Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un soño financeiro

jueves, 17 de noviembre de 2011
Hai uns meses tiven un soño relacionado cos bancos. Incriblemente non era un pesadelo; era un soño bonito. Foi alá cando se ventaba a inevitabilidade da fusión das Caixas e a necesidade de achega de cartos privados. Era un soño a prazos; curto, medio e longo. Uns vinte anos, ou se cadra menos.
Soñeilles que unha nova dirixencia se facía cargo da Caixa en fusión.

Os ricos galegos, Amancio Ortega, Rosalía Mera, Manuel Jove, Jacinto Rey... petaban na mesa e puñan condicións. Os vellos Consellos de dirección dimitían. Os xefes, nerviosos, pactaban retiradas discretas con orella gacha, sen peto nin cazo. Había, claro, un par de auditorías. Para ver se eran certos os ruxe ruxe dos préstamos fabulosos e non devoltos de familiares e achegados. Non lembro –os soños son esfiañados sempre – como acababa, pero algo me soa de espazos reducidos con reixas e pouca luz.

Despois dei volta na cama e seguín imaxinando. Redimensionábanse as redes de atención ao público de acordo cos empregados e sen traumas, amortizando prazas de xubilados incentivados. O medre das operacións por internet facilitaba tamén que as sucursais tirasen á baixa. Mediante pactos previos discretos -creo que insinuados desde o poder- algo semellante facía o Banco Pastor. Pouco a pouco. Con calma. Dez anos ou así. Logo sentábanse. Empezaban conversas para a fusión da Caixa e do Pastor. Sumábase o Etcheverría e quedaba como árbitro. Claro que integraran antes xa o Banco Gallego e a Caixa Rural Galega. Curiosa pero non sorpresivamente se meteu na operación, sempre mirando a Galicia desde a absorción do Simeón, a Caixa Geral de Depósitos.

E así, coma quen di a cousa, formábase un grupo financeiro de tamaño viable ao redor da grande urbe atlántica Porto-Vigo-Coruña e coas cidades todas do eixo atlántico como motores de segundo nivel. As fronteiras, os localismos xa só os lembraban os máis vellos.

En fin, que acabei espertando. Mirei pola fiestra e vin, inmenso, o fondo dos ollos do lobo. En vez de código civil e penal, o premio aos xestores do fiasco era cubrilos de ouro. Seis, oito, once, quince millóns de euros... Pero sae o tabú: ¡É legal! E a min sáeme o anarquista. ¿E que me importa a lei? Os papeis teñen conta do que lle poñen pero non o fan xusto. Si, claro. As leis son as regras de xogo das sociedades civilizadas. Si. Incluso das ditaduras. Con Franco estaban prohibidas moitas cousas normais e era legal a pena de morte. Así que se se produce colisión, situémonos ao lado da xustiza, do sentido común, da ética, da lóxica e non da lei, que debemos cambiar para que coincida coa ética. Inmorais esas liquizacións. Inmorais as pensións máximas con sete anos de parlamentario. Inmoral ciscar o diñeiro colectivo que un debe xestionar. Inmoral que a lei protexa a inxustiza.

Mentres non esixamos máis ética que leis aos xestores, non hai arranxo, pois é imposible lexislar todas as circunstancias que se lle poden presentar a unha persoa. Non é razoable que o único que impida o roubo aos que lles damos responsabilidades, en calquera ámbito, sexa o temor a que os pillen en algo “ilegal” e os castiguen. Non.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES