Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A vellez é o porvir común

miércoles, 23 de noviembre de 2011
Aínda que esteamos a esquecelo constantemente, o certo é que o porvir de toda existencia é sempre a vellez. Mesmo as pedras, con ser materia inerte e non contar con bioloxía, redondean, agretan e envellecen. Ata elas sofren un proceso que as encamiña cara a desaparición. Elas tamén, malia que semellan tan compactas e tan rexas.
Non sei que sensación terían as pedras, se puidesen tela, ao sentir o paso do tempo por riba co consecuente proceso de transformación. Tampouco sei que sensación ten unha árbore, ou unha herba, nin tampouco un insecto ou un peixe ou un paxaro. Seguramente será o seu instinto quen se encargue de darlles información do proceso.
Si, certamente un ser humano tamén é un animal, polo que se estivese a vivir como na súa etapa primixenia, recibiría unha información semellante, pero nós, por causa da nosa complexidade cerebral, desenvolvemos outras capacidades que obraron en detrimento da agudeza do noso instinto. Debido a iso os humanos estamos supeditados á razón, que ás veces lle presta máis dedicación a cousas eventuais e pasaxeiras que a un tema transcendental como é o camiño da vida.
De neno un ve a vellez como algo remoto e ten a sensación de que o tempo non dará de si o suficiente para que un acade a idade dos seus avós. E cando un se converte en rapaz aínda a considera tan lonxe que nin se para en reparar nela. Ata as veces un non é quen de imaxinar que un determinado ancián puidese ser novo anos atrás. Quizais é na madurez cando un toma conciencia da súa existencia e comeza a fixarse nas fotos de neno nas que aparecía custodiado polos seus pais, polos seus maiores. Si, son os mesmos, pero agora están distintos. Decatámonos, pero axiña xorde unha ocupación trivial que empece a reflexión e pospoñemos o tema, que volverá xurdir en repetidas ocasións e volverá pospoñerse.
Quizais a reflexión máis profunda que fagamos sobre a vellez sexa cando un ser querido e próximo desemboca onde toda longa idade ten o seu esteiro natural. Daquela pode que teñamos dúbidas de se esa ou ese que marchou estivo aquí por nós ben atendida ou atendido cando precisaba. Se fomos verdadeiramente correspondentes con esa persoa.
Seguramente moitos dirán con firmeza aquilo de que “non lle faltou de nada” e ata pode que na maioría dos casos e no referente aos coidados médicos e ás necesidades alimentarias teñan razón, pero saiban que o coidado máis ansiado e o alimento preferido dunha persoa maior é o cariño, que ten máis que ver coa dedicación que co desembolso monetario.
E saiban tamén os que isto len que nun futuro máis ou menos achegado, todos, incluso nós, seremos vellos. No mellor dos casos.
Novo, Isidro
Novo, Isidro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES