Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esguello electoral (Bng)

miércoles, 07 de diciembre de 2011
Magnífico resultado, di o voceiro do BNG sr. Guillerme Vázquez. Cun par. Si señor. 2 deputados de 23. Magnífico. En fin. O nacionalismo galego e, novamente, un dos grandes derrotados das eleccións.

Primeiro, de seu. Porque só existe a opción BNG e polo tanto calquera galego de centro, tipo CiU, PNV, sabe que non falan para el nin para ninguén que non ame a estrela vermella que houbo na cima do Kremlin. Vella confusión entre partido e país, a do nulo uso da bandeira común dos galegos. En fin. O BNG tratou de facer un nacionalismo -de boca- moi de esquerdas (“Cuba si, yankees non”, berran cada 25 de xullo en Santiago) nun país moi de dereitas, e defendendo unha identidade exclusivista nun pobo que a asume de forma moderada e combinatoria.

Pero imos coas eleccións, O BNG só repite deputados, pois baixou 30.000 votos, o 13,77 por cento dos seus apoios. Quédanlles 183.279. Tentou, pero non deu, recoller o descontento co PSOE en Galicia. De aí a acalaración de “nacionalismo de esquerdas” na que teimaba Vázquez. O PSOE galego perdeu 300 mil votos e o Bloque os 30.000.

¿E onde foi tanta vida? Repartidiña grazas á liberdade dos votantes. Uns pasarían ao PP, por suposto, que subiu uns 45 mil ata chegar a 855.732, o 52,52% dos emitidos, e outros esparexeríanse entre as mesmas formacións que no resto da “área común”. Así, IU subiu 42 mil e ten xa os seus 67 mil, UDyP logrou 20.000, EQUO, 10 mil e os toliños do Partido Animalista mais de 7.000.

Dicíallles “área común” porque creo que en España se observan tres dinámicas electorais. O País Vasco cuxa nova hexemonía nacionalista dará os máis graves problemas politicos ao goberno PP no futuro; Cataluña, onde os cidadáns entenderon e apoiaron os recortes do goberno de CiU, e o resto, a “área común”.

Obviamente, hai nela sensibilidades e matices distintos. No sur e Asturias, certa tendencia á esquerda –arestora moderada-, no centro e norte, máis á dereita. Tamén hai pequenos partidos locais, que veñen e van. Desde a Chunta de Labordeta aos Cántabros do simpático Revilla, ou ao Partido Andalucista, Aragonés Regionalista, etc. Ese é o perigo do nacionalismo galego, converterse en residuo.

O que está claro é que o Bloque perderá presenza nos medios e no Parlamento. A TVE non será a “goberno amigo” e en vez de 5 grupos parlamentarios (PP, PSOE, catalán, vasco e mixto) haberá agora 8 (outro vasco, IU e UPyD a maiores). O BNG será o vinte por cento do mixto onde compartirá espazo e tempo con asturianos de dereitas, cataláns e navarros independentistas, canarios, valencianos... Complicado.

Non sei se nesta dixuntiva tería sido mellor que o BNG non sacase representación ningunha para que non houbese posibilidade de contentarse cos “magníficos resultados” facer unha catarse de sete estralos. O novo discurso tería que vir cun cambio radical nos protagonistas, no fondo e na forma. Emprender o camiño de ser máis país real e menos soñado, sacar estrela, cambiar o nome, e reinventarse. Ou ben seguir acollidos á frustrante felicidade inútil do 2/23 e botarlle as culpas ao pobo cego por non saber onde está a chave da luz. Que hai de todo, claro.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES