Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O necesario ejemplo de Don Paco

lunes, 28 de noviembre de 2011
Nos tempos de corren, de desazón, apatía e abatimento no mundo cultural galego, é bo recordar a actividade e o exemplo dese home trascendente na cultura galega da segunda metade do século XX que foi don Fco. Fernández del Riego; este home que o pasado sábado se cumpríu, xustamente un ano, morría na cidade de Vigo.
Pero don Paco non é moi coñecido. Non é un escritor como Álvaro Cunqueiro, nin un emigrante rico como Benito Villamarín, nin un pensador como Vicente Risco ou xeógrafo como Otero Pedrayo. Se nos guíasemos polas novas nomenclaturas diriamos que don Paco foi marabilloso xestor e conselleiro delegado da promoción dunha romántica empresa que existía nos corazóns máis que en ningún outro lugar: Galicia.
Don Paco tivo a sorte de morrer aos 97 anos despois dunha andaina de servizo ao país inigualable na súa duración e intensidade. O seu primeiro libro de memorias, “O río do tempo” podíase tamén chamarse “o fío do tempo” porque se o río pasa, o fío tece. E don Paco dedicou unha vida a tecer país. Fío a fío, xunco a xunto, bimbio a bimbio recadou todo esforzo posible para encaixalo no grande cesto que soñaran alá con vinte poucos anos, cando andaba cos amigos galeguistas ás voltas coa campaña do estatuto de autonomía. Logo cadroulle ir á guerra; sobreviu, voltou, asentouse en Vigo. E deu en traballar para manterse el e para alimentar, teimosamente, en todos, a esperanza colectiva dun novo tempo que había vir. A súa actividade ao longo dos seguintes de sesenta anos foi inasequible ao desalento e guiado só pola súa conciencia fiel e polo maxisterio de Ramón Piñeiro compañeiro de xeración e vivencias. Entrambos poderían sintetizar o título da revista anarquista coruñesa do grego-arxentino Antonio Foumerakis, “Brazo y cerebro”. Os dous deseñaban as estratexias, desde a recuperación imposible do Partido Galeguista nos anos da inmediata posguerra á posterior centralización decidida da cuestión cultural, pero sen dúbida, Francisco del Riego, foi o brazo máis destro e hábil no traballo posible. Animosamente foi cerna de ducias e ducias de iniciativas. Desde o centro da súa Galaxia exerceu de correspondente do programa galego da BBC, dos Papeles de Son Armandans e de ducias de revistas de centros galegos da Emigración. O seu empeño máximo foi sempre a suma de vontades ao redor da Idea Galicia. E así, por el abríronse as portas de novo a xentes como Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro que deixaran a casa común no tempo frío, pero tamén soubo integrar canda si, nunha Illa Nova, aos rapaces como Ferrín ou Casares que xa non coñeceran os vellos tempos mestos de odío e sangue.

Consciente da volatilidade das cuestións políticas, xirou sempre ao redor da permanencia da cultura como eixo vertebrador de Galicia e soñou o Día das Letras Galegas. E nesta angueira, nunca se rendeu, nunca se abateu, nunca deixou de aproveitar calquera espazo, oco, fenda, ou brecha para ir avanzando e consolidando os soños. Tivo a sorte de vivir en tempos autonómicos e que o país recoñecese o seu esforzo con moitos cariños e premios. Shakespeare no epílogo d’A tempestade dixo aquilo de Estamos feitos da mesma materia que os soños. Don Paco, materia terrenal, fumador de puros e gozador da mesa de prato farto e conversa intelixente, fíxonos soñar ese seu soño esencial e nós temos a obriga, tamén por el, de sermos inasequibles, sempre, á apatía e ao desalento.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES