Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Urga em Desassossego

miércoles, 07 de marzo de 2012
A José Afonso

25 anos sen ti, e aínda nos fica a certeza de que as túas palabras foron semente. 25 anos sen ti, e aínda a túa mensaxe ten unha actualidade abraiante. 25 anos sen ti, e seguimos militando día a día no desasosego de quen quere medrar nunha cidade sen muros nin ameas. 25 anos sen ti, e séguenos facendo falta cada verso e cada nota que ti puxeches con man firme contra os donos do mundo. 25 anos sen ti, e seguimos camiñando cara Urga en desasosego, como quen busca un berce de dignidade para erguer a igualdade en cada esquina.

Fuches o caravel máis vermello de abril, creador único capaz de facer beleza na denuncia, e de denunciar sen fin aquelas aldraxes que fan infrahumana á humanidade. No Xepangara, por tras daquela xanela, nunha avenida de Angola ou nos camiños de Grândola está un rostro descoñecido ao que ti lle deches luz e verba. E nada menos que verba feita poesía!, erguida na túa voz de cerna inesquecible. Por ti moitos homes creron no futuro, e segue por ti Grândola sendo a terra da esperanza e do porvir. Eras a liberdade, sabíalo! Por iso estiveches en cada posibilidade de futuro, en cada inxustiza que había que deitar, nas conciencias traballadoras que ao poder desafiaban, nas mans labregas dos cooperativistas do Alentejo, nos ollos dos nenos angolanos que anainabas co pensamento, na indignación desbordada polo sangue tenro de Catarina e en todas as vilas morenas que, dende a Compostela do 72, te levaron polo ar cara o 25 de Abril.

Escoitarte agora é un milagre que os sentidos agradecen facendo camiñar a alma e o corazón cara unha utopía que aínda é posible. Porque de ti aprendemos a beleza do amor vivido na máis firme verdade. Por iso aínda ollamos e acreditamos nos ollos que non negamos, recibindo a cambio o sorriso e a palabra como fonte de resistencia fronte a todo aquilo no que non nos queremos converter. Acreditar neses ollos é lembrarte no espello das ideas; é sorrir eternamente mentres teimamos nos nosos valores para non deixar nunca de verte en cada cantiga. Así teimamos nos desherdados, nas mulleres da noite, nos estudantes que queren un futuro, nos labregos que traballan por prezos miserables, nos homes que fan os camiños do mar, nos que poñen a súa ilusión en cada proxecto de alfabetización, nos que dan o seu tempo para facer medrar á humanidade e nos que ven nos ollos dos fillos outro mundo posible. Neles teimamos! E o teu verso segue sendo o conto vello dos nosos novos rumores, que te levan sempre nun corazón en permanente abril sabendo, como ti sabías aquel 23 de Febreiro, que non pode parar. E non parará porque leva moitas conciencias a latexar, e porque xa o tempo se habitúa ao rumbo impreso na proa deste latexo; de tal xeito que

Nem o voo
Do milhano
Ao vento leste
Nem a rota
Da gaivota
Ao vento norte
Nem toda
A força do pano
Todo o ano
Quebra a proa
Do mais forte
Nem a morte

Contos velhos, rumos novos (1969)


SEMPRE TI, ZECA!
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES