Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Parábola do cruceiro roto

miércoles, 14 de diciembre de 2011
Parbola do cruceiro roto Compás social
PARABOLA DO CRUCEIRO ROTO


Un cruceiro descabezado á beira dunha encrucillada de camiños, pode ser unha anécdota ou unha gran metáfora. Había unha vez, dende os tempos xa anónimos ata hoxe, un cruceiro de fermosa labra, ergueito e chantado nun muro de pedra xunto o camiño dunha aldea centenaria. Aquel vieiro era antonte fonda corredoira lamacenta, onte camiño empedrado e hoxe estreita “pista” de asfalto. Quen puxo alí a cruz, ben en alto? Non podemos sabelo. A cultura oral das xeracións pasadas fuxiu nas alas do anonimato inxusto. Só a imaxinación pode reconstruír o significado primixenio dese berro de pedra, clamando contra o esquecemento. Quizais sexa a lembranza dalgún ser humano que finou alí de repente ou de desgracia, ou de ambas cousas á vez. Ou quizabes, sen ir tan lonxe, sexa unha mostra do alento relixioso dos labregos que quixeron protexer aquela perigosa encrucillada na que tantos carros do
país trouquelearon e tantos animais de carga e persoas pasaron cansos de traballar arreo.

Certo día, nos comezos da mecanización dos agros, unha aleivosa escavadora, co cazo levantado coma cabeza dun dinosauro de ferro, escachizou a cruz e parte do capitel daquela pequena obra de arte. Os anacos espalláronse na silveira e alí quedou só o fuste chantado, vertical, esmoucado e pregando o ceo, sombreado polos piñeiros e alfombrado polas silvas. A empresa dona do monstro metálico seguiu de largo e calou, pero os veciños próximos retiveron o nome; mais ninguén se sentiu impelido nin autorizado a pedir responsabilidades. Para iso están a autoridades locais, ó parecer moi sensibles coa conservación do patrimonio natural e cultural.

E seguiu, segue o vaivén. Os viandantes a pé ollan, fitan, razoan, lamentan, imaxinan que a reparación chegará algún día ó ritmo da burocracia. Os coches e motos, aproveitando a recta pista, pasan zumbando a toda mecha sen decatarse a penas da columna de pedra erguida sobre o valado. Pasará tamén algún samaritano? Ao parecer xa pasaron varios que prestaron o primeiro auxilio de avisar algún organismo competente na materia; mais, transcorridos xa uns quince anos, non hai resultados visibles. Os restos do pobre e humildiño cruceiro seguen o destino implacable do seu esmorecemento. Ata o presente de nada valeron as consideracións humanistas, artísticas e relixiosas: aquel cruceiriño era a lembranza dalguén que nos pide respectuosa memoria; era unha síntese da arte e identidade popular galega; era un símbolo do misterio do Cristo crucificado que transformou boa parte da cultura e da experiencia relixiosa da humanidade. Mais nin con esas razóns se arranxou ata o día de hoxe.

Os que matinamos sobre esta situación, aparentemente irrelevante, temos o gran desafío de interpreta-la axeitadamente e ponderar a súa transcendencia, tanto real coma simbólica. Neste intre histórico, ¿que ocorre na conciencia colectiva das comunidades rurais? No presente escenario temos tódolos actores: coñecémo-lo responsable do estrago, a veciñanza no miradoiro, as autoridades municipais e os específicos organismos autonómicos sen resposta. Entre as verbalizacións e os silencios non se albisca o remate desta micro historia que pode considerarse como unha simple anécdota, un leve paréntese na parsimonia rural ou converterse nun espello roto, nunha parábola visible dunha sociedade cansada e desanimada, sen azos nin dirixentes para preservar o seu pasado e proxectar o seu futuro. Non estamos, quero pensar, ante un posible caso de arremedo laicista, senón dunha desidia interiorizada e feita hábito colectivo. Así mesmo é posible que para os dirixentes a simple verbalización ocupe o lugar da realidade e da acción reparadora necesaria. Seguiremos matinando, porque temos razón, porque creemos ter toda a Razón.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES