Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esguellos electorais (IU)

jueves, 15 de diciembre de 2011
Toca falar das eleccións. É máis, veño dedicando varios artigos mirando a realidade dos resultados un pouco de esguello. Poida que me equivoque, pero gústame ver as cousas sempre desde os meus ollos e non desde as palabras e declaracións dos implicados directos. O mediterráneo é o mar máis transitado do mundo mundial desde o tempo dos fenicios, pero, aínda así todos os anos hai miles de afogados nel. Naveguemos, pois.
Por levar a contraria empezarei dicindo que vexo como derrotada das eleccións a Izquierda Unida.

Tranquilos. Explicareime con calma. Empecemos co Sr. Cayo Lara. Atrévese a dicir que o seu grupo levará a voz da rúa ao Parlamento. E dío, tan pancho el, como demócrata sovíetico, xustamente despois de que falasen as caixas de metacrilato, e dixesen nun 93’08 por cento que o Sr. Lara non as representa o máis mínimo. Ou sexa, desde o 6,92 por cento dos votos de España cómpre un pouquichiño máis de modestia e contención. A rúa, non ten máis dono que o paseante, os nenos que gritan, os cans que levantan a pata, os gatos acobillados nos casetos do Concello de Ourense, e as malditas pombas que tiran coas consumicións nas terrazas do Parque. A voz política da rúa, da xente é a do señor que votou PP, a da matrona vasca que prefire Amaiur, do persistente votante do PSOE, ou do que opta, lexitimante, por IU. Guste máis ou guste menos, todos son iguais cachos de xente, de pobo, de rúa. E punto pelota. Mesías, non, graciñas.

Sigo. Derrotada Izquierda Unida porque subiu só uns 700 mil votos nun momento no que o PSOE baixou catro millóns e medio. Ou sexa se arrapañase todos de alí –e algún indignado noviño pillaría- eses 700 mil só suporían o 16% dos votos de desencanto socialista. O PSOE segue a ter dez veces máis forza parlamentaria, 110 deputados fronte aos 11 e é de alí de onde onde interesa ao público a rexeneración de ideas. De IU xa se sabe que non cambiará o discurso. Agitrop constante. Ademais, o bloque de esquerdas como lle gustaba calcular a IU antes, suma hoxe 121 (110 máis 11) fronte aos 171 que tiña no anterior Parlamento. E eses 11 deputados de IU son só das cidades grandes, ou sexa alí onde se elixen máis. Así, pilla 3 en Madrid –de 36 deputados- e outros 3 en Barcelona –de 31. E depois obtén cadansúa acta por Zaragoza, Valencia, Sevilla, Málaga e Asturias.

No País Vasco, depois da errática política de alianza co conservador PNV no goberno anterior e da integración dunha parte en Amaiur, a candidatura apadriñada por Madrid baixou moito os resultados electorais mentres que outra parte, Ezker Batua, nin se presentou. Política confusa onde vai ser clave nos próximos meses as ideas moi claras.

En Galicia, aínda que medren –cousa fácil, viñan da nada- tampoco creo se poida presentar como vitoria o pírrico 4,12 %, obtido nunha situación ideal para os seus propósitos: cun partido de esquerdas erosionado no goberno central, un de dereitas na Xunta aplicando xa políticas de contención, un BNG frouxo sen ideas novedosas e alidado histórico do goberno central saínte. IU vende vitoria. Moito motivo de alegría fondo non vexo, aínda que, loxicamente, e mellor ter 11 ca 2, claro.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES