Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sancho Panza no Instituto de Lugo

jueves, 16 de febrero de 2012
Dedico este traballiño literario (literario e memorialístico) a Xosé María Felpeto nas datas da súa xubilación oficial no ensino, onde foi un extraordinario profesional.

Chema -como lle chamamos con respecto e agarimo os amigos, que somos moitos- foi alumno meu de Literarura española no Instituto Masculino de Lugo (hoxe "Lucus Augusti") hai máis de corenta anos.

Non facía falla ser profeta, daquela, para supoñer que aquel rapaz, aquel alumno, estaba a ser chamado a ser un gran profesional en calquera oficio que esixise, ademais de saber intelectual, honradez e bondade na relación coa xente, sobre todo coa xente nova. Por estas características -notorias daquela- don Xosé María Felpeto Enríquez foi un profesor exemplar.

Cónstame que outros colegas , máis próximos a el ca min no exercicio da súa profesión, farán semblanzas moito máis precisas e minuciosas do "magister" que foi durante décadas.

Eu limítome, nesta ocasión, a ofrecerlle este artigo cervantino, revelador -penso- dalgunhas das preocupacións que transmitía nas miñas clases e nas que o texto -ás veces o pretexto- eran as páxinas de Cervantes, do gran Cervantes. Nesas clases, alumnos como Xosé María Felpeto gratificaban ó profesor e obrigábano a ser, cada día, un pouco mellor. Con qué emoción lembro aquelas horas luguesas na compaña de Chema e os seus colegas!

***
Sancho Panza no Instituto de Lugo
I
Eu lin o Quixote, de neno, á luz do candil, en 1942, e desde aquela primeira lectura, na aldea, a gran novela de Cervantes foi unha circunstancia sempre presente na miña vida. O meu primeiro premio literario, no Instituto "Santa Irene" de Vigo, recibino en 1947, IV centenario do nacemento do escritor, por un "ensaio" cervantino no que resumía ou glosaba algunhas páxinas dun celebrado libro de don Miguel de Unamuno, Vida de don Quijote y Sancho (1905).

Lendo ese libro namoreime, aínda máis, de Dulcinea del Toboso, e aprendín para sempre que, ó longo da gran novela de Cervantes, sobre todo na segunda parte, don Quixote, sen abdicar de seu prodixioso idealismo, foise sanchificando un pouco, e Sancho Panza, sen perder a súa perspectiva miúda, realista e pragmática, foise quixotizando pouco a pouco. Está aquí un dos grandes acertos estilísticos e humanos de Cervantes, moi consciente de que unha relación (na aventura e nos intereses) como a de Sancho e don Quixote inflúe reciprocamente na construción dos seus caracteres, das súas personalidades.

No curso 1959-1960 estreeime como catedrático de "Lengua y Literatura españolas" no Instituto "Jorge Manrique" de Palencia, ano académico no que a asignatura de Literatura, en Preuniversitario, respondía a este título monográfico: "Cervantes y el Quijote". A miña cervantofilia, abrollada á luz do candil en 1942 e reforzada en 1947 á sombra do centenario do escritor, agradeceu no máis íntimo a obriga profesional de consultar varias edicións anotadas do Quixote (tamén a monumental de Rodríguez Marín) e de ler libros e traballos sobre a vida e as obras de Cervantes que nunca consultara.

Debo aclarar que os alumnos palentinos, coa súa actitude, aguilloaron o meu interese pola "asignatura" e foron responsables, en parte, de que eu, ós meus trinta anos, adquirise unha non desdeñable erudición cervantina, erudición e entusiasmo que, un curso despois, xa no Instituto Masculino de Lugo (e na Escola de Maxisterio), intentei transmitir, na medida aconsellada pola Pedagoxía, ós alumnos e ás alumnas lucenses.

II
Se se me permite a expresión, eu, como profesor, fun un quixote da causa de Sancho Panza; quero dicir que, na aula (e en bastantes escritos e conferencias), sempre rompía unha lanza en favor do escudeiro de don Quixote, un campesiño que non só era rudo, tosco, simple, aproveitado, cazurro.., que estes eran os adxectivos prodigados pola crítica preunamuniana. Sancho, non alleo, co transcurso do tempo, a algunhas virtudes do singular cabaleiro, foi, en momentos difíciles para don Quixote, o seu único apoio: Sancho chegou a querer entrañablemente a aquel neno grande, mesmo cando xa se decatara de que aquelas aventuras estaban fóra de razón e de que nunca obtería do proceder do amo ningún proveito material. Críticos houbo, de mentalidade señorita ou afidalgada, que tildaron a Sancho de codicioso e egoísta, ignorantes -eses críticos- de que aquel escudeiro manchego (el, a súa familia e os seus devanceiros todos) vivían na estreitura e viñan da fame e dos abusos.

Pero para a crítica afidalgada é "pecado" de codicia aspirar a un pouco de pan, a unha casa non lóbrega e a un futuro non mísero para os fillos. Sabía Sancho -o codicioso Sancho, o "materialista" Sancho- que servindo a don Quixote, protagonista de derrotas, non conseguiría nin migalla de lucro, pero, xa quixotizado, entendía que a razón, o amor e a xustiza, na súa vibración profunda, movían o brazo do cabaleiro, un brazo tan ambicioso como fráxil.
Este era o Sancho Panza, labrego manchego, que eu quería transmitir nas aulas ós meus alumnos da provincia de Lugo, moitos, fillos de campesiños, como o propio Xosé María Felpeto, fillo egrexio de Xoán de Alba, nas terras labrantías de Vilalba.

Debo aclarar que o Sancho que máis me interesaba é o que protagoniza os capítulos referidos á Ínsula Barataria, especialmente o 53 (da Segunda parte), aquel en que o escudeiro, farto das falcatruadas e infamias que lle fan como Gobernador da Ínsula, dimite, e dimite con todas as consecuencias (a de comer ben, a de ser rico, a de casar axeitadamente á súa filla...). Sancho preferiu a dignidade, momento no que profire estas trinta e catro palabras de ouro:
... desnudo nací, desnudo me hallo, ni pierdo ni gano; quiero decir, que sin blanca entré en este gobierno y sin ella salgo, bien al revés de cómo suelen salir los gobernadores de otras ínsulas...
Estas palabras (impronunciables na Marbella de hoxe, e noutras mil marbellas) tiñan un significado no mapa político da España franquista, onde non se conxugaba o verbo dimitir, que era un arcaísmo.

En 1971, o texto da dimisión foi traducido, para unha actividade do Instituto, a catro idiomas: ó catalán, por Ricard Salvat; ó galego, por Ánxel Fole; ó euskera, por Juan San Martín. Eran tres prestixiosos nomes: Juan San Martín, filólogo e Secretario da Academia da Lingua vasca; Ánxel Fole, un dos grandes narradores en idioma galego, e Ricard Salvat, autor e crítico de teatro, quen , como director, introduciu a Bertold Brecht en España. As catro versións figuraban en senllos paneis, no salón de actos do Instituto, no marco dunha Exposición Didáctica de Lingüística Hispánica, organizada, especialmente, para os alumnos de C. O. U.(1). Nese mesmo ano, o noso nadal familiar, que sempre era laico, consistiu nun tarxetón co texto cervantino nos catro idiomas, precedido destas palabras. "A familia de... ouséquianvos coas insólitas verbas de Sancho Panza no intre da dimisión". Un reseñista do nadal, Antonio Vilaseca, en Radio Lugo, malia os tempos, opinou deste xeito:

Desde luego, sirve de paradigma a ciertos administradores de la cosa pública, a los que convierten con su conducta en cosa privada. (24-12-1971)

Con Franco, nin os máis ineptos ou corruptos servidores públicos dimitían, semente que segue a dar froitos.

En realidade, neste "xogo" polilingüe, había máis política da que parecía. Tirios e troianos intepretaban as áureas palabras de Sancho Panza como unha actitude digna de terse en conta en calquera tempo e lugar (sen excluír a España de Franco), e, ó mesmo tempo, decatábanse de que España era unha realidade plurilingüe. En efecto, un nobre pensamento cervantino ofrecíase formulado nas catro linguas hoxe cooficiais. Na mesma Exposición didáctica figurou, en catro paneis, un breve e maxistral texto de Castelao, "Chámanlle a "Marquesiña"..." traducido, tamén, por Ricard Salvat, Ánxel Fole e Juan San Martín.

III
Que Sancho Panza estivo moi presente no Instituto próbao o feito de que a primeira tradución galega de varios capítulos do Quixote ideouse e iniciouse nas súas aulas por alumnos do Centro(2). O volume Sancho na Ínsua Barataria (II, 45, 47, 49, 51 e 53) foi traducido ó galego por Miguel Lustres, Xerardo Rodríguez Roca e Camilo Valdeorras e publicado, en 1977, pola editorial Castrelos (Vigo) na súa entrañable colección "O Moucho". Cónstame que un dos tradutores, Miguel Lustres, iniciou a tarefa no curso 1974-1975, por tanto, antes de que a Real Academia Galega publicara Dous capítulos... de Don Quixote de la Mancha (II, 25 e 26).(3)

Este Sancho, o da insólita dimisión, reapareceu, bastantes anos despois, en 2002, no Instituto de Foz (Lugo) que ofreceu o insólito texto en dezaoito idiomas. Coordinou a edición políglota e a Mostra Carmen Beltrán, profesora no Instituto de Lugo en 1971, o ano en que organizamos a citada Exposición Didáctica de Lingüística Hispánica na que ela traballou con entusiasmo.
Nestes días, consultando vellas carpetas, bato nunha delas coa tradución de dous capítulos do Quixote (I,1 e II,5), obra do alumno Emilio Pardo Sobrino, anterior á de Sancho Panza na Ínsua Barataria. É de 1971, estritamente contemporánea, por tanto, da Exposición Didáctica, e nela Sancho protagoniza un capítulo delicioso e maxistral, o quinto da Segunda Parte: "De la discreta y graciosa plática que pasó entre Sancho Panza y su mujer Teresa Panza, y otros sucesos dignos de felice recordación".

Quizais se desprenda das presentes páxinas a idea de que o Instituto Masculino de Lugo, arredor de 1970, fiel ó seu cervantismo, foi unha especie de factoría literaria onde profesores e alumnos se debruzaron sobre a figura tantas veces subestimada de Sancho Panza, o Sancho Panza cantado nun famoso poema de Gabriel Celaya, moi coñecido e citado no noso Instituto:
[...]
Hoy como ayer, con alarde,
los señoritos Quijano siguen viviendo del cuento,
y tú, Sancho, les toleras y hasta les sigues el sueño,
por instinto, por respeto, porque creer siempre es bueno.
[...]
Sancho con santa paciencia,
Sancho con buenas alforjas,
que en el último momento nos da, y es un sacramento,
el pan, el vino y el queso.
[...]
Titúlase o conmovido poema de Gabriel Celaya, publicado en 1955, "A Sancho Panza": unha reivindicación do vilipendiado escudeiro que só podía escribir un poeta desde as premisas éticas do marxismo. Hai pouco atopeime cun ex alumno que aínda sabía de memoria o poema.
X. A. M.
Vigo, maio, 2011
NOTAS
1) Con ese título o Instituto publicou un opúsculo de 14 páxinas a modo de "catálogo" e "guía" da Mostra.
2) En realidade, a primeira tradución do Quixote é un texto moi breve, brevísimo, o Discurso sobre a Idade de Ouro ("O Sígalo d'Ouro", por Antón Valcárcel, en A Nosa Terra, 5-1-1917).
3) A Coruña, Impr. Moret, 1975.- A tradución, obra do académico numerario Leandro Carré Alvarellos, non foi feita "motu propio" pola Academia senón instada polo Concello manchego de Consuegra, que arquivaba nun muíño traducións, totais ou parciais, do Quixote.
Alonso Montero, Xesús
Alonso Montero, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES