Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Isaac, a humildade que soaba

viernes, 06 de enero de 2012
Faleceu Isaac Díaz Pardo, e con el a humildade que soaba. Coma calquera escritor, pensaría moitas veces na ineficacia das súas palabras. E sentiría desalento. Pero era home de esperanza, como o evidencian os seus froitos intelectuais nun amplo espectro cultural; mais tamén pensaría moitas veces que unha soa das súas sementes culturais, caída en terra fértil, podía producir aquela espiga fermosa e repoluda que tanto desexaba para a leira galega. E estou seguro que cando Isaac a veu granada, na súa habitual humildade, nin tan sequera sentiu a fachenda de sementala.

Foi Isaac un galego errante por terras americanas, sempre sen outra responsabilidade que a súa propia vida, que foi facendo, coma todos os humanos, con erros e acertos, coa argamasa do amor a Galicia e a fidelidade ós amigos, separado de moitos deles polo suco que labrou o belicoso arado dunha guerra civil, nada da incomprensión, a intolerancia e a furia bestial duns españois aloucados e uns políticos ideolóxicamente azorados.

Pero todo isto, para persoas coma Isaac, acabou sendo un desgraciado accidente, que el superou afogando os males e as dores na abundancia do ben facer, contendo o seu dorido espírito nun miúdo corpo, que esvarou na sociedade con exemplar suavidade, destilando unha paz entrañable, fecunda en abondosas e edificantes consecuencias, precisamente nas terras que o viron nacer, onde de neno, como di Claudio Claudiano, veu a mesma casa que de ancián, e apoiándose no bastón sobre a terra en que se arrastrou, chegou a contar longos anos.

Desexándolle unha paz ben merecida, quixéramos seguir disfrutando no noso recordo do seu enigmático sorriso.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES