Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cores para aloumiñar soños (II)

martes, 20 de marzo de 2012
CORES PARA ALOUMIÑAR SOÑOS II

de Camilo Gómez Torres

Que Macía naceu para a pintura constátao o feito de fabricar a súa primeira caixa de pintura e o seu primeiro cabalete no faiado. A experimentación comeza no ano 1972 cando abraza un xeometrismo de ritmos curvos de recendo subrealista, un xeometrismo triangular; no 1975 recoñece a pegada do postcubismo; mais a estética xeometrista foi só un experimento que o levará a cabalo dese vector para apearse no EXPRESIONISMO, aínda que ás veces a néboa monocromática de harmónicas variacións de intensidade dunha mesma cor abranguerá o seu sentimento e a súa paixón (violetas, ocres, azuis, grises . . .): o desacougo, a ledicia, o amor, a melancolía, a tenrura etc. etc. Macía, coma os grandes pintores, fai que os seus ollos que tamén contemplan realidades, sexan capaces de descubrir o trasfondo da alma humana que son as sensacións, as emocións.

E cales son os universos pictóricos de Macía?
Evidentemente LUGO é un dos seus centros de interese, a Praza do Campo ten un presenza constante, é coma o útero materno do que saíu e ao que volve para atoparse a si mesmo, os barrios de Lugo: Recatelo, a Praza Maior, a Praza de Santa María, o Campo Castelo, a muralla etc. espertan aos soños nas cores que impactan coma verdades de silencios pintados.

As rúas de Lugo con esa choiva invisíbel e eses grandes paraugas expresionistas.

E logo, as PAISAXES MARIÑAS galegas, coma se pillásemos o billete no autobús que nos leva de Lordelo á Coruña parando intermitentemente nos lugares máis interesantes. No mar a pintura de Macía chega a estadios de excelencia creativa. Quizabes sexa o centro de interese máis grande do grande creador, o peixe, a rula, o marisqueo, a espera e un sinfín de actividades das xentes que nel traballan portadoras de trazos expresionistas e de desproporcións nos corpos de mulleres e homes vigorosos, plásticos, gráciles, barís tratados cunha luz exquisita nas horas nocturnas e con fanais que dan formas e cores ós habitantes dos lenzos proxectando unha luz amarela sobre os azuis e os rosas dos peiraos e das roupas mariñeiras.

Esas grandes botas que atopamos nos mariñeiros e nos labregos dos seus cadros – e eu atreveríame a dicir que tamén os paraugas – teñen a súa orixe na pintura de Castelao, Colmeiro, Souto, Seoane ou Grandío . . .

As paisaxes EXTERIORES, mediterráneas, castelás, europeas ( Notre-Dame, París, Viena, Praga, O Moldava etc.

O ENTROIDO GALEGO cheo de forza expresiva, de sensualidade cromática e de eficacia plástica.

O mundo dos LABREGOS, das CRIANZAS e das MULLERES

Os BODEGÓNS , os INTERIORES e os MURAIS, . . . todo.

E cales son as súas cores?
Miguel Anxo Macía, ten unha ampla gama cromática, dinos o autor “roxos e amarelos ouro baixo un ceo de verdes, gamas de azuis manchados con amarelos, gamas de azuis claros alternando con blancos tinguidos de rosa, intensos roxos matizados con azuis” mais tamén Macía é FOVISTA pois a miúdo están as cores rebentando nas intensas e provocadoras combinacións cromáticas. “Un dos piares nos que se sustenta a súa creatividade é o exuberante, poderoso, innovador e singular cromatismo.

A pintura de Miguel Anxo son as cores . . . limpas, puras, luminosas, resplandecentes e fondamente gratificantes, cores que non atopamos na natureza . . . variadas tonalidades de vermellóns, laranxas, rosas, azuis, amarelos, ou entre outras, violetas. . . ou ben xoga coas tonalidades dunha mesma cor das que irradian poderosas emocións ou sentimentos de amor e tristeza . . .”

“Macía, construtor de formas e volumes, sen apenas perfís siluetadores” esas cores violentas e puras definidas por unha única líña de cor que non chega a especificar claramente os obxectos, son coma “cartuchos de dinamita”que diría André Derain, pintor e compañeiro de Matisse, é a espontaneidade expresada en sentimentos, evitando matizar as cores, mais en Macía a luz non tende a desaparecer, nin a profundidade.

Temos ante nós, a indefinición das formas definidas, coma unha “Opera Aperta” que diría Humberto Eco. Non hai pechaduras nos cadros de Macía, as cancelas están sempre abertas para que penetre o espectador, esta forma de deixar as portas abertas é unha maneira de chamar ós “ladróns”, entendendo como ladróns aqueles que entran ou entramos engaiolados polo que acontece por detrás, de tal forma que ti podes continuar os feitos dunha narración pictórica e imaxinar cada día unha forma distinta, de aí a multiplicidade da fantasía onde o pintor é o encarregado de que ti entres e te divirtas como queiras. Dinos a poetisa María do Carme Kruckenberg no poemario “Poemas sen resposta”
“ As luces mais as sombras alongadas
Van morrendo indecisas na nostalxia ”

(Continuará )
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES