Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galiza só é cando non está

viernes, 16 de marzo de 2012
Cada vez estou máis convencido de que, vista dende unha perspectiva xeral, Galiza só é cando non está. Dende sempre ata agora mesmo, e deixando a un lado o insuficiente tanto por cento dos que a senten como país mesmo téndoa debaixo dos pés, o caso é que o sentimento de galeguidade, de crerse pobo con identidade, é máis propio dos seus fillos deshabitantes, que dos que quedan aquí. E para abondar no que digo, ata podería engadir que grazas a eles ata hai unha nación con estado. Emocional, si, pero estado ao cabo, como é o da morriña. Un estado fundado coas nostalxias desa xente.

Eu nunca o fun, pero como todo o mundo teño emigrantes na miña familia e sempre me chufaron ese sentimento-estado como promotor de solidariedade. É probábel que esa solidariedade fose provocada en certa medida pola necesidade humana de facerse mais forte para defenderse nun medio estraño, pero estou seguro que a grande base desas relacións foron sempre compartir lembranzas, vivencias e visións comúns.

Mais dito isto, volvo ao principio para reiterarme: Galiza só é cando non está. Calquera que viva riba das nosas ácidas terras sabe a que extremos poden levar conflitos de ridículos intereses persoais, así como a resistencia, insolidariedade e desconfianza que provocou sempre introducir algo que levase consigo unha innovación.

Haberá quen pense que estes exemplos son aplicábeis a un sector moi determinado da nosa poboación, propios máis xa doutros tempos que deste, pero non era a miña intención, aínda que esa sexa a aparencia tópica. Crían que estaba a aludir ás xentes do noso agro? Pois non, quería referirme á nosa clase política.

E cando digo “nosa” permítome deixar a un lado a partidos para os que este país é unha terminal coma outras dezaseis dependentes do ordenador central, permítome prescindir dos partidos sucursalistas que non son sensíbeis á particularización das nosas necesidades. Estou a falar dese partido de partidos conformado no seu día para denunciar e atender as nosas necesidades e que a día de hoxe e por culpa de conflitos tan ancestrais como os referidos, atribuídos en tempos á ignorancia, está dende unha data aínda recente a fragmentarse decontino. Como se aqueles rancios defectos do noso pobo tan criticados polo espírito progresista, permanecesen latentes ou formasen parte do noso ADN.

Supoño que o problema é que a visión do obxectivo foise diluíndo e a mesma formación política acabou por converterse no obxectivo.

Os máis instalados nas estruturas ven país onde só hai partido.

Daquela os aínda non posuídos pola miraxe optan por emigrar.

Para non perder a perspectiva e o sentimento común coa xente de a pé, que está en constante movemento.

Galiza só é cando non está. É ben triste, pero sempre foi así.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES