Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un Certame e un libro de Martiño Maseda

viernes, 25 de noviembre de 2011
Vilalba, e en xeral a Terra Chá, ten acreditado ser unha terra poética. Tanto que se pode falar dunha Escola poética vilalbesa ou Escola Poética Chairega, na que moito tivo que ver o Seminario de Mondoñedo e a súa tradición cultural e literaria.
Na sección histórica desta “Escola poética chairega” figuran con letras de ouro os nomes de Manuel María, Aquilino Iglesia Alvariño, Xosé María Díaz Castro, Xosé Crecente Vega, Francisco da Fientosa, Avelino Díaz… e xenuinamente vilalbeses como Antonio García Hermida, Manuel Mato Vizoso, Xosé Luis García Mato, Carmiña Prieto Rouco, e un amplo etcétera.
Pero esta Escola ten unha florecente actualidade, xa non dependente do Seminario mindoniense, que ten relación co Certame Literario de Vilalba, aínda que coido non se pode achacar – ou quen sabe! – este florecemento poético chairego e vilalbés ao Certame Literario do Concello de Vilalba.
Primeiro foi, eu era un neno, o Certame Literario da Terra Chá, que cada ano en Vilalba premiaba poesía, provocaba Pregón, e facía que os 13 concellos que daquela compoñían a Chaira – Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Friol, Guitiriz, Meira, Outeiro de Rei, A Pastoriza, Pol, Rábade, Vilalba e Xermade – rendisen pleitesía á capital, e participasen nos actos solemnes que se celebraban.
Aquel Certame durou o que durou, e nalgún momento algúns concellos quixeron que fora itinerante. E lembro un acto de entrega no que conseguín un modesto segundo premio de xornalismo que se celebrou nos xardíns do Balneario de Guitiriz, con pregón de Camilo José Cela, que foi a única vez que o Certame da Terra Chá se celebrou fóra de Vilalba, e tamén a última celebración.
Entón o Concello de Vilalba decidiu que non debía morrer a tradición literaria vilalbesa e creou en 1975 o Certame do Concello de Vilalba, xa en solitario. Naquel 1975 premiamos a un mozo chamado Xavier Rodríguez Barrio, e tamén – había premios para rapaces- un poema –senón antifranquista, manifestamente rebelde- de Francisco Xavier Lamas.
Nos primeiros xurados estiveron Tuñas Bouzón e Anxel Fole, Carmiña Prieto Rouco, Gerino Núñez ou Celestino Fernández de la Vega. E eu fun vocal na primeira edición e secretario nas trinta e seis que lle seguiron, polo único mérito de ser vilalbés e facer que se me note.
Nesta etapa do Certame foron premiados os poetas chairegos da actualidade que podemos e debemos chamar “consagrados”: Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán Vello, Xesús Rábade Paredes… e dous presentes neste acto, María Xosé Lamas e Martiño Maseda Lozano.
O Premio de Vilalba entendo que se foi consolidando ano tras ano, que se fortalecendo, e conseguindo ser un premio prestixioso, ben dotado, que chama a atención dos creadores como unha meta importante. E, desde hai dous anos, co definitivo impulso que lle proporciona a publicación dos libros premiados por parte da editorial Espiral Maior en colaboración co concello vilalbés.
Sobre esto hai que pensar que os poetas que acadaron os seus premios con anterioridade a esta novísima etapa da edición dos traballos premiados en libro, tiveron menos sorte que os premiados na actualidade. E tanto María Xosé Lamas como Martiño Maseda teñen motivos para lamentar ter madrugado na consecución dos premios. Están nos seus currículos, recibiron a dotación económica, unha flor natural e o aplauso dos presentes no acto da entrega de premios, pero daquela non se editaron libros que sexan testemuña daquela honrosa distinción.
Pero Martiño Maseda tense quitado esa espiña, se é que pode chamarse así terse anticipado á nova situación, e aínda que o seu “Diario dun ser perdido”, primeiro premio do Certame vilalbés do 2005, permanece inédito, ao ter acadado o segundo premio do Certame de Vilalba no 2010 e de novo no 2011, co gallo das pasadas festas patronais vilalbesas e do Certame Literario veu a luz o seu libro “NOS LABIRINTOS DA ALMA”, e para o ano que ven ten xa asegurada a publicación do libro que recolla o seu meritorio traballo premiado o presente ano.
O Concello de Vilalba, con este último paso dado para a publicación dos libros premiados, afianza definitivamente un Certame dos máis veteranos do país, que ten que dar pulo a novos creadores e apoio a autores consagrados, nun esforzo digno de ser recoñecido que vai camiño das catro décadas de existencia.
Polo que a Martiño se refire poido dicir sen que esto afecte ao segredo que ten que gardar un secretario de Xurado, que o fallo vense producindo practicamente por unanimidade, especialmente no presente ano, no que todos os membros do Xurado tiñamos seleccionados sendos poemarios fermosos e fondos que verán a luz o ano que ven.
E remato volvendo ao tema da existente ou suposta “Escola poética vilalbesa” ou “Escola poética da Terra Chá”. Habela, haina, potente, destacando no panorama da poesía galega alomenos desde o comezo do século pasado. E pode que non deba afirmarse que xorde ou se fortalece pola existencia dun certame poético na capital da Terra Chá.
Pero o que ninguén me negará é que ese Certame xorde por unha previa realidade poética chairega, respondendo a unhas ansias literarias en contínua fervenza, e conseguindo avivecer o ambiente poético que ten florecido e agroma en exemplos fermosos e prometedores con textos que saen da alma – “Nos labirintos da alma – para enriquecer a alma poética colectiva da comarca galega que precisamente un poeta – Manuel María- descubreu para todos nós como unha Patria Poética, como unha patria pequena na que vivir facendo –e lendo, disfrutando- poesía.


Texto da intervención de X.X. na presentación en Lugo do libro
“Nos labirintos da alma”, de Martiño Maseda Lozano.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES