Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A galeguidade de Valle-Inclán

martes, 17 de enero de 2012
A GALEGUIDADE DE D. RAMÓN DEL VALLE-INCLÁN.

Con añoranza lembro agora aquel día do outono de 1970 eu, un rapazolo de 18 anos, nunha xuntanza que sostiñamos Xosé Carlos Sierra, Pepe Álvarez Cáccamo, Tino Méndez e cecáis algún outro que agora non podo relembrar -cousas da actual idade- ó redor da famosa, ó tempo prestixiada e rexeitada, “mesa camilla” con D. Ramón Piñeiro na sua casa con fronte a Rua Nova compostelán.

Presentéille eu a Piñeiro o meu proxecto de traducir ó galego as Comedias Bárbaras de D. Ramón del Valle-Inclán, toda vez que tanto en “Aguila de blasón”, “Romance de lobos” ou “Cara de plata” todo o paisaxe e paisanaxe descrito eran claros expoñentes da Galicia do seu tempo.

Piñeiro con toda a sua sabencia galeguista, anque tamén ás veces discutida polos dogmáticos, non me respondéu, erguéndose da sua cadeira achegóuse sen decir ren até o andel situado a sua dereita na “mesa camilla”, colléu duas carpetas azúis que tiñan rotulado “Valle-Inclán” i entregándomas dixo: “Gonzalo mira esto e logo falamos”. Abrín as carpetas e non podo decir o que tal vin naquel intre, pero si podo asegurar que quedéi pampo. Alí había textos de Valle-Inclán, maiormente manuscritos, moitos deles en galego, totalmente inéditos para min, e logo algún que otro do que tiña referente, e todos eles amosaban ben ás claras o sentimento e coñecimento de Galicia co que escribía D. Ramón del Valle-Inclán.

Pasado un pouco Piñeiro díxome: “Gonzalo comprenderás agora que si Valle non escribéu a sua obra en galego sería por algunha razón da súa única competencia”.

Dende ese intre frustrarónseme as miñas arelas de ser traductor de Valle-Inclán pero provocaron un fondo alicerce de profundizar polo míudo no estudo e coñecemento da sua obra.

Logo delo a miña primeira impresión foise confirmando ó leer “Aromas de leyenda”. Os seus catorce poemas reflicten claramente ó pobo e as terras de Galicia, as suas vilas e portos, os traballos cotiáns, as supersticións e os ritos, a imaxe dun pobo galego que, aínda que se escriba del en castelán, endexamáis foi tan ben dibuxado nunha obra poética.

As suas catro sonatas e o seu personaxe o Marqués de Bradomin mostran ben ás claras os restos do posfeudalismo e as pervivencias dos morgadíos na Galicia daquel tempo sometida por unha raquítica fidalguía ou subnobleza que, dende os pazos, seguían a manter os seus foros e prebendas sobor dunhas xentes e terras que cunha maestría insuperable fainos recorrer Valle-Inclán amosando un perfecto coñecimento delo como si asistíramos a unha lección conxunta da Historia, da Xeografía e da Antropoloxía de Galicia-

Por si elo non abondara ó releer “Divinas Palabras” ou “Flor de Santidad” relembramos de súpeto as lendas e tradiccións que de nenos escoitábamoslle as nosas aboas e pais e transmitidas oralmente ó longo de moitas xeracións por toda Galicia.
Máis si alguén aínda dubida do que eu afirmo non ten máis que leer o fermosísimo poema de Valle-Inclán tiduado “Cantiga de vellas” publicado na revista “Labor Gallega” da Habana o 25 de maio de 1916 (reproducido integramente na páxina 204 do meu libro “Os arousáns polo mundo. Nós tamén fumos emigrantes” -Vilagarcía 2008.) onde D. Ramón amosa un perfecto coñecemento do noso idioma e a sua fala nas casas labregas-mariñeiras do Salnés.

E abondando nelo chegóunos con leer en portugués a obra poética do tamén xenio universal Eça de Queiroz e as excepcionáis traduccións que fixo D. Ramón de “La Reliquia”, “El crimen del padre Amaro” e “El primo Basilio”, mostrándonos con elo un total dominio do noso idioma na sua verquente lusa.

E non podemos esquecer, insistindo na galeguidade de Valle-Inclán, que os seus primeiros artigos na prensa durante a sua curta estadía en México do 1892 ó 1893, foron publicados no xornal “El Universal” da capital azteca baixo o tíduo de “Crónicas Galicianas”.

Repasando toda a obra valleinclaniana é doado atopar numerosas expresións linguísticas en galego, sobor de todo as verbas familiares como: pai, nai, colo, berce, abó, abóa, lareira, casal, pazo, besta, etc..., polo que, dende xa, invito a filólogos e linguistas a que fagan un estudio polo miudo delo, anque, de contado, anuncio que eu, por pura e innata inquedanza, xa o teño iniciado.

Como decía anteriormente toda a obra de Valle-Inclán é un estudo miucioso da Xeografía, Historia e Antropoloxía social e cultural da Galicia daqueles tempos, investigar nelo sería unha importante aportación dos nosos estudosos.

Diante aqueles que critican que Valle-Inclán non escribira en galego eu dígolles que o lector chinés, alemán, francés, inglés, ruso, árabe... que lea a sua obra faino na sua propia lingoa, non en galego, pero o que si é certo que gracias a D. Ramón e a sua obra universal Galicia e os galegos somos coñecidos en todo o mundo, cousa que moi poucos dos nosos escritores acadaron e nunca con tal intensidade.

Negar a galeguidade de Valle-Inclán é tal herexía como negar a existencia da Galicia por él reflectida todo ó longo da sua obra e para elo non teño máis que remitirme as verbas ditas, por outro gran mestre arousán o inesquecible Daniel Alfonso R. Castelao nunha conferencia impartida na Institución Hispanocubana da Habana o 8 de xaneiro de 1939, entre outras e definitivas:

“El mundo arosano, con sus bellezas, sus tradiciones, sus misterios, su lluvia, su aire, su sol y su noche estrellada le dió a D. Ramón las mejores imágenes de su pensamiento.”

Con dogmas non se fai un pobo e unha patria. Abóndanos cos feitos.
Dixit.
Bouza-Brey Villar, Gonzalo
Bouza-Brey Villar, Gonzalo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES