Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Da Real Filharmonía a Labordeta

lunes, 20 de febrero de 2012
Sitúense nun concerto da Real Filharmonía de Galicia. O público coñece exactamente o protocolo, sabe cando hai que gardar silencio, cando hai que romper en aplausos, os móbiles adoitan estar en off e ninguén se ergue no medio da interpretación a risco de sufrir olladas asasinas dun veciño de fila melómano. Despois de todo, Schumann meréceo e o violonchelo solista é admirado desde o máis absoluto respecto.

Uns minutos despois, aquel hipotético individuo asistente ao acto xa volve ser un perfecto maleducado no párking (permítanme o anglicismo). Móvese pola présa, polo desexo de adiantar a outros conxéneres; abusa da bucina, da estatura e do improperio, talvez meta o dedo no narís ( permítanme o seseo implosivo) e desde logo, xa non sente as mans de ouro do chelo no seu ouvido. Aí temos a Robinson adaptándose ao medio natural, entramos de novo na xungla urbana, ou, en terra de lobos … (déanlle bo remate ao refrán).

No lado oposto, supoñemos que Venres interrompería a orquestra cun aplauso espontáneo, a destempo e fóra de compás, ou talvez o salvaxe bocexase tan ruidosamente que sería recriminado polos asistentes cultos. A cuestión é que non habería grandes diferenzas de comportamento cando fose recoller o seu vehículo, porque a súa educación é continua. Por iso, seguro que el metería o dedo no narís.

Hai formalismos que están deseñados para un determinado momento no que se admira a exquisitez, a beleza puntual. Son as formas momentáneas. A boa educación pola contra é atemporal, obedece a unha lei de gravidade innata, continuada, perseverante en calquera circunstancia. Discorre paralela á civilización pero non a toca. Ten que ver coa elegancia que imprime o latexo dun corazón, coa sensibilidade da pel.

Entre os formalismos absurdos temos os principais parlamentos europeos. Persoalmente quedo co show italiano porque se me asemella por momentos á Commedia dell´Arte. Os ingleses representan encarnizadas liortas entre lores anticuados e indumentaria e mobiliario rancios. No Cáucaso chegan ás mans, é demasiado evidente. No panorama español abúsase do “Señorías” ( que xa parece un imperativo legal) para a continuación cravarse o aguillón sen tregua. Así debeu ser como viñemos caer na escenografía nacional da burla, pornografía do que tiña que ter sido a educación e non foi: a gargallada do político corrupto que ri na cara de todo un país. En directo.

Neste tipo de perversións maquiavélicas, o taparrabos malamente disimula a conta bancaria en paraísos fiscais e a vulgaridade adquirida con tesón. Seguramente, a Venres, se lle ía cruzar un inspector de Facenda (que non somos todos) ata facerlle a vida imposible porque- incivilizado el- non sabe usar ben a luva branca.

E sen querer, non me pregunten por que, veume ao acordo o día en que un Labordeta iracundo lle espetou aos cans de presa que o acurralaban no Congreso aquela frase, hoxe pódese dicir que premonitoria dun estado de ánimo nacional, igualatoria, catártica: “Váyanse a la mierda, joder!”.

Volvino ver en Youtube, sen máis sensacionalismos, e a min semelloume que en efecto, o home perdeu as formas, pero que considerado en conxunto e con perspectiva temporal, resultaba ben educado polo que tiña de coherencia cos seus principios, de sensibilidade e decencia, malia que o foro o desmerecese.

Hoxe vanme permitir que faga meu o berro de Labordeta, con toda a súa carga de indignación e de dignidade, porque nesta caste de mandrágora estupefaciente que nos fan tragar a diario, unha leva mal o silencio da resignación, o sixilo e a cautela que provoca o temor a que medre aínda máis a humillación, ese estudado estado de shock social.

Digo que aínda prefiro que soe un móbil no medio e medio dunha aria. Digo que o improperio botado con clase pode estar do bando da boa educación, porque quere dicir que aínda circula o sangue, que hai vida, sensibilidade, valentía contra os merdentos burócratas das formas.
Perez Rei, Mariña
Perez Rei, Mariña


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES