Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Isaac Díaz Pardo

jueves, 05 de enero de 2012
A postura normal de Isaac nunha conversa era coa cabeza lixeiramente abaixada, erguidos uns ollos que fitaban, fixamente, nos dos interlocutores e sorrindo.

E é que o seu sorriso tiña orixe bíblica pois significa o seu nome en hebreo “o que fai rir”. (Di a Biblia que cando un profeta lle anunciou a Sara que ía ter un fillo ela se botou a rir; tiña 90 anos). E Isaac sorría por fóra e por dentro na súa vellez porque xa chorara de abondo na súa mocidade.

A seu pai, o publicista galeguista Camilo Díaz Baliño inmolárono –esa a palabra que el usaba- uns asasinos falanxistas nos comezos da guerra. Pero antes, desde o cárcere, deulle tempo a enviarlle ao fillo un regalo en forma de estrela literaria: "Prendinlle na cabeza do meu fillo/, unha estreliña forxada na irmandá/ e quero ver brilar a lus d'esa estreliña/ hasta chegar cegar./ Que vexan os demais n´esa estreliña/ a lus da libertá,/ que vexan que o tesouro máis querido/ o ten o seu brilar./ Estreliña feituca de cariños,/ estrela do meu lar,/ que sempre te levei como reliquia/ de Terra, Dios e Nai,/ xa te deixo prendida no meu fillo/ por sempre endexamais".

E como se dun mandato divino se tratase aquel adolescente de quince anos asumiu como tarefa a permanencia desa estrela, ou sexa unha actividade desbordante en favor da Terra coa que identificaba o pai morto.

Isaac, sempre desde a independencia de pensamento e compromiso vital, foi quen de erguer unha serie de obras que o configuraron como referente principal dunha Galicia viva, creadora, activa e con conciencia de seu e foi deixando en segundo plano a súa actividade primeira como excelente pintor.

Díaz Pardo creou, por exemplo, coa cerámica de Sargadelos, un signo de identificación colectiva novo, unha empresa ao redor dunha vella tradición, dunha nova estética e dunha conciencia definida. Mire na súa casa e seguro que ten algunha figuriña ou ese xogo de café de cando a voda. Pero Diaz Pardo, emigrante tamén en Arxentina, converteuse na volta no embaixador da Galicia austral e na súa casa sempre acharon garimosa acollida cantos viñan dos núcleos conscientes dquelas terras.

Apostou tamén Isaac por rescatar a memoria coa súa editorial do Castro moito antes de que Galicia existise en forma de institucións e nunca se repregou sobre si, e sempre se abriu ás colaboracións como a importantísma que mantivo coa editorial antrifranquista parisina Ruedo Ibérico.

Por todas estas cousas é pola xenerosa entrega do seu legado ao servizo público na Cidade da Cultura, é polas que merece ser homenaxeado e lembrado por sempre Isaac Díaz Pardo. E non, desde logo, polo conflicto de propiedade de Sargadelos que lle borrou o sorriso nos últimos anos, pois ata as mellores obras se non se adaptan pousadamente aos tempos poden acabar en amargura. Como amarga é a desparición desta vida exemplar e xenerosa.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES