Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cores para aloumiñar soños (III)

martes, 27 de marzo de 2012
CORES PARA ALOUMIÑAR SOÑOS (III), de Camilo Gómez Torres

O feitizo da pintura de Macía arranca do que se ve entre néboas, o que está non nidio senón que se intúe no trasfondo coma o “calixeiro”, esa néboa de pouca intensidade que se forma sobre o mar ou sobre a terra ( especialmente os días de moita calor ) nesa especie de esfumato que trascende e fai que o que mira o cadro poida seguir interpretando as formas, as figuras, as ideas. É coma poesía, conceptualizacións que construímos os que nos acercamos a ela, por iso se acerca ó construtivismo e ó relativismo que embruxa e ensina o que ti queres que sexa marcado polo que en principio che ofrece Miguel Anxo Macía, cuxo nome tanto se parece a Macías “O namorado”, un feitizo trobadoresco de amor á pintura e ás cores.

Eu non sei que ten a pintura de Macía que sae para fóra dos cadros, derramada cara ó visitante con verbas de cores asulagadas de azuis e incluso violetas e baixo os paraugas parrafean do tempo os vellos e os nenos traspasados pola luz da Praza do Campo en manchas de cor que arden nas teas.

Linguas de cor, estalidos na luminaria dos desexos. Asombro no lumínico das cores que os pinceis levan coma linguas lambendo a retallos os lenzos da ilusión.

Explosión de xúbilo pola presenza das cores omniscientes que o abranguen todo e dialogan coa alegría vestida de deusa ou de musa na natureza imposible do colorido.

Noite de festa nun ceo iluminado. Fincas delimitadas pola policromía emerxente e coralinácea, calcificada polas cores rosadas, amarelas, azuis, vermellas no eido dos sentimentos que afloran coma avelaíñas ou bolboretas en busca dos cálices asulagados de pétalos e rodeados polos estames líquidos que convidan a libar os licores aromatizados e doces, macerados polos pinceis nas teas disolutas, viciosas de contento entre os vestidos multicolores da pluralidade revolta en ordenadas contornas dispostas pola man vizosa do gran Macía nunha primavera boticelliana onde a cor é a emperatriz que emerxe chea de froitos entre os grises e os azuis da nosa Galiza.

O libro, ben deseñado, proporcionado, ben estruturado e organizado, cun léxico impecable é un gran espello posto de frente do gran Macía reflectindo coma unha cámara a súa vida e a súa obra con rigor e precisión, sen ambiguidades nin equívocos na súa biografía; mais coa maxia da palabra ben feita e poética cando o autor nos fala da súa pintura endereitada e dirixida cara os –ismos cun coñecemento exhaustivo da arte e das artes concebidas como grupos sociais ou movementos pictóricos que o autor analiza e clasifica cun rigor metódico e cunha exactitude meridiana, digo; non exenta da linguaxe abstrata e ás veces aínda poética, onde os vocábulos soñan conceptos e os termos viven a maxia das cores e do mesmo expresionismo que abrangue ó libro e ó autor polos camiños subreais das cores e da abstración que se contempla a través das verbas, chegando incluso a unha simbiose entre as palabras do autor Camilo Gómez e o expresionismo de Miguel Anxo Macía que revolve na paleta dos sentimentos.

E xa para rematar, direi

Por unha banda ó biografiador:

Poñerse cunha obra tan difícil como é esta supón un reto para o ensaista pois a magnitude da obra e a conceptualización das correntes deseñadas en grupos ou en xeracións supón unha innovación ao meu entender tan importante como necesaria nos eidos da pintura luguesa á que haberá que recorrir a partir de hoxe, calqueira outra biografía que se faga para datar ós biografiados e ós movementos nos que se incardine.

Os meus parabéns para o amigo e compañeiro Camilo Gómez Torres.

Por outra banda ó biografiado:

A obra de Macía na súa totalidade marabíllanos pola súa perfección e pola súa tecnicidade, delicada e sinfonicamente estética, melódica, sensual, emotiva e sentimental coma se a súa persoa e os seus cadros foran unha prolongación da súa humanidade, da súa humildade, da súa perseveranza e da súa honestidade. Os seus cadros son unha prolongación da súa personalidade, do seu caritel como home e como profesor, que nos arrequece como seres humanos.

Os meus parabéns ao biografiado tamén amigo e compañeiro Miguel Anxo Macía.

Os meus parabéns tamén para Henrique Alvarellos polo seu primoroso gusto e pola presentación deste libro que ó meu entender non desmerece nada todo o que se dixo del.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES