estou nun lugar especial tárdame ter o meu tempo para escribir.

Logo pásoo a limpo cando podo (aborrezo bastante esta parte do traballo, é pura disciplina) e gardo todo, non tiro nada, por iso acumulo moitos apuntamentos estraños pola casa. Son un caso de Dióxenes literario.

Nada máis estraño que declarar polo de agora.

—Nunha antoloxía da nosa literatura recente, ¿ao pé de que autores/as preferirías figurar?

Teño a sorte de ser partícipe nalgunha antoloxía da que me sinto moi orgullosa, e na que estou á par de autores de gran valía e que aprecio, pero sería tamén unha honra compartir espazos con outros autores cuxa obra admiro. Non só en poesía ou en narrativa, senón tamén compartindo artigos de opinión en prensa, ou noutras artes, como pode ser a música. Non cito especialmente a ninguén, simplemente afirmo, así en xeral, que me gusta aprender de moitos. E abofé que hai xente que escribe con moito gusto e non sempre se corresponde isto con ter éxitos comerciais.

—Se tiveses que historiografar a túa propia traxectoria literaria, ¿que trazos salientarías?

Eu diría que souben agardar por certa madurez para botarme a escribir. Penseino ben e cando me decidín, asumín o que implica escribir: non deixa de ser unha exposición dos sentimentos máis privados e iso ten o seu pequeno prezo.

Tamén creo que gañei en paciencia e esixencia, son quen de estudar e traballar con calma para que o texto quede o mellor posible. No son conformista nin me quero meter présa. Pódoche dicir que busco un ton persoal sen impostar a voz, que me gusta escribir e publicar libremente, sen presións comerciais, nin ao ditado das modas. Encántame tocar varios xéneros, non desboto nada no futuro. Tamén me seduce moito mesturar música e poesía.

A expresión dun desexo: quixera ir dotando os meus libros dun humor e dunha ironía moi galegos cos que convivo, pero sei que non sempre resulta doado levalos á escrita e transmitirllos dunha maneira fluída ao lector. Eis, se cadra, un reto ou un fracaso para aprender.

—¿Que lecturas te acompañan decote ou a que escritores/as regresas con frecuencia?

As miñas lecturas son moi variadas. Son moi ecléctica e mesturo de todo e ao mesmo tempo: tanto visito a Montale, Joyce, Böll, Emily Dickinson, Coetzee, Idea Vilariño, Kafka, Vila Matas, Dos Passos… como releo novela indixenista, realismo máxico, distopías, pezas clásicas de teatro, biografías, correspondencia entre autores etc.

En galego, sempre hai que regresar de cando en vez aos autores de Nós e á narrativa de Posguerra; e buscar inspiración en autores galegos referenciais como o puideron ser Manuel Antonio, Avilés, Blanco Amor, Ferrín, Luz Pozo, Pilar Pallarés… porque creo que eles xa transcenderon épocas escuras e fronteiras; por outra banda, tamén me gusta sentir a calor de autores máis novos cos que estou en contacto e cos que vou traballando e compartindo experiencias literarias. Dado que estamos a traballar nunha antoloxía de poetas actuais, estiven relendo a súa obra e analizándoa desde unha perspectiva persoal. Todo este proceso resultou moi gratificante para min.

—¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?

Pode ser que lle sobre certa uniformidade, ser previsible dalgunha maneira, semella que o ar está vezado e convén osixenarse. Hai calidade, pero por veces semella estar teledirixida por correntes e estereotipos. Ese remar na mesma dirección como por necesidade, por demostrar algo ou por encadrarse nalgures … sei lá!

Aprecio os autores que circulan por libre, que escapan ás leis do mercado, á oferta e á demanda, autores orixinais ou mesmo extravagantes, pero temo que por veces acaben caendo no snobismo gratuíto. Non é nada fácil acertar, aínda así hai que arriscar.

Falta logo máis orixinalidade, un acreditar na propia produción sen ter que demostrar nada, e asumir as perdas, tirarse ao baleiro. Supoño que hai ataduras que teñen que ver cunha forma de entender a literatura que se dá a nivel global, non é só unha característica da nosa literatura. Creo que as editoriais deben marcar as súas pautas tamén.

Non teño ningunha receita máxica, apenas é unha sensación que constato desde o papel de lectora. Como escritora confío no traballo, na formación e no tempo, e desconfío das premuras, dos pelotazos literarios e dos proxectos pouco sólidos.

—Se soubeses que o teu tempo se esgota, ¿que non te perdoarías non deixar escrito?

Máis ben non me perdoaría ter deixado de vivir…! O narrado ten que ser primeiro vivido.

Será que non acredito nesa importancia do feito literario, na transcendencia da obra, na posteridade.

Outra cousa distinta é que o tempo non sempre é suficiente para concretar todas as ideas e proxectos literarios que podes ter e haise que ir contentando con rematar o que podes dar feito ti nas túas circunstancias. Eu polo menos non teño outras esixencias.

—¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?

Creo que hai que enmarcalo nun proceso global que afecta a outras literaturas. Vese afectado por circunstancias que compartimos con outras linguas. Ten que ver con todo o que rodea o mundo da literatura: a aparición do libro electrónico, a crise económica, a crise de valores, escaso hábito de traballo e dedicación á lectura, a impaciencia, a présa por publicar, a sobrevaloración do inmediato, o desexo de acadar o éxito, o mercantilismo… Creo que sería fundamental que se reestruturase o mercado do libro. Esa calma obraría como un filtro. Todos teremos que reinventarnos, digo: libreiros, editores, lectores, autores…

Por outra banda, creo que aínda que no caso do galego se arrastran dificultades de publicación ou de mercado, e aínda que o panorama vén marcado de raíz pola situación da nosa lingua, non se debería poñer en práctica unha literatura utilitaria, carente de orixinalidade. Tampouco determinar a nosa presenza no ámbito literario con valores cuantitativos e non pola súa relevancia como creación artística. Que importa se se publicaron tantos libros? Eu prefiro que se publiquen algúns libros determinantes. E se non é así, teremos que dicilo e asumilo, tampouco pasa nada.

Boto en falta maior comunicación con outras literaturas peninsulares, a portuguesa, a éuscara, catalá… unha integración colectiva e unha conexión a nivel máis persoal; dígoo como experiencia enriquecedora a pé de terra, non estou a falar de actos institucionais para facer a foto de familia.

Finalmente , gustaríame que houbese máis estudo crítico e unha boa formación da nosa crítica, e non me refiro a opinión, recensións, difusión etc., iso xa existe, senón estudo e contextualización nun marco máis amplo, mesmo a nivel internacional.

—Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.

Diría que a perspectiva temporal é imprescindible para valorar a obra dos autores actuais e a súa significación na nosa literatura. Ás veces, faise preciso rescatar segundas lecturas, volver atrás e ler con ollos novos. Desentrañar o que ten de especial un texto literario é algo moi complexo que require un tempo, pero que che vou contar a ti, Armando?

Por certo, parabéns a Criticalia e ao blog, intenso labor e interesante encrucillada de camiños literarios!
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES