Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esguello electoral (PP)

viernes, 02 de diciembre de 2011
O PP gañou e perdeu. Gañou o goberno e perdeu a tranquilidade desacougada de seguir nese lugar tan fácil que é en época de crise a oposición. Pero é intrínseco aos partidos políticos, a paixón polo goberno, polo intento de resolución dos problemas reais e fictícios con que se encontran os países. E por problemas reais, desta volta, parece que non ha quedar a cousa. Nin ficticios, se cadra.
O PP medrou un 4,68 % de apoios e en números absolutos 552.683 votantes e unha chea de deputados. E como o PSOE baixou 4,5 millóns podemos deducir que o PP conservou os seus votantes e recolleu uns poucos máis nun país canso e desacougado.
Pero a situación que lle vai tocar xestionar é complicadísima en España e no mundo. Aínda así, non parece probable que pase pola cabeza de Rajoy interrogarse se fixo ben ou mal deixando o posto de rexistrador ao que accedeu aos vinte e catro anos e co que podía ter levado unha vida regalada de ser ese nugallán, que, absurdo parece, sinalan os seus opoñentes. Hai que ter moita vocación de servizo para meterse nesta vaina política e deixar de cobrar como rexistrador e gozar da vida fácil de Pontevedra, Sanxenxo e a Lanzada. Iso que sempre será unha tentación, a da volta ao traballo gañado antes da dedicación á política, á que non todos os deputados e deputadas poden sucumbir, porque para moitos non hai vida, digo forma de gañar a vida, fóra da politica.
En fin. Para que vexan que a botella non só está medio chea ou medio vacía senón que pode ser alta se se mira desde un prato ou redonda se se mira desde a cima, e para que vexan como se pode retorcer a realidade sen que deixe de selo, voulles asegurar, poñéndome abertzale e sen enganarme nin enganalos, algo sorprendente: Non foi Amaiur, foi o PP quen gañou as eleccións en Euskalerría. Non se asusten que me explico. Entre o País Vasco e de Navarra os conservadores do PP –alí cos seus pares UPN- sacaron 336 mil votos. En ambos territorios, Amaiur sumou 333 mil e os do PNV aproximadamente os mesmos, porque aos 323 mil do País Vasco teríanlle que sumar unha parte dos 42.000 votos que sacou Garoa Bai en Navarra, coalición na que están integrados. O PSOE, pola súa banda, sumou 326 mil. Así a cousa, entre eses dous territorios teríamos catro forzas con semellantes votos, pero gañando, por pouco, ese PP que foi o máis votado en dúas provincias, Álava e Navarra e nas outras dúas, cuarta. E Amaiur de primeira nunha –Guipuzcoa- e de terceira nas outras tres. E o PNV e primeira en Vizcaya e de terceira e cuarta nas outras. E o PSOE en tres de segunda e nunha –Guipuzcoa- de terceira. A situación é, como ven, complicada, pero non debemos esquecer eses datos de votación.
En Galicia, pouco hai que dicir. O PP perdeu en sete concellos (de 313), por total xunto de 425 votos. Nas Pontes, Coruña, por 21 votos; En Pedrafita, Lugo, por 129, e en cinco concellos de Ourense: Allariz (por 12 votos), Carballeda de Avia (26 votos), Castrelo do Val (20 votos), Parada do Sil (26 votos) e Vilar de Santos (191 votos). A pesar destas cinco derrotas creo que non lle foi de todo mal ao PP de Ourense. É broma. Felicidades e a traballar.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES