Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por se alguén se dá por aludido

jueves, 16 de febrero de 2012
Entendo eu que os que consideran o sistema no que vivimos, malia a súa precariedade, como unha democracia, deberían de ter a obriga de comportarse como demócratas. Dando por bo este suposto, comprendo que, nunha confrontación electoral, os candidatos dos diferentes partidos se consideren entre eles adversarios e ata venialmente inimigos mentres dura o proceso.

Entendo iso e ata entendo que baixo unhas siglas estean acollidos afiliados que, unidos pola común visión da sociedade que pretenden, discrepen no método e haxa debate mentres non se chega a un consenso. Pero nese debate, ademais da democracia interna, ademais dos votos dos propios afiliados, deberían de terse en conta os dos verdadeiros votantes, é dicir, o dos electores. Terse en conta, en que medida a mensaxe calou ou non no caladoiro no que se supuña tiña que entrar voto con ela.

Fáganse á idea de que unha empresa ten un produto e quere vendelo, pero cada vez que ese produto sae á rúa, ten menos aceptación e camiña inexorábel cara ao rexeitamento. Mesmo cando a empresa multinacional coa que podería rivalizar cotiza á baixa. De que serve que a maioría dos socios da empresa siga votando favorabelmente a súa presentación, o seu envase e o seu márketing? Se unha minoría importante de socios teñen outra visión para vender o produto, non sería xusto e democrático deixarlles probar?

Falei antes de adversarios e ata de leves inimigos cando se enfrontan candidatos de partidos políticos distintos nunha contenda electoral. Considerando isto un feito normal, o que xa non mo parece tanto é que se procuren os inimigos baixo o mesmo teito e baixo as mesmas siglas. Iso só pasa cando se perde o norte, cando a causa pola que se loitaba deixa de ser o obxectivo.

Aínda que en Galiza hai pouco onde elixir, eu sei que nas últimas confrontacións moita xente amante do noso eximiuse de votar e só uns poucos seguimos a facelo por aquilo da diferenza entre o malo e o peor, pero coido que se esta situación tensa permanece, haberá moitos máis descolgamentos. Nunha situación precaria como a que estamos a vivir en Galiza, é duro non ter unha opción sólida que nos infunda esperanza.

Así pois, arremedando a Iglesias Corral só me queda dicir que, como sigan así, aquí vai pasar o que vai pasar; e logo a ver o que pasa.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES