Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Despedida de Baltar

sábado, 28 de enero de 2012
Hoxe pecho unha etapa moi importante da miña vida. 22 anos como presidente dunha institución coma esta dan para moito, para acertos e para trabucarse dabondo pero, sobre todo, dan un gran poso de experiencia e de contacto humano, de contacto directo cos cidadáns, que ao final son aos que nos debemos os cargos públicos.

Chegado este momento, prefiro mirar cara adiante a mirar cara atrás e poño unha ilusión especial para vivir de maneira diferente o treito de vida co que Deus me queira agasallar.

A política ocupou o meu tempo e a miña mente. Agora quero desprenderme absolutamente dela para que tanto o tempo como a mente estean centrados, unicamente, na miña familia, nos meus amigos e nas persoas ás que quero e que me queren. A miña dona perdeu un marido e recupera agora a un xubilado. Agardo poder compensala, aínda que sexa parcialmente.

Non quero, sen embargo, irme sen facer varias referencias expresas que entendo son de xustiza.

A primeira é para os traballadores e traballadoras desta institución. Magníficos profesionais, competentes, capaces, que fixeron que en moitos aspectos esta deputación –aínda sendo unha deputación pequena- sexa pioneira na xestión e concepción de varios servizos.

A todo o persoal desta casa, sen excepción, moitas gracias, moitísimas gracias polo voso traballo, pola vosa comprensión, pola vosa dispoñibilidade, polo voso esforzo e as miñas sinceras desculpas si nalgún momento o presidente non foi quen de estar á altura das circunstancias.

Dende logo, o meu substituto ten nos traballadores desta casa un gran equipo profesional que lle vai facer moito máis doado o seu camiño.

En segundo lugar, quero referirme a tódolos que ao longo destes anos compartiron comigo bancadas nesta institución. Para os integrantes do meu grupo político, inmensa gratitude polo seu apoio e respaldo incondicional. Sempre sentín a súa forza detrás de min e iso deulle a esta institución unha gran estabilidade.

De verdade, gracias a tódolos que hoxe estades aquí e gracias a tódolos que por aquí pasaron nestes sete mandatos.

Aos integrantes da oposición, recoñecerlles publicamente o seu traballo, o seu talante no debate, que sempre correu polas vías da discrepancia política dentro do respecto institucional. Temos ideas diferentes pero un gran respecto mutuo e penso que no persoal o trato e a relación fluíu dentro da cordialidade como exemplo de madurez democrática. Gracias, pois, polo seu traballo e desculpas tamén se nalgún momento o calor do debate me puido levar a algún exceso que, dende logo, nunca foi premeditado.

Xa me despedín estes días dos medios de comunicación. Aquí, síntoo máis por eles ca por min, porque seguramente sexan eles os que perden máis, porque perden un filón de titulares. En todo caso, reiterarlles a miña gratitude polo trato persoal exquisito que na meirande parte dos casos recibín e reiterarlles a miña petición de que de agora en adiante quero ser un cidadán anónimo, lonxe de todo protagonismo mediático.

E remato cunha referencia á Deputación. Esta é unha institución secular, importante en provincias como a nosa, cunha estrutura poboacional diseminada e con pequenas institucións locais, carentes de medios e de recursos. Compre coidala, compre querela porque é útil. Certo que necesita modernizarse, precisa un novo plano de competencias e financiamento que evite duplicidades, pero que presta e debe seguir prestando grandes servizos aos cidadáns.

A eles, aos cidadáns nos debemos os cargos públicos. E con eles me despido. Sempre me gustou ser un home do pobo, próximo ao pobo, que escoite o sentir da xente e agora volvo a ser un deles.

Moitísimas gracias a todos, de todo corazón. Gracias.
Baltar, José Luis
Baltar, José Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES