Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Son ourensán; creo en Ourense

martes, 07 de febrero de 2012
DISCURSO DE INVESTIDURA DE MANUEL BALTAR COMO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE OURENSE

Acepten que as miñas primeiras palabras sexan de sincero agradecemento pola confianza recibida. De ben nacidos é ser agradecidos e, polo tanto, beizón, como dicimos aquí, ós deputados que me outorgaron o seu voto. Poden ter a completa seguranza -os que me escolleron e tamén os que non- que asumo esta responsabilidade como o maior reto da miña vida. Traballarei sen escatimar esforzos, procurando o consenso, apostando polas ideas e os proxectos máis axeitados, apostando sempre por Ourense. Os intereses de Ourense por riba de calquera outros.

Grazas ao meu partido político, pola miña designación unánime polos órganos provinciais e nacionais, grazas tamén ao apoio inequívoco da dirección autonómica.Pero grazas aos que viñestes a esta urna, vós os deputados populares, co meu nome escrito nunha papeleta que significa unha mostra de confianza que nunca esquecerei.

Compañeiros do grupo de goberno popular nesta Deputación. Ourense non pode esperar. Por esa razón aproveito para convocarvos á nosa primeira xuntanza de traballo tan pronto remate este pleno, unha reunión para fixar as liñas mestras da nosa xestión. Ás doce horas na sala de xuntas.

Son ourensán e creo en Ourense. Enorgullézome de ter vido aquí ó mundo. Aquí medrei e estudei, traballo, vivo aquí, aquí naceron a miña muller e as miñas fillas, meus país e meu irmán. Aquí están as miñas raíces. Ourense é a miña razón de participar na política. Algo que entendo -a política- como un servizo á xente, como unha causa á que ninguén debe sentirse alleo. Pero coidado, o fundamento da política é a entrega, a aportación do mellor que temos.

Así é como eu me vexo, modestamente, como un servidor público, nunca a secas: ourensán, galego, español e cidadán europeo. Servidor público por profesión e por convicción. Cada día procuro aprender algo novo, trato de escoitar a todas e a todos, recollendo as experiencias dos que me antecederon, compartindo propostas, coa obriga persoal e política irrenunciable de situarme na vangarda. Así o fixen dende a Delegación ourensá da Consellería de Agricultura, dende o Parlamento de Galicia, onde defendín, con total convicción nos últimos dez anos (a cuarta parte da miña vida e a terceira parte da vida da Cámara autonómica), todo o que significase avance e proxección de Ourense; porque Ourense non se entende sen Galicia, nin tampouco Galicia sen Ourense.

Quizais o que me motivou, o que máis me emociona nesta hora, é a miña condición de concelleiro de Esgos. Alí nacín, alí fun descubrindo a identidade propia, alí está a tradición, a intrahistoria, pero tamén porque dende alí pódese soñar o futuro, construír a modernidade. Ou o que ven sendo o mesmo, contribuír á redención, “non só sermos, sabérmonos”, principio que orientou a acción dos homes da Xeración Nós. Eles, entre outras aportacións fundamentais, sentaron as bases do galeguismo político, ideoloxía que comparto e considero vixente, adaptable, por suposto, ós retos do Século XXI.

Este século XXI onde existen serias dificultades derivadas da crise económica que tan duramente nos golpea -sobre todo ós máis necesitados, ós que non teñen traballo-, pero sei tamén que a Historia nos indica que, con ilusión e coraxe, sentíndonos unidos e solidarios, pódense vencer tódolos atrancos.

Teño moi claro que o noso obxectivo principal non pode ser outro que contribuír a poñer en marcha as condicións necesarias para CREAR EMPREGO. Velaí a miña mensaxe central; o compromiso cos desempregados por riba de todo. Para eses, lamentablemente xa, máis de 30.000 ourensáns e as súas familias que necesitan respostas urxentes. Farémolo en sintonía co Estado e coa Xunta, promovendo ideas, atopando condicións para que o sector privado invista, mova e participe; para este empeño todos somos necesarios.

Necesaria esta Deputación que tamén seguirá prestando SERVIZOS PÚBLICOS, reforzando, se cabe, o papel de achegarlle beneficios e melloras ós que máis os necesitan, equilibrando o territorio provincial, racionalizando os fondos públicos. Que vexan as persoas físicas e xurídicas nesta Deputación unha institución cun rol protagonista neste século XXI erixíndose no verdadeiro eixe vertebrador da provincia sobre a que pivota o seu desenvolvemento.

A sociedade hoxe precisa algo máis que xestores. A vida non son só números. Esixe audacia, imaxinación, ideas, equipos, sensacións. A matemática é importante pero un pobo debe ter conviccións e retos, criterio e obxectivos polos que loitar. Cabeza e corazón.

Apostar por Ourense é apostar por nós . Un Ourense que pise forte no futuro. Un futuro que xa é este presente. Que comeza tódolos días. Unha provincia que sexa máis que a división administrativa do tan lembrado Decreto de Javier de Burgos de 1833, unha institución que conta co recoñecemento constitucional. Unha provincia con goberno de seu: a deputación. Tal e como figura no artigo 141 da nosa Carta Magna, sobre a que veño de xurar o meu cargo.

Así é: a Constitución, no seu título VIII (“da organización territorial do Estado”) establece claramente que a provincia goza de autonomía para a xestión dos seus intereses. A provincia como entidade local con personalidade xurídica propia e a Deputación como goberno e administración da provincia. Este é o marco deseñado pola Lei de leis que determina as regras de xogo na España das Autonomías, no Estado de dereito.

Quixera lembrar que no intento de reforma do noso Estatuto de Autonomía, no que tiven a honra de ser ponente polo Grupo Parlamentario Popular de Galicia, o anterior Presidente desta Deputación amosábase claramente partidario de avanzar no autogoberno e na autonomía. E amosaba a súa dispoñibilidade a falar da reforma e redeseño das deputacións no marco dun diálogo e debate aberto. Coincido plenamente con ámbolos dous posicionamentos.

Non me opoño, pois, ós cambios, somos reformistas por ideoloxía, pero considero que non só as Deputacións, senón que todo o aparato administrativo do Estado deberá someterse a debate. A finalidade non pode ser outra que mellorar en eficacia e eficiencia, aumentar os servizos públicos que prestamos.

E ninguén debe esquecer que a sentenza do Tribunal Constitucional 27/1987, do 27 de febreiro, advirte que as directrices que poida impartir o Estado ou Comunidades Autónomas ás provincias non poden supor unha modalidade de control nin de colocar ás Deputacións nunha posición de subordinación xerárquica ou cuasi xerárquica, incompatible coa súa autonomía. Velaí a importancia e funcionalidade da Deputación. Esta nosa é a administración da man tendida.

Administración necesaria, pois. Moito máis nunha provincia como a de Ourense, noventa e dous concellos nos que só o da capital supera os vinte mil habitantes.

Non é do caso facer aquí reconto, polo miúdo, do labor da Deputación de Ourense no eido cultural, sanitario, servizos sociais, infraestruturas, medio ambiente, promoción de empresas…. A necesidade da Deputación visualízase máis nestas datas ao xurdiren lamentos cando, por circunstancias da crise económica actual, a Deputación vese obrigada a diminuír as súas aportacións. Sempre estivemos aí, sempre demos respostas. A Deputación está en todas partes porque esa é a súa obriga, pero tamén porque outras administracións, ás veces, tardan en chegar ou nunca chegan.

É a local a administración máis pegada ao cidadán, a da resposta inmediata, a das solucións. O mundo local, o municipalismo, é unha ferramenta clave no desenvolvemento desta provincia e de Galicia. Quero facer aquí unha reivindicación e homenaxe do papel dos alcaldes, das alcaldesas e dos concelleiros e concelleiras, o primeiro timbre que pulsa un cidadán para queixarse dalgún tema, para plantexar algunha iniciativa ou para reivindicar a solución a algún problema.

Porque é a local a verdadeira escola da política. É a local a administración máis áxil pero tamén a de recursos máis limitados. Proclamo dende aquí a necesidade real da chamada Terceira Transición, descentralizando competencias e financiamento para que os entes locais presten servizos con maior calidade e eficacia na procura da excelencia e dun labor óptimo, e que así o perciban os nosos veciños. A administración local, esta Deputación como buque insignia dos concellos da provincia, ten que seguir sendo a administración que sempre resposta, que sempre aparece, que non se agocha nin busca escusas.

O goberno provincial que presido é consciente de que non é o mesmo dar discursos que respostas aos cidadáns, e estamos aquí para dar respostas. Para buscar solucións e non problemas. Non se trata de oír, trátase de escoitar. Escoitar e actuar tendo en conta o interese xeral que nos une, que non é outro que o da nosa provincia de Ourense.

Ourense esíxenos dedicación e entrega, porque Ourense está alí onde haxa un ourensán. Estamos no resto de España, en Europa, en toda América, mesmo nas nosas antípodas, en Australia. Ese Ourense EMIGRANTE, unha das características do noso pobo xunto co concurso de dúas capacidades fulcrais: a de tráballo e a creativa. E considero que entre ourensáns de dentro e de fóra, neste momento tan crítico, podemos atopar solucións. E a emigración de Ourense sabe que ten na Deputación a unha institución que nunca os esquece, que loita polos seus dereitos e que sempre a defenderá.

Nos vindeiros días, dirixireime inmediatamente ós máximos responsables doutras administracións, aquí perfectamente representadas: goberno central e goberno autonómico, e ós nosos colectivos empresariais, sociais , educativos e culturais. Estou aberto e disposto a consensuar medidas de choque, plans e proxectos. A sumar sempre. A todos visitarei e esta deputación non terá portas para acoller plantexamentos serios para o benestar de Ourense. Unha das nosas función: pedir e reivindicar sobre a base da razón e da argumentación.

E para non deixar a ninguén fóra traio aquí unas verbas de Abraham Lincoln –presidente norteamericano-, que ao rematar o seu mandato dixo “confeso que non tiven control real sobre os acontecementos, senón que foron eles os que gobernaron os meus actos”. Utilizando esas mesmas verbas declaro firmemente que “non serán as circunstancias nin as influencias externas as que gobernarán os meus actos, senón que a miña xestión e a miña traxectoria só e unicamente deberá ser interpretada á luz das miñas decisións”.

Chegados a esta altura, non quero, nin podo, nin debo, deixar de facer unha referencia moi especial a quen me antecedeu na responsabilidade para a que fun elixido hai só uns minutos. As reviravoltas da vida, esa mestura de memoria e evocación, lévanme a este mesmo Salón de Plenos, hai vinte e dous anos e dezasete días, cando José Luís Baltar Pumar tomaba posesión da presidencia do Goberno Provincial. Hoxe é el o que asiste a este acto, para min a maior satisfacción.

Trátase dun político irrepetible que, entre outras virtudes, soubo escoller os tempos, os momentos. Tamén o da súa renuncia: tras un triunfo electoral sen precedentes, despois de seis maiorías absolutas consecutivas. Ninguén resistiría a comparación con José Luis Baltar se falamos de traballo, don de xentes, ourensanismo, galeguismo, defensa da nosa lingua-a língua dos nosos avós que temos mortos- e da nosa cultura… e de mil cousas máis. A súa intelixencia, entrega, cercanía e xenerosidade, constitúen todo un referente, figuran nas máis brillantes paxinas desta institución. Tempos virán nos que se lle recoñeza, como é debido, o seu esforzo de verdadeiro titán.

Eu asumo, neste acto, xunto cos meus compañeiros, a obriga de manter o seu ideario: defender os intereses de Ourense, honrar a Galicia e a España. Teño claro que os últimos 22 anos esta institución foi presidida por un “dos bos e xenerosos”. Eu apuraría aínda máis: “dos moi bos e moi xenerosos”.
Graciñas, Presidente.

Aproveito tamén esta intervención para solicitar a colaboración dos actores fundamentais desta andaina que agora comeza. Pido implicación e profesionalidade, abondo demostrada polos profesionais desta Casa. Elas e eles son o combustible do motor da ourensanía.

Téndolle a man, cordial e lealmente ás vinte e catro deputadas e deputados, ós tres grupos políticos representados. Pídolles a todas e a todos colaboración e control, crítica construtiva e ideas para afrontar a escaseza de recursos.

Solicito formalmente a entrega aos intereses xerais de Ourense, tamén contrastada, de tódolos membros desta corporación provincial. Esa entrega será a mellor forma de colaborar con este Presidente. Que os 25 exerzamos ese dobre labor coa máxima intensidade, circunstancia que nos obrigará a todos a dar o mellor de nós mesmos por aquilo que máis nolo merece: por Ourense.

Quero facer fincapé na necesidade de facer política pensando na xente, nos cidadáns. Nesas persoas que hoxe teñen máis dificultades que nunca. Temos que facer política con ALTURA DE MIRAS. Ser quen de HUMANIZAR A POLÍTICA. Pero tamén,dende a Deputación, facer políticas que fornezan o galeguismo e o ourensanismo de seu que históricamente nos caracterizou.

Temos terra -ben fermosa por certo-, temos pobo -laborioso e creativo, onde os haxa-, temos futuro. Estamos na casa e no mundo; somos ourensáns.

Neste ano no que celebramos o centenario de Celso Emilio Ferreiro, grande voz civil de Celanova, xunto con Manuel Curros Enríquez e Xosé Luis Méndez Ferrín, actual presidente da Real Academia Galega, nada mellor que estes versos.
Ourense, frol que o meu desterro aruma,

Arpa de soedá no vento erguida,
lonxano Edén saudade estremecida
canle de señardá, corga de escuma…

Remato como empecei: Son Ourensán, creo en Ourense.

Teño dito.
Moitas grazas.
Baltar, Manuel
Baltar, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES