Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Mariña en Mondoñedo

martes, 20 de diciembre de 2011
O día dezasete de decembro de dous mil once entrou xa na historia inesquecible.
Disque dende o mil catrocentos oitenta e tres Pedro Pardo de Cela e os compañeiros decapitados na praza da catedral mindoniense manteñen alerta ós seus espíritus para impedir que ningunha outra forza invada nese día o mencionado recinto so pena de teren que responder a tal ousadía cun enfrontamento a morte.
Pois velaí que a alguén se lle ocorriu elexir ese día tan singular para honrar a Cunqueiro co espectáculo A Noite de Merlín na esperanza de que os seus poderes máxicos nos iluminasen para emprender definitivamente o camiño da resurreción mindoniense. Mondoñedo e os seus arredores xa levan tempo á percura de conqueri-los esforzos e a unión imprescindibles para manter ergueitas as estructuras socioeconómicas e culturais, inquedanza parella á titánica loita das personas por conserva-la vida na terra que un ama, pero o Elsinor do Hamlet cunqueiriano onde ….”todo se nos vai pechando”, avanza implacable tal fose un agoiro maléfico, sen pausa e sen trégoa.
A Noite de Merlín era unha idea, un fermoso castelo bailando no aire, aboiando na ausencia de medios e na escaseza económica; nacera en pleno inverno a flor da utopía que sendo desexada pola maioría viuse obrigada a exercer de esmoleira, rezando de porta en porta a súa propia agonía ata atopa-los brazos de catro grupos de teatro da Mariña. O Bordelo de Cervo, A Adala de Fazouro, O Batán de Cangas e Raiolas de Alfoz, expertos en sacar da nada mil alegrías, non dubidaron en aportar material e os técnicos necesarios para construir no auditorio Pascual Veiga o aposento máxico a onde serían convocados polo tanxido das campás da cidade tódolos mindonienses , comarcanos e galegos agrupados en variados colectivos culturais , co amparo de organismos oficiais e co apoio das personas altruistas que tiveran a ben contribuir na percura da luz do Mago Merlín. Centos de nomes caberían aquí, centos de almas co mesmo sentir ás ordes dun mozo disposto a sufrir polo ben do seu pobo.
Por algunha razón incomprensible á mente dos humanos, na noite do quince ó dezaséis , un terceiro cuarto de lúa disfrazado de auga e vento, desatou tan despiadada tormenta que conseguiu arrancarlle-la alma ós Piñeiros do Reguengo. Desfeitos, anagados en bágoas, todo o hai que dicir, coa súa barca á deriva, relembraron aquel texto no que Cunqueiro dicía. “Estamos moi apretados por culpa do vento eirado, semellante a un grande exército oubeador que cercase á vila por toda unha longa noite”.
A véspera do dezasete amenceu tristeiro, cunha pesada lastra por riba. Semellaba que o teito do mundo cedera e non atopabamo-las forzas precisas para que de novo se erguera. Foi daquela cando a amizade a solidariedade e o compañeirismo das xentes de toda a Mariña, armados con flores, bicos e apertas achegáronse a Mondoñedo e coa súa importante presenza abriron a porta da irmandade , da calma e da esperanza.
Cos espíritus acougados, dispostos a compartir espazos e esforzos polo ben de todos, rematou o día adicado a Cunqueiro cunha maioría satisfeita e agradecida polo esforzo e polo traballo feito co cal se demostra que só coa unión se acadarán os futuros éxitos.
Dende o corazón do Reguengo, nas abas do Padornelo, mil grazas a todos por aportarnos calor , compartir sentimentos e por confiar en que aínda estamos a tempo de construir un futuro espléndido, o máis firme desexo da alma que vai camiño do ceo e de todos cantos amamos ás terras de Mondoñedo.
Piñeiro Gzlez., Francisco
Piñeiro Gzlez., Francisco


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES