Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A xustiza segue a ser unha utopía

martes, 31 de enero de 2012
Recoñezo que son reiterativo, xa que non é esta a primeira vez que declaro por escrito que non creo na xustiza, pero ás veces un sente a debilidade de querer cargarse de razón. Eu coido que, como a liberdade, a xustiza é un valor do noso imaxinario ideal e que como tal rara vez acada significado na realidade, acontecemento que adoita coincidir cando esta non se enfronta con intereses fácticos.

Como a liberdade, a mencionada pertence máis ao xénero da retórica, e da estética da ética, que da ética en si. Así e todo, a xente non renega da súa etérea existencia, e quizais o punto que máis contribúe a este respecto siga a ser precisamente a súa mitificación, dado que todo mito infunde esperanza.

Moi poucos se atreven a falar mal da xustiza en termos xerais, malia que haxa unha longa historia para facelo, porque na xustiza, como en calquera mito, hai que crer aínda que non se vexa, e xa que logo, como dogma de fe, falar mal del é tabú.

Só así se pode entender que a xente non cuestione que en países que presumen de demócratas como EEUU - cuxa liberdade leva a que en 38 dos seus 50 estados exista a pena de morte -, o reo que espera no corredor da morte teña a posibilidade de saír pola porta grande coa etiqueta de not culpable ou cos pés por diante cunha inxección letal, dependendo de que poida pagar ou non a minuta dun avogado de prestixio.

Só así se entende que en España, no ano 85, un alcalde de Xerez de nome Pedro Pacheco que dixera aquilo de que la justicia es un cachondeo houbese de ser xulgado pola devandita frase considerada ofensiva e escandalosa malia ser proferida por mor de que os encargados de facer xustiza demorasen a derruba dun chalé construído en zona non urbanizábel por ser o seu propietario un rico cantante.

Só esa veneración beata ao mito pode explicar a abulia da xente ao non berrar coa forza debida a ineficacia da xustiza diante dos constantes casos de mulleres mortas a causa do terrorismo machista (xa van 7 este ano), malia o anuncio previo e reiterado en voz alta de todo macho violento.

Disque as leis se fixeron para impartir xustiza e quizais sexa verdade, pero os que as elaboran, con máis ou menos talento e con maior ou menor vontade de acertar, adoitan deixar sempre buratos na letra o suficientemente importantes como para dar pé a interpretacións espurias que logo poden conducir a situacións que nada teñen que ver co espírito co que presuntamente foron creadas.

Ademais dos exemplos referidos anteriormente, citarei os tres xuízos que está a sufrir o xuíz Garzón. Hai algo máis anormal e inxusto que o que está a pasar con el? Pois por se iso fose pouco, agora resulta que Camps e Costa, os imputados no caso Gürtel polo asunto dos traxes, saen indemnes do seu proceso.

Logo disto, alguén pode reprocharme que non crea na xustiza e que considere que o perfil deste modelo de democracia linda - tamén nesta delicada parcela - co escatolóxico?.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES