Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fóiseme o santo ao ceo

jueves, 08 de marzo de 2012
Aínda non entraron a roubar na igrexa da súa parroquia? Non será que non ten santos polícromos e milagreiros? Na nosa entraron hai pouco; só levaron a chave do sagrario e pouca cousa da colecta de diario. Non tocaron o cáliz dourado, nin o san roque, nin o san lourenzo, nin a virxe do socorro. Hai quen o ve mesmo coma un desprezo.

Os amigos do alleo usaron o mesmo método que adoitan utilizar ultimamente para espoliar as igrexas rurais: serrar os barrotes do fachinelo pequeno da sancristía. Así, é chegar e bicar o santo.

Metodoloxía arcaica, primitiva, rudimentaria, evidente e cutre. Igual que as medidas de seguridade do templo. E roubarán máis así, case parece un sketch dun cómic de Mortadelo e Filemón ou a típica escena dunha fuxida de Billy the Kid. Disque na igrexa da parroquia que linda coa nosa roubaron unha santa. Eu imaxino a escena un tanto almodovariana, cos ladróns correndo cara á furgoneta coa santa margarida ou a nosa señora, envoltas nun plástico do Gadis para metela no maleteiro e saír a filispín. Música de fondo: kusturica.

Claro está que na nosa parroquia, a Igrexa aínda ten sen reparar o cruceiro escachado pola pluma do camión dunha madeireira, cal saque de Djokovic. Alí o está, estarricado no cruce de camiños sen que ninguén bote man del. Case semella un quebracabezas, co cristo todo partido e a base levantada. Agora comeuno un pouco a maleza pero eu ben o adiviño embaixo, sen remedio. O símbolo da imaxinería popular escachada.

Xa o advertira Don Quijote: “Con la iglesia hemos topado, Sancho” aínda que o escribiu sen a carga de ironía que se lle atribuíu despois. Dá igual, Cervantes acerta de todas as maneiras, topamos coa Igrexa e hai que ir asumindo que agora non se dá protexido o que dalgunha maneira se custodiou durante séculos.

Por exemplo, estase a perder o costume de gardar a mellor imaxe dunha igrexa nas casas, rotando de familia en familia ao longo do ano. Semella que unha vez máis os vellos costumes tiñan a súa razón de ser. En pouco máis dun par de anos espóliase un patrimonio relixioso, cultural e artístico, que traerá consigo a consabida perda de tradicións, lendas, oralidade e convivencia popular.

Saben que en Cornanda e na Luaña ( Brión) sacan os seus respectivos santos (santa maría e san xulián) para convocar a chuvia? Encóntranse as dúas comitivas onda o encoro, despois levan os dous santos de volta a Cornanda por nove días e sen desesperar, agardan que chova. Disque é man de santo. Por iso non está ben perder imaxes así como así. Despois a ver quen lle pon couto á pertinaz seca que arrastramos. Que todos os santos axudan.

Se é certo que a cruz do IRPF para a Igrexa apenas nota a crise (aínda aumentou o número de contribuíntes que marca esta casiña, nun estudado referendo de catolicidade propiciado por Facenda, que somos todos) entón a santo de que non pode manter minimamente protexidas as súas campás, os seus códices, as súas imaxes?

Se vostede, estimado lector, ten pensado poñer a cruz na casiña da ciencia na súa declaración da renda- que todo chegará!- acórdese dos nosos científicos, que estarán posiblemente estudando alemán e ciscándose en santo erasmus, e rece un noso pai por eles e máis por nós, e que o Señor nos protexa. A casiña de fins sociais? Din que unha cuantiosa parte tamén vai parar a organizacións católicas. Espir un santo para vestir outro. Que cruz!
Perez Rei, Mariña
Perez Rei, Mariña


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES