Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ítaca e os Lestrigóns

lunes, 19 de diciembre de 2011
Se vas emprender a túa viaxe cara Madrid pide que o teu camiño sexa longo, rico en experiencia e en coñecemento. Chegar alí é a túa meta, pero non apresures a viaxe, é mellor que che leve anos e adíes o final. Tampouco esperes grandes riquezas nin premios: Madrid regalouche unha fermosa e demorada viaxe en vía ancha. Así saberás que Madrid forma parte do camiño mesmo e que a distancia que nos separa do desexo cumprido é sempre relativa e anecdótica.

Con todo, será unha fermosa odisea cruzar o campo. Cómpreche moito gardar forzas porque chegarás arrastrado coma un mendigo. Apenas haberá paradas, a non ser as consideradas pertinentes por pura estratexia política. E has de saber que será duro de vez abeirar a bo porto, porque Poseidón non está polo labor de aportar fondos e os deuses europeos andan ultimamente moi mosqueados con Zeus e aquí ninguén está para investimentos.

Kavafis xa sabía que esa separación física co obxecto de desexo é apenas tedio sentimental, un baleiro mesetario que hai que cubrir co paso do tempo. Pero non é fácil percorrelo se os lestrigóns te acosan ou se o ollo do Cíclope te observa de esguello e con mala fe. O monstro que vive na mina sempre agarda a súa oportunidade para esgazar a túa carne de viaxeiro.

Ti procura desoír os cantos de sereas dos telexornais e da precampañas. Concéntrate, se tal, en beber da flor de loto para esquecer a separación da costa amada e dos teus desexos.

Pide que o teu camiño sexa longo, rico en coñecemento e experiencia e non apresures a túa viaxe. O homo viator fará o resto. Non dubides que o longo traxecto devirá un día en paseo, e a paisaxe que se che entregue será máis rápida. No 20?? a alta velocidade ha de tinguilo todo de rapidez cromática e para daquela, a nostalxia do corazón dos galegos viaxará por vía ancha, así como agora nos bole o sangue inquedo nas tempas.

A nosa memoria borrará os días lentos da Nacional VI e devalará cara atrás no tempo ata facerse brétema. Avantaremos entre cómaros e corgas e vales e a máquina será outra vez o novo Cristo dos tempos modernos. (E como será ir a Madrid sen parar a tomar o café en Vega de Valcarce?)

Outórgasenos sempre a odisea de agardar, mais só Pénélope dá atesourado tanta paciencia. Mentres tanto imos sacar billete a Ourense, porque é certo que Ítaca tamén se deixa ver na distancia, así a grolos, coma o verso solto dun poema. Un avance no horizonte…
Perez Rei, Mariña
Perez Rei, Mariña


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES