Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A propósito de Garzón

martes, 07 de febrero de 2012
A “Carta al General Franco” de Fernando Arrabal escrita en 1971 debería ser de lectura obrigatoria para os alumnos do último curso de bacharelato, porque é a obra que en menos espazo expón dun xeito descarnado e claro o significado dunha ditadura sobre unha poboación, o que propiciaría a tan necesaria animadversión dende o inicio da xuventude a tal execrable rexime, é evitaría espectáculos kafkianos como o que vemos estes días co xuízo a Garzón.

Arrabal, nesta misiva, móstranos toda a crudeza dun rexime, que ademais de xenocida, rebaixou ao pobo á categoría de súbdito onde a supervivencia mantívose grazas a calar, mentir, ignorar, obedecer, temer, adular, delatar, vitorear e continuar cada quen coa monotonía das súas vidas, e sempre en garda ante calquera desliz de incorrección cara quen mandaba polas fatais repercusións sobre as súas vidas.

A brutalidade e irracionalidade vivida naquel rexime amosa o seu totalitarismo, como expresión que encerra a sumisión máis servil ao poder máis absoluto. É dicir un poder que dispuña das vidas das persoas en todas as facetas da súa existencia: nas ideas, no pensamento, nas crencias, na educación, nas profesións, no traballo, nos deportes, no ocio... Todo estaba totalmente disposto, imposto e controlado. Todos tiñan que ser católicos practicantes e aditos ao rexime. Os “disidentes” ou amigos ou veciños ou quen se lles ocorrese, tanto homes como mulleres de todas as idades, encheron de cadáveres as cunetas, morreron nunhas cárceres de exterminio, sufriron torturas, tratamentos inhumanos, escaparon buscando refuxio allende os Pirineos. Anos de morte, terror e fame.

Conseguida a “pacificación” a sangue e fogo, provocando “o tremendo e aterrador silencio, nunca redimido, das familias diante do martirio dos seus achegados” (Arrabal dixit), comezou a fase da normalización fascista dunha sociedade en “liberdade” vixilada.

O lavado de cerebro facíase dende a infancia, nuns colexios nos que se adoctrinaba nos principios do movemento nacional e do nacionalcatolicismo. Os nenos entonában ao empezar as clases o “Isabel y Fernando el espíritu impera, moriremos besando la sagrada bandera”, os curas utilizaban castigos corporales e os mandos de falanxe que daban educación política e ximnasia, ensinaban aos alumnos o “Cara al sol” e o “Montañas nevadas” onde se dicía “José Antonio es mi guía” á vez que daban un papel para asinar os pais o permiso para ingresar na falanxe, que calquera se negaba a facer. Inoculábase, coa forza do medo, o orgullo de vestir a camisa azul e saudar co brazo en alto nas concentracións programadas polos falanxistas que dominaban a ensinanza, os campamentos de verán, a universidad co SEU, os centros obreiros co seu nacionalsindicalismo, as oficinas, as institucións, todo.

Para ter un traballo había que ter certificado de boa conduta expedido polo párroco e declaración de lealdade ao rexime certificado pola Falanxe. A cidadanía procuraba ser máis franquista que Franco para poder vivir tranquila porque, en principio, todo o mundo era sospeitoso, de xeito que unha simple reunión de varios amigos xa era mtivo de prohibición.

Periodistas, escritores, artistas, intelectuais en xeral, dependían do “fanatismo da censura”, noutro caso esperáballes o exilio so pena de rematar na cadea por delitos de opinión. Os libros sempre baixo desconfianza, algúns incluso foran queimados aínda que, como dicía o Rivas, arderán mal. Outros moitos, incluídos nun listado gubernamental denominado “índice”, implacablemente perseguidos.

Nos cines o chamado “Nodo” ao principio de cada sesión, e na radio nacional os “diarios hablados”, non eran outra cousa que panfletos exaltadores da excelencias do franquismo, de tal xeito que estos últimos eran coñecidos como “os partes” lembrando os partes de guerra do bando “nacional” sempre propagandísticos.

Todo estaba enfocado a convencer de que se vivía no mellor dos mundos posibles, o elexido por Deus, o de intachables costumes e tradicións, o portador de valores eternos, a envidia de todos os países da nosa contorna corroídos pola decadencia atea, liberal e xudeo-masónica. España era, nada menos, que “unha unidade de destino no universal “ frase que ninguén entendía pero que sonaba moi ben.

Sen saída, baixo unha desinformación, propaganda e represión patolóxica, o fascismo impuxo o seu xeito de vida, e o pobo, resignado, adaptouse á situación convenientemente. Por outra parte unha denominada transición que por “razóns de estado” tratou de suavizar, cando non ocultar aquela barbarie, propiciou o desinterese das novas xeracións posfranquistas por algo que descoñeceron e ninguén lles explicou.

Todo isto permitiu que agora o PP, partido político de formalidade democrática pero de escaso compromiso con ela, sabendo que a indiferenza é unha aliada da súa ideoloxía, poña todas as pegas posibles aos intentos das forzas progresistas de eliminación dos símbolos, materiais e inmateriais, de exaltación da ditadura que pululan por toda a xeografía española, incluída Galiza, e posibilitou que o poso que quedou daquel fascismo poida hoxe, exultante, abrir un proceso kafkiano contra un xuiz que intentou facer o que honestamente calquera xuiz tiña que facer, xuzgar un rexime criminal de lesa humanidade.
Muñiz, Ramón
Muñiz, Ramón


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES