Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anáfora de Paradela (V)

miércoles, 01 de febrero de 2012
Anfora de Paradela (V) (O día do san Cidre)

Da de Francos quixen ir cara Mirallos, na parroquia de Ferreiros. Andei algo perdido. En Outeiro de Pena pregunteille a Mari Fe, que me indicou perfecto e con precisión. Pasei Caraba ata o paradoiro (albergue) e o Restaurante O Cruceiro (no que non parei porque me apuraba a hora). Á esquerda, baixei por aquela preciosidade de terra ata chegar ó igrexario parroquial. Alí a carón da igrexa, está a casa do Manuel de Mirallos.

Tiña sede de auga. Non gañas de comer (alí, coma no Cruceiro, e seica en todos os do termo municipal) o comer é un dos aspectos principais e de grande bondade. O Mirallos estaba fervendo de tanto persoal que había. Auga para reparar e algo de palique, que eu quería coñecer outra das particularidades de Paradela e andando con cafés e augas, préstase a conversación.

Nalgúns momentos fíxenme contrario e noutros propio afervoado, para intentar entender como é que, en trinta e dous anos, sistematicamente, elección a elección, zas!, cravado, absoluta maioría.

Aquí, polo de agora - dixeron, remarcando ben o de “polo de agora” para que eu o deixara ben anotado-. Dixeron, pois, que, polo momento, para as locais hai o partido de xmmd, que aínda que se inclúa na cabeza doutros, sae elexido rotundo e abrumador.
Calei. Fiquei mudo. Nin quitei nin puxen, pero aledeime, que hai afectos que non se mudan dende 1979.

Trinta e dous anos de Alcalde!. A este paso, ata a xubilación. E despois, xa mirará.

Despedínme coa promesa dun próximo regreso, para xantar na Casa do Manuel de Mirallos, na cal seica hai que probrar, necesariamente, para saber onde está o primor da cociña caseira. Irei, ou iremos. Xa contamos con dous manxares irrepetibles: as apreciadísimas e famosísimas Tartas de améndoa de Paradela e o pan... de Pardela.

Como o tempo era sobrado, para estar á hora na procesión do san Cidre, quixen saudar a unha amizade que teño en Parede de Delle aínda que fose a escape. Non se atopaba na casa, teño por seguro que iría ó san Cidre. A maioría das vecindades das parroquias de Paradela creo que se encamiñaron a Pacios. Estabamos no medio de maio. Había que honrar, ou se dar unha honra lúdico-grastronómica, que para os crentes son, necesariamente, complementarias

Lembreime de quen me guiou con indicacións tan certeiras, que ata me parece que me levara da man coma un pequeno. Si, Mari Fe, de Outeiro de Pena, de Francos.

Loureiros de Paredes de Quelle

Mira que loureiros hai nesta Parede de Delle.
Mira, que loureiros hai!

Loureiros de rexa dura, madeira para un frautín
Follas de loureiro verde, de adeviñas para min.
Flores de loureiro verde, de brancor, branco marfíl.
Cando naza a primavera abriranse en flores mil.
Na tua porta, as primeiras, polos primeiros de abril.

Ollei o loureiro verde,
fíxeno pensando en ti.
Púxose o loureiro roxo,
aflorou en branco-azul.
Quixen recoller un ramo,
non puiden facer ningún.
En muxicas desfixeron
as flores de branco-azul.

Agarda!, que a primavera
vén entre marzo e abril.

Mira que loureiros verdes nesta Parede de Delle.
Mira que loureiros son!
Uns de flores amarelas,
outros de branco algodón.
En fragancias reservadas irán a Outeiro de Pena.
Flores brancas, amarelas, na tua mañá serena.

O relente anunciaba que a tarde estaba por durmir. Non puiden ir a Mosteiro Vello, nin a Foilebar, nin ó castro de Barán. Dirixínme directamente a Pacios, á festa. Que a procesión do san Cidre andaría por saír ás rúas.

Cheguei ó tempo de ollar como aparecían carros, cabaleiros, ramos e loureiros (coa Banda de Paradela detrás) pola curva da Casa Pedro. O burro, miñaxoia!, cargando cun cabaleiro de peso, camiñaba solemne, algo pensador, quizais querendo entender que facía el, ao fronte dese andar, con toda a compañía. As vacas, xugadas, tirando do carro -non me fixei se eran bois, co sinxelo que é!- e sobre deste, a imaxen do santo san Cidre.

Carros, cabalos, o burro (que eu bauticei como Cidriño) e persoas que acompañaban, chegadas de distintas procedencias, e nenos que festexaban con alegría, que así tamén se honra.

No centro, na praza grande, donas, mozas e mozos ardorando por ter listo a carne, auténtica de Paradela, para asar publicamente e convidar a todos, sen cuota, claro. Que cando en Paradela celebran, festexan xenerosamente, sen man pechada.

Houbo misa. Misa alta. Alta digo, porque xamais vin a uns cregos celebrar, subidos a tanta altura. Ademais, eran cregos de corpo ancho: tres, pero como se foran media ducia, ou máis. Aló enrriba, no lonxitudinal palco da orquestra. Misa maior cantada na honra, dixeron, do santo san Cidre labrador

A festa e procesión celébrase en Paradela (Pacios) cada 15 de maio, anque non é a principal, si é unha das importantes, con festiva e gastronómica singularidade. É, polo tanto, unha proposta que non se debe rexeitar cada ano a mediados de maio. Todo é de balde. A carne á grella que, como é sabido, é de Paradela,
Paradela, criada no termo. Para escribilo redondo e cadrado, carne da mellor.

Todo é posible en Paradela!

Non me quedei ao quermese porque tiña o corpo esguiado produto da esmorga de Currelos, no Saviñao, e da intensa e cantora amañecida da Laxe.

Agradecido, drudario, alvado e ambulante, funme de Paradela cheo de guapura por dentro.

Cando me ía, o trompeta da Banda de Música estaba acompasando un solfeado milimetrado: do..., re..., mi..., fa..., sol...

Eu, acompañando, coma o tolo da historia radiofónica de Alvaro Cunqueiro, repetía: do..., re..., mi..., fa..., sol..., la..., si ...
Cantei con música da Cantiga de Camariñas:

Cantiga da Ribeira Loia

Paradela, Paradela,
quen loa, vaia loado,
quen me dera en Paradela
todos os días do ano.

Paradela, Paradela,
sacras a tuas vereas.
Outra coma ti non hai
anque nombren Paradela.

A Capela de San Berto
está mirando a Igón.
E os cepais da Ribeira
en filas collendo o sol.
Paradela, Paradela,
luar de lúas completas.
Altas coroas de terra
fontaíñas e arboredas.

Índo pola revolta do Loio tamén eu revolvín a Pacios. Non sei cal foi a razón, pero veume o pensamento de coller a saída do Páramo ata Lugo, ou cara á Pobra de San Xulián ou mesmo baixar a Sarria, ou saír por Currelos, no Saviñao, para entrar en Bóveda, por Vilachá, onde está a cerdeira de Erundina. O mesmo me tiña, agás sair pola ponte do encoro.

De volta a Pacios, outra cantiga comecei a cantar:

Romance do Loio

Río, río; río longo,
a onde se foi a acea?
para ós loureiros de Quenlle
en noite de lúa acesa.

Río longo; longo río,
onde están as vellas cepas?
Enterradas entre veigas
afogadas na represa.

Río, longo; río longo,
que foi das miñas nogueiras?
Secas, no fondo das augas,
sen tan siquera unha queixa.

Longo río; río longo,
que pasou coa miña horta?
Quedou no leito mollado
ó se pechar a comporta.

Río longo; río, río,
e onde o meu vidueiro?
No fondal está, durmindo,
soñando a perder o tempo.

Río longo; río longo,
onde douran as cereixas?
Entre cortiñas de lamas
esmagadas polas pedras.
Longo río; río longo!,
que pasou con Xoán de Loio?
No simial das frías augas,
nos lamedais do encoro!

Dime, ti, río miúdo!
O Muíño dos Castañares?
Os castiros e alvarizas?
E aquel pombal, de bonito?
Que é deles?. Río maligno!

Todo está onde ti sabes,
Por que tanto me preguntas?!
Nun sepulto iremediable
mortos, durmindo; defuntos!
Non chores máis, nin inquiras,
eu pranto dende aquel día.
As miñas augas son presas,
criadas; sus servidoras;
sen sangue de rebeldía,
cativadas e submisas.

Río longo; río, rio!,
fonte das miñas restrebas.
Dime, por que, non buscaches,
o refuxio dunha igrexa?

Colléronme con grillóns,
prendéronme polas greñas.
Non me puiden agochar
fun cativado en sorpresa!

Río longo; longo río,
río das couces da serra.
Río longo, meu conforto,
alentar de Paradela.

Mirei atrás para despedir. O sol caía, prolongándose na tarde que finaba. Máis aló, o muro de cemento e ferro de Belesar, pareceume que se erguía con chularía, burlón e descarado.

Perto de min, en Pacios, raios de mornura chiscaban nas pracas solares, dourándose como as tartas de améndoa de Paradela.
Funme, vagaroso, enredado en cadenciosas nostalxias.

Documentación:

Currelos (punto do comezo do relato) é unha poboación pertecente ao muncipio de O Saviñao, na provincia de Lugo. Pequeno núcleo urbano que estrema co Concello de Paradela e que está a unha lanzada da capital deste último municipio.

Paradela é Ribeira Sacra. Polas terras municipais pasa o Camiño a Compostela (Camiño de Santiago). Terra singular, cunha particular diversidade paisaxística, grande riqueza cultural e histórica, pracenteirísimas e abraiantes rutas de sendeirismo, fervenzas e muíños, arboredas inmensas, castros prodixiosos, extraordinaria mostra do románico rural, grastronomía autóctona ben tratada e ben coidada. Paradela é un todo, no que todo se amosa libre e regalado.

Sobranceiros casais de pedra de gratito. Segundo os datos do INE, referentes ó ano 2010, conta con 2.091 habitantes nunha superficie de 121, 12 quilómetros cadrados

Componse de dezaoito parroquias e de máis de cincuenta e seis aldeas (núcleos de poboación). As parroquias: Aldosende, Andreade, Barán, Castro (San Mamede), Castro (San Martiño), Castro de Rei de Lemos, Cortes, Ferreiros, Francos, Laxe, Loio, San Facundo de Ribas do Miño, Paradela (San Miguel), Paradela (San Vicente), Paradela (Santa Cristina), Paradela (Santalla), Suar e Vilaragunte.

Ó conxunto do territorio municipal denomínaselle Paradela, a casa do concello está no centro urbano de Pacios, na estrada que segue a Portomarín. O nome de Pacios vai desaparecendo da información municipal, para ir dando paso á denominación xenérica de Paradela, aínda que parece que non existe resolución nin acordo legal para tal feito.

É recomendable entrar na páxina web do concello, que ofrece unha información básica, precisa, clara e moi interesante para ter unha aproximación inicial: www.paradela.es

Esta páxina ofrece unha guía empresarial, de restaurantes, casas de turismos rural, de ocio, de feiras e festas, de turismo e cultura; das celebracións e actos de todo tipo que teñen lugar, dos servizos do concello, etc. É unha porta para entrar virtualmente nas terras de Paradela. Non está todo Paradela. É imposible. Todo Paradela hai que andalo para disfrutar e descubrir os bens materiais e inmateriais que o municipio nos dá.

Onde comer e durmir

Parrillada A Veiga, na Rúa Cabaleiros de Santiago. Especialidades: churrasco e paspallás ó onferno (cordornices) Teléfono, 982 54 10 00

Casa Pedro, Rúa Cabaleiros de Santiago. Especialidades da casa: polbo e comida caseira. Teléfono, 982 54 11 05

O Mesón do Loio, en Loio. Especialidades da casa: anguías, troitas e carnes á grella. Teléfono, 982 54 50 12

Río Loio (O Roberto), en Loio. Especialidades da casa: anguías, carnes á brasa en grella de leña. Teléfono, 982 54 50 51

Casa Cruceiro, parroquia de Ferreiros. Especialidades da casa: menú da casa, menú do peregrino e racións. 982 54 12 40

O Mirallos-Manuel, xunto á igrexa da parroquia de Ferreiros. Especialidades da casa: comida caseira (celebrada). Teléfono, 639 01 06 96

Albergue Mercadoiro, en Mercadoiro, parroquia de A Laxe, quilómetro 95 do Camiño de Santiago. Especialidades: menún do peregrino, paella valenciana, pá amb tumaca, caldo galego e carnes. Teléfono, 982 54 53 59

Restaurante Ajar, en Mosteirovello, parroquia de Castro de Rei de Lemos. Especialidades da casa: pratos de caza. Só comidas por encargo. Teléfono, 982 54 12 54

Casa de Turismo Rural Cimadevila, aldea de Cimadevila, San Vicente de Paradela. Servizo de recollida de peregrinos en Ferreiros e volta ó punto de recollida. Teléfono, 982 54 12 16

Casa de Turismo Rural O Foilebar, en Foilebar, parroquia de Castro de Rei de Lemos. Servizo de recollida de peregrinos, en Ferreiros, e regreso ó mesmo punto. Especialidades da casa: caldo galego, troitas, polo e pitos de curral (polo campeiro e poliños). Teléfono, 982 10 56 03

Café-Bar Ego, Rúa Cabaleiros de Santiago, racións e bocadillos. Teléfono, 982 54 10 58

Café-Bar Ruxidoira, Rúa da Veiga. Racións e bocadillos. Teléfono, 982 54 10 89

Café-Bar Xesma, Rúa da Veiga. Racións e bocadillos. Teléfono, 982 54 11 61

Pan, tartas e larpeiras

Ven de moi antigo a fama do pan de Paradela. Pan elaborado coa tradición, sabia e artesán, dos devanceiros, que pasa de xeración en xeración. E as larpeiras de Paradela, que deberían ter denominación de orixe.

Ocorre o mesmo coas louvadísimas tartas de Paradela, que gozan dende os máis remotos tempos, dun prestixio sobranceiro. Ingredentes naturais, elaboración artesán e o secreto tradicional conforman a triloxía imposible de igualar, que orixinou dicires:

Pan, tartas e larpeiras / podes probar onde queiras/
e mirar de codo a codo/ O sabroso e o mellor/
en Paradela do Loio.

E tamén cantares, que expresan tales celmosías en romances e noutras composicións.

Dende agora mesmo faise público (eu tíñao gardado para unha ocasión coma esta) un romance, que se me presentou sen título, e que eu bauticei co de, Romance de Paradela.

Certamente, non sei ben como chegou ás miñas mans, nin coñezo o nome do autor, nin moitos pormenores e detalles desta composición. Anónimo non é, xa que alguén tivo que telo composto. Si sei, sen embargo, que quen ou quenes trazaron o Romance de Paradela, andaron o camiño ao revés (ou ó dereito, segundo se mire), é dicir: de Compostela a Paradela. Que os compoñedores (ou compoñedor, que ise dato nono sei) entraron por Montrás, A Parrocha e Vilachá, subiron A Laxe, O Cotarelo, O Mercadoiro, Moimentos, As Rozas, Francos, Mirallos e O Cruceiro, en Ferreiros. Sei tamén, que o Romance foi cantado a metade, entre Cortes e A Laxe, e a outra metade (a parte final) debaixo dun carballo, en Ferreiros. Podo ser así de preciso, por estar tales datos expostos no encabezamento da escrita (moi desordenada, por certo). Datos estes, que non engaden nada especial á historia do Romance de Paradela, pero deixoos anotados á memoria do autor, autora ou autores, xa que, non sei porque me parece que, tales, puxeron os nomes en lapiz de mina grosa, como se quixeran sinalar, a intento propio, as aldeas e parroquias citadas.

Ou, por outra, como se titubeasen sobre como titular o ditoso romance -dito sen mingua, nin menosprecio-. Outro detalle que me chamou a atención do orixinal manuscrito, é que, no encabezado, debuxaron unha Tarta de Paradela e uns moletes de pantrigo, e, sobre destes, letras ben visibles que rezaban: “pan de Paradela” e no reborde do papel, con caligrafía diferente, uns puntos suspensivos (coma tres ceriños pequenos, ocos e moi redondos) e despois o engadido: “...o mellor da terra”.

Noutro rebordo da escrita figuraban debuxadas unha lancha e unha zanfoña. O cal préstase a deducións varias, segundo o saber e a imaxinación de cada quen e as súas exposicións de argumentos, que nestes asuntos menores e noutros de parecido e máis alto rumbo, afirmar seguro e saber latín (ou semellalo, sen dúbedas) son fundamentalísimos. Pero eu, desisto, o meu afirmar non é seguro, e o latín do que dispoño é produto dalgúns seminarios de pobreza e de infelices sacristías, tan necesitadas de palabras e de azos como aqueles.

Paso a transcribir o romance, tal cal. Sinto non poder pasalo todo, do pé á pá, porque catro estrofas non as entendín, de tan emborradas que aparecían. Fágolles honra igual, que se estaban tachadas e que non querían, ou quería, que foran reproducidas.



Romance de Paradela

A Paradela do Miño,
desandando o meu andar,
saíndo de Compostela
quince leguas máis alá.

A Paradela, dos vídalos,
pegadas do meu silencio.
A Paradela do Loio,
o illar do meu contento.

Subo coutos, paso as chás,
arde sol, xean estrelas,
apurando os meus anceios
por chegar a Paradela.

En Paradela do Miño,
Paradela, que aló está!
A miña capa de frío
a mornura atopará.

Redondas de fino trigo,
doutras mellores non sei.
Douradiñas feitorías
con suspiros de muller.

De fariñas delicadas,
moidas en muíño albar.
Amasadas pola noite
en artesas levedais.

Quentura de lume groso
nas ruxidas medias lúas.
Co seu tempo pasadío,
coa ciencia da cocedura.

Non hai que no mundo naza,
tal que Paradela cría:
tartas, pan; sabedorías;
oureo nas alvarizas.

Esta derradeira referencia ao mel de Paradela , é atinada, o autor ou autores tiveron, por forza, que probar esta exquisiteza, gustoume: mel, ouro nos cortizos, produto, claro está, das abellas, pero tamén do herbar, diverso e saudoso, de Paradela.

No presente, o pan, as tartas e as larpeiras de Paradela, elabóranse en Panadería Modesto e Ketty, na Rúa Cabaleiros de Santiago, e na Pastelería San Miguel, na Rúa Pedro López Rivera (Campo da Feira) as dúas no centro urbán de Pacios. Pan e Tarta, que eu probei e que, polo tanto, podo escribir, que o autor e autores do supraescrito romance -sen quitarlle nin poñerlle-, non chegaron a describir na súa totalidade e coa forza necesaria, as bondades destes produtos con señas de identidade propias, de Paradela. Teño que dicir, sen ambargo, que eu non sabería expresar coma o autor ou autores, o famoso quefacer dos obradoiros paradelenses.

Un dato, non se falou do viño. O viño, o viño de Paradela! Do habido e do que hai escribirei noutro tempo, que tamén gardo unha cantiga (sen autor) na que basearei o relato.

O topónimo:

Paradela: parata (parada, pousada; descanso no camiño).
Fillos predilectos do Concello de Paradela:

A Corporación Municipal, polo de agora e en distintas etapas, nombrou fillos predilectos do Concello de Paradela a presoeiros destacados nacidos no territorio do termo municipal. Os cales, pola súa traxectoria de anos en distintos campos da cultura, acadaron méritos sobrados para tal distinción. Actualmente (2012) son tres:

Xesús Mato y Mato, crego, dinamizador cultural e escritor;

Manuel-Oreste Rodríguez López, recoñecido escritor e grande poeta,

e Anxo Fernández López, mestre nacional, inspector de Educación Primaria do Estado, investigador da historia da Ribeira Sacra.

Xesús Mato y Mato, sacerdote, musicólo e escritor, naceu na aldea de Cabodevila, parroquia de San Martiño de Castro. Foi un dos primeiros loitadores para a defensa e dereitos dos propietarios das terras de Paradela e Portomarín, asolagadas polo encoro de Belesar. Fundador dunha das primeiras emisoras de Radio Popular, de Galicia, en Lalín, Pontevedra. Permaneceu traballando en Radio Popular de Lugo como asesor especial e realizador de programas, ata que adoutou a decisión persoal de ir a desenvolver a actividade sacerdotal, cultural e social ás parroquias da montaña lucense.

Grande dinamizador cultural e social. Segundo unha lista elabourada polo diario “El Correo Gallego” é un dos persoeiros máis influintes de Galiza. En calquera caso, é un persoeiro de grandísima consideración e, un dos poucos cregos que coñezo e quero, do cal eu sería sacristán, descreído, pero afervoado sacristán, supoño que menor. Máis en www.galiciadixital.com sección Galegos.

Manuel-Oreste Rodríguez López, naceu en Randulfe, parroquia de San Miguel de Paradala. Aquí viviu a nenez este grande poeta e escritor. Á memoria de Manuel-Oreste celébrase cada ano o Certame Literario de narrativa e poesía, que leva o seu nome, e que foi promovido e está sostido polo Concello. Globalmente, a obra literaria de Manuel-Oreste, está tan vixente na actualidade como cando foi creada. Ocorre cos grandes da literatura. Manuel-Oreste é unha voz serena, atribulada, prolífica, a veces desgarradora, íntima e denunciadora. A súa palabra entraba nun como pedindo perdón. Obra considerada como unha das aportacións más significativas da literatura, especialmente da galega. Máis, en www.galiciadixital.com , Galegos.

Anxo Fernández López, doutor en Filosofía e Letras, mestre nacional, inspector de Educación Primaria do Estado. Exerceu en León, A Coruña e Lugo. Foi Delegado de Educación na provincia de Lugo. Ten publicados numerosos traballos relacionados co ensino. Investigador da historia da Ribeira Sacra, de Portomarín e Paradela. Máis, en www.galiciadixital.com, sección Galegos.

Paradelenses destacados:

Entre outros, son paradelenses populares e destacados, polas súas actividades profesionais, nalgúns dos casos con proxección intenacional.

Santiago Rodríguez López, fillo de Manuel-Oreste, licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (Premio Extraordinario de Licenciatura), doutor en Xenética (Sobresaínte “cum laude”). Foi profesor asociado da Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é Profesor Titular de Xenética de Poboacións e Xenética Molecular na “School of Social and Community Medicine” da Universidade de Bristol. Compatibiliza a docencia coa investigación, sobre os factores xenéticos en enfermidades comúns humanas: obesidade, diabete, enfermidades cardiovasculares e cancro.

Diego López Rodríguez, futbolista, gardamallas internacional, iniciuse do Clube de Fútbol Paradela, xogou no C.D. Lugo, Real Madrid, Castela e Alcorcón, fichado polo Clube de Fútbol Vila-Real por seis millóns de euros. Foi elexido pola UEFA como o gardamallas revelación do campionato español. Actualmente é titular do “submarino amarillo” (Clube de Fútbol Vila-Real). Maís en www.galiciadixital.com sección Galegos.

Emilio da Matanza naceu na aldea do mesmo nome, parroquia de Castro de Rei de Lemos; grande narrador oral, cantador e contador de historias, inventivo coplista popular e activo colaborador radiofónico, dentro do informativo provincial “A carón” de Radio Popular de Lugo, hoxe Cope Lugo.

Singulares son, tamén, outras moitas persoas paradelenses, que conformarían unha lista case tan longa como veciños hai.

E o frade, de San Facundo de Ribas do Miño, que vaga, en espírito perdido, nas medianoites de crecente. Non fai mal a ninguén, nin estorba, simplemente, vaga, cantando, case imperceptible, ladaíñas de amor a Paradela.

Singulares son, tamén, os loureiros de Parede de Delle, limpos, puros; gloriosos.

Mira que loureiros hai nesta Parede de Delle.
Mira, que loureiros hai!

Estando ao par dos chiscos diurnos dos paneis solares, viñéronme rememoracións da asulagada parroquia de San Xoán de Loio, dos loureiros de Parede de Delle, e outras, das tantas e moitas, que chegan a un cando un se vai de Paradela. Que é coma se se apegasen, de tan cobizosa maneira, que un quedara preso e o corpo e o espirito non se quixeran ir.

Entón, alí, entre a saída e Randulfe, quedeime un pouco máis. Saquei do peto os papeis das anotacións, con nomes, apelidos, casas e lugares, púxenos no bolso peitoral da camisa (onde peta o peto do peito) e dixen para min que tales nomes amigos quedarían para sempre metidos en min inesquecíbles.

Rememorei outra volta e, quedándome un deses nomes fóra do papel, anoteino no anverso da palma, no cotelo da dereita, pensando (coitado!) que ó chegares á casa pasaríao aos papeis principais, para telos en memoria na crónica dalgún día.

E que acontece? Pois que o máis preciado gárdase, no predio máis gardado, e as máns pasan por moitas augas. Índose días e meses, cando un quere pór debidamente os datos da viaxe memorable, mestúranse nomes e lugares, datas e horas; albas e cénits; soles e lúas; risas e emocións; frades e cregos. Confúndense, si, mais volven, porque son benqueridos.

Por iso, a este contar e escribir de Paradela, que parece non ter remate, non lle podo dar fin sen anotar nomes axustados. Polo tanto, aclaro:

Que Pepe, do Sardiñeira, non quedou fóra por quedar, senón que irá nunha escrita de O Saviñao.

Que o bar de Currelos (das sardiñas comunitarias, etc.) non se chama Avenida, senón, Bar Viñas. Que o de “avenida” que quedou atrás escrita, debeu ser unha transculación (unha avenida do inconscente) por agarimosa acollida, benchegado, ben acollido; ben arrumbado. Pero, digo, que a noite de Currelos foi no Bar Viñas, coa compaña de Manolo Viñas (grande humanidade, grande paciencia) de Luis Rodríguez, de Lusoiros, Aldosende; Luis López Arias, da Casa Luis do Cereixal, de Aldosende; de Mario Rodríguez, de Castro, Portomarín, e de Xoán Perón, de Chave, O Saviñao.
Que Manuel Vilariño, da casa Vilariño, de Mosteirovello, foi con quen parolei, cando xa se fora o día e eu estaba perdido cabo da igrexa e do carballo do pé redondo. Este Manuel tratou de enfiarme cara a Pacios. Ó ser de noite, perdín o trazo e fun a dar (sorte que tiven) á sardiñada de Currelos e ó Bar Viñas, vivíndo, despois, todas as consecuencias relatadas.

Que María e Antón, en noite entrada e pecha (na que non se lle abre a porta nin a gardas con licencia opositada) foron quenes trataron de reconducirme pola volta da Agra.

Que se chama Luis, non Manolo, o mozo amigo da Casa do Cereixal, que me guiou no seu coado, ás tantas da madrugada.

Que -detalle importante- el ía sereno e eu cargado de case todo.

Que o amigo que cantou conmigo “vivan os castros” etc. chámase Sindo e é da parte de Cortapezas. Que non fixo “ese” ningunha cando se foi, que as eses fainas a vía pola que se tivo que encamiñar. Que, en todo caso, ben eseado estaba eu (nas cabezas non enxoitas, ollos en reviravoltas) eu, que cando miraba pola fiestra o seu marchar, e despois, máis aínda eu, debruzado naquela señora e lembradísima cama, degranando polo baixo todos os vivas regalados que el me deixou.

Que, para rematar aclaracións, a única soupa do Bar Viñas, de Currelos, no Saviñao, era eu e ninguén máis.

Lembro á infinidade de persoas paradelenses, anotadas sen nomes, no papel e na memoria; aos nenos e a Laika, de Escairón, aos da volta da Agra, aos chiscos da lúa redonda e a todo Paradela.

Mirade, que loureiros hai na de Parede de Delle.
Mirade, que loureiros hai!
Mirai..., que loureiros quedan!
Mirai, que loureiros son!
Uns de flores amarelas,
outros de branco algodón,
estarán na vosa porta, nos respiros dos balcóns.
Ollaredes como agrelan,
por xuño, cando a calor,
coa banda de Paradela
tocando a marcha maior.
En Barán, cantiga longa; no río, unha lavandeira.
En Mirallos, unha bándia;
no San Facundo, unha meiga.
E eu?;
eu, no covo dun valado,
co corazón desangado,
murcho, pálido e delgado,
nun albor de verde baio.
Cun ramo seco; agostado.
Cun ramo...; desesperando!.

Agora, eu, como aquel que, estando, -está tan completo e a gusto-, que antes de se marchar, dá catro ou cinco inzadas primeiras, para logo ter que se erguer e irse na sexta e definitiva, remato e voume. Voume runfado por ter vivido e sentido á grande Paradela das paradelas, á Paradela do Loio, á Paradela do Miño; á Paradela do todo.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES